Tema 11: O mundo clásico II - Roma

Site: Aula Virtual IES Mendiño
Cours: 2023/2024 XEOGRAFÍA E HISTORIA 1º ESO
Livre: Tema 11: O mundo clásico II - Roma
Imprimé par: Usuario convidado
Date: vendredi 16 janvier 2026, 01:03

Description

Apuntamentos do tema 11: O mundo clásico II - Roma

1. Cronoloxía

ORIXES

No século VIII a.C. a Península italiana estaba habitada por diversos pobos entre os que destacaban:
  • Os Etruscos en Etruria, ao norte.
  • Os Latinos no Lazio, no centro.
  • Os Gregos na Magna Grecia, ao sur.
Precisamente, foi na rexión do Lazio, á beira do río Tíber, onde no século VIII a.C. naceu a cidade de Roma. Segundo a lenda, a cidade foi fundada en 753 a.C. por Rómulo e Remo.

Rómulo e Remo Podes ollar este vídeo de 2' onde se conta moi brevemente o mito da fundación de Roma con Rómulo e Remo como protagonistas.

ETAPAS

A Historia de Roma divídese en tres etapas:
  • Monarquía (753 a.C.- 509 a.C.)
  • República (509 a.C. - 27 a.C.)
  • Imperio (27 a.C. - 476 d.C.)

Italia S. VIII a.C

Loba Capitolina
Cronoloxía de Roma
Olla esta animación flash cos feitos máis salientables de cada unha destas etapas.

1.1. A Monarquía

Nun principio, os latinos estableceron unha monarquía na que o rei concentraba os máximos poderes (administrativos, militares e relixiosos). Contaba coa axuda dun Senado que estaba formado polos membros das familias máis poderosas da cidade, os patricios (descendentes dos fundadores de Roma).
Houbo sete reis (catro latinos e tres etruscos.) Os abusos de poder por parte de Lucio Tarquinio o Soberbio provocaron un levantamento contra el o que trouxo o fin da Monarquía e o establecemento dunha República. Era o ano 509 a.C.


Patricio

1.2. A República

A etapa republicana abrangue desde o ano 509 a.C. até o 27 a.C.
Durante esta longa etapa Roma expandiuse formando un imperio:
  • Primeiro ocupou toda a Península Itálica, tras a derrota sucesiva dos outros pobos itálicos. Finalmente, no s. III
    a.C. conquistou a Magna Grecia.
  • Logo iniciou a conquista do Mediterráneo Occidental. Para isto tívose que enfrontar a Cartago, outra das potencias marítimas do momento, nas chamadas guerras Púnicas. (séculos III e II a.C.). Roma saíu vitoriosa, co que se fixo co control de Sicilia, Sardeña, Sicilia, as costas mediterráneas de Hispania e parte do norte de África.

Guerras PúnicasOlla este vídeo duns 7' que explica as Guerras Púnicas e fala do famoso xeneral cartaxinés Aníbal.

  • Despois iniciou a súa expansión polo Mediterráneo Oriental. Entre os séculos II e I a.C. os romanos ocuparon Grecia, Macedonia e Asia Menor.
  • A mediados do século I a.C., rematou a conquista da Galia (obra de Xulio César) e finalmente conquistou Exipto no ano 30 a.C. (obra de Octavio, que se converterá no primeiro emperador).
A FORMA DE GOBERNO DURANTE A REPÚBLICA

Durante a República, o poder político estivo repartido entre:
  • Os comicios ou asembleas populares: formadas por todos os cidadáns (mulleres e escravos estaban excluídos) que votaban as leis e elixían aos maxistrados. De todas formas
  • Os maxistrados eran elixidos anualmente e desempeñaban un cargo político sen cobrar ningún soldo e eran elixidos unha vez ao ano. Había moitos tipos de maxistrados: cónsules, pretores e censores eran os de rango máis alto.
  • O Senado: formado por 300 antigos maxistrados (senadores) que se ocupaban de controlar aos maxistrados e da política exterior.
Este sistema tentaba evitar os abusos de poder ao separar as funcións executivas e lexislativas, e ao ser os cargos colexiados, electivos e temporais.
A pesar disto, inicialmente era un modelo claramente oligárquico, en canto que o o acceso a estas institucións estaba reservado aos patricios. Esta exclusión dos plebeos provocou no século III a.C unha serie de conflitos sociais que remataron cunha igualación dos dereitos políticos entre patricios e plebeos.
     
Evolución das conquistas romanas
lexión romana Unha das bases do éxito de Roma foi a súa organización militar. Podes ollar este vídeo de 2' que explica o funcionamento das famosas lexións romanas.

Xulio César
As batallas de Xulio CésarPodes ollar este vídeo de 12' que explica as batallas de Xulio César.

CRISE DA REPÚBLICA

A enorme expansión territorial que se prouciu durante a República provocou o enriquecemento dos patricios e o empobrecemento da plebe: por un lado, a chegada de multitude de escravos provintes das guerras fará que os grandes propietarios os empreguen como man de obra, polo que a plebe vaise ver sen traballo. Ao ser tan barato producir, os prezos baixaron o que perxudicou aos pequenos propietarios que non puideron competir con eles. Roma converteuse nunha grande urbe con moita plebe empobrecida.
Producíronse varias revoltas populares, mesmo os escravos se sublevaron liderados por Espartaco.
A situación fíxose insostible.
A isto uníronse as loitas polo poder. Os xenerais militares aumentaron o seu protagonismo político.
Xulio César, logo do seu éxito na guerra das Galias, asumiu os máximos poderes e proclamouse ditador apoiado pola plebe. Mais un grupo de Senadores asasinárono no ano 44 a.C.
Trala súa morte, as loitas internas continuaron ata que Octavio, fillo adoptivo de César, fíxose co control e no ano 27 a.C. o Senado concedeulle todo o poder proclamándose Emperador.

1.3. O Imperio

No ano 27 a.C. Octavio Augusto asumía todo o poder en Roma, sendo proclamado emperador. Desta maneira, xurdiu o Imperio, que perdurou até o 476 d.C.
Os poderes do emperador eran amplísimos:
  • Presidía o Senado.
  • Xefe supremo do exército.
  • Pontífice Máximo, é dicir, máximo dirixente da relixión romana.
  • Dirixía a política exterior.
  • Ditaba as leis.
  • Decidía sobre os impostos.
  • Gobernaba para sempre e designaba ao seu sucesor.
Durante os séculos I e II o Imperio Romano viviu a chamada Pax Romana, o seu período de máximo esplendor e poder. Foi unha época de paz que se prolongou até o século II d.C. e que se caracterizou por haber unha gran estabilidade social, política e económica, garantida por un poderoso exército e unha Administración eficaz.
As terras conquistadas foron romanizándose e o clima de seguridade permitiu un gran desenvolvemento de todas as actividades económicas, en especial o comercio.
Os dominios de Roma seguiron aumentando coa conquista do resto da Península Ibérica, de Britania, Dacia, Anatolia, Mauritania... acadándose co emperador Traxano a súa máxima extensión. Para unha mellor administración de tan vasto territorio, dividiuse o Imperio en Provincias.
Roma medrou con grandes obras públicas ata acadar o millón de habitantes.
No ano 212, o emperador Caracalla concedeulles a cidadanía romana a todos os habitantes libres das distintas provincias do imperio.

A CRISE DO IMPERIO

No século III o Imperio Romano entrou nunha profunda crise provocada por diversos factores:
- O debilitamento da autoridade imperial en favor do poder dos xenerais dos exércitos. Isto provocou frecuentes conflitos e unha continua sucesión de emperadores: entre os anos 235 e 268 sucedéronse 30 emperadores.
- As fronteiras fixéronse inseguras ante os ataques dos pobos xermánicos que os romanos chamaban bárbaros (termo que significa estranxeiro).
- Ao non haber máis conquistas territoriais, diminuíu a man de obra escrava polo que tamén descendeu a produción agrícola e mineira. Os prezos subiron.
- Ao aumentar a inseguridade, descendeu o comercio e con el a produción artesanal. Moita xente marchou cara o campo e as cidades empezáronse a despoboar.
O empobrecemento da poboación provocará revoltas sociais.
Para buscar unha solución, o emperador Teodosio pensou que sería máis sinxelo o goberno do imperio se o dividía en dous: Oriente, tamén chamado Imperio Bizantino, e Occidente (ver mapa).



Octavio Augusto

Imperio Roman0

División do Imperio Romano

1.4. A fin do Imperio

Tras a división do Imperio feita por Teodosio no ano 395, cada unha das partes evolucionou de xeito moi distinto:
  • O Imperio de Occidente sufriu sucesivas invasións de diversos pobos xermánicos: suevos, vándalos, alanos, visigodos, hunos, francos. Foi incapaz de frealos e estes foron creando os seus propios reinos (ver mapa). Finalmente, no ano 476, os invasores depuxeron ao último emperador romano de Occidente que, ironías da Historia, chamábase igual có primeiro rei de Roma: Rómulo
  • O Imperio de Oriente aínda logrou sobrevivir mil anos máis, até 1453.Pasouse a chamar Imperio Bizantino.
Reinos bárbaros

2. Sociedade

A sociedade romana foi evolucionando ao longo do tempo, desde a Monarquía ata o imperio... pero en xeral podemos dividir á sociedade romana nos seguintes grupos:
  1. Os cidadáns libres. Estaban, á súa vez, divididos en dous grupos principais:
    • Os patricios. Eran os cidadáns que se consideraban descendentes dos fundadores da cidade de Roma. Formaban unha clase privilexiada, grazas á posesión de grandes latifundios. Durante a monarquía eran os únicos con dereitos políticos, ocupaban os postos no Senado e nas Maxistraturas.
    • Os plebeos. Eran o resto dos cidadáns romanos. Vivían da artesanía e do comercio ou de pequenas propiedades rurais. Durante a monarquía non tiñan dereitos políticos. Durante a República, no século III a.C., os plebeos subleváronse e conseguiron a igualdade de dereitos cos patricios podendo acceder aos cargos no Senado e nas Maxistraturas. Desde entón o Populus romanus estivo formado por patricios e plebeos.

  2. Os escravos. Non eran considerados cidadáns e non gozaban nin de liberdade pesoal nin de ningún tipo de dereito. Procedían, habitualmente, dos capturados nas guerras de conquista ou eran comprados no estranxeiro. Había diferentes tipos de escravos: domésticos, gladiadores, agrícolas, mineiros...
O seu amo podía vendelos ou quitarlles a vida, pero tamén, se quería, podía liberalos e convertelos en libertos.
Con respecto ás mulleres, estas carecían da maioría dos dereitos, estaban tuteladas por un home e excluídas da vida política. Pero, por outra banda, as mulleres podían ser propietarias, rexentar negocios e tamén podían participar nas festas e actividades públicas desenvolvidas nas cidades.
Sociedade romana

A sociedade romanaOlla este vídeo (1'30'') onde resume a organización social romana.


3. Economía

A economía de todo o Imperio estaba organizada para servir ás necesidades da capital, Roma. En base a iso, as principais actividades económicas desenvolvidas foron as seguintes:
  1. A agricultura. Era de tipo mediterráneo, co trigo, a vide e a oliveira como cultivos principais. Os romanos melloraron as técnicas de cultivo introducindo os regadíos, o coñecido arado romano, o barbeito, os abonos...
    As terras podían ser propiedade de pequenos campesiños que as explotaban como medio de subsistencia, ou de grandes propietarios que eran donos de extensos latifundios nos que traballaban maioritariamente escravos.
  2. A gandaría tamén era importante. Baseábase na cría de ovellas, cabras, asnos, cabalos e mulos.
  3. A artesanía. Desenvolvíana tanto escravos como traballadores libres. A cidade de Roma exportaba produtos artesanais de luxo e cerámicas a todo o Imperio. Mentres, importaba mármores, metais, la e liño.
  4. A minaría. As minas eran explotadas, na maioría dos casos, directamente polo Estado con man de obra escrava. Os principais produtos mineiros eran: ouro, prata, cobre, estaño, ferro, chumbo e mercurio, sendo Hispania unha das principais provincias mineiras do Imperio.
  5. O comercio. Foi unha das máis florecentes e desenvolvidas no Imperio Romano, afectando a todo tipo de produtos antes mencionados. O seu desenvolvemento deuse grazas ás boas comunicacións internas: por un lado, o Mediterráneo converteuse, a partir do século I a.C., na principal vía de comercio entre as distintas provincias do Imperio. Por outro, existía unha incrible rede de calzadas romanas que unían Roma con todas as provincias do Imperio. Outro factor que axudou ao auxe do comercio foi a existencia dunha moeda: o as de bronce en época republicana e o áureo de ouro e o denario de prata en época imperial.

Ruina MontiumPodes ollar neste breve vídeo de 3', unha das técnicas mineiras empregada polos romanos no lugar coñecido como As Médulas (no Bierzo)
arado romano

As Médulas

Áureo
Principais rutas comerciais no Imperio Romano
Rutas comerciais romanas

4. A cultura romana

Entre os aspectos culturais romanos máis salientables hai que destacar:
  1. A sú lingua, o latín, oficial en todo o Imperio. Del derivan as actuais linguas románicas: galego, castelán, catalán, francés, italiano, romanés, etc.
  2. O Dereito romano, usado para regular as relacións entre as persoas e entre o Estado e as persoas. O Dereito romano influído enormemente na actualidade.
Destacaron personaxes en distintos campos:
  1. En filosofía: Séneca ou Cicerón.
  2. En literatura: Virxilio ou Plauto.
  3. En historia: Xulio César, Tácito ou Plutarco.
  4. En medicina: Galeno.
Ademais, os romanos estableceron o chamado calendario xuliano (por Xulio César), base do noso calendario actual.
Cicerón
Séneca



4.1. A arte

A arte romana foi moi rica, alcanzando unha ampla difusión ao estenderse por todos os recunchos do Imperio. Das distintas artes, a que alcanzou máis importancia con diferenza foi a arquitectura.

A ARQUITECTURA

As súas funcións eran diversas:
  • Tiña un carácter eminentemente práctico, dándolle máis importancia aos aspectos técnicos e funcionais cós meramente estéticos,
  • Tiñan tamén un carácter conmemorativo e simbólico, xa que era utilizada para resaltar a grandeza de Roma.
  • CARACTERÍSTICAS XERAIS

    Os romanos mesturaron elementos arquitectónicos gregos con técnicas etruscas, como o arco, a bóveda e a cúpula que lles permitiu cubrir espazos maiores.
    Empregaron o ladrillo cocido xunto con morteiro (mestura de area e cal con auga) o que conferiu unha grande solidez ás construcións.
    Decoraban os muros con pinturas ou mármores e cubrían os chans con mosaicos elaborados con pequenas pezas de cores chamadas teselas.

    PRINCIPAIS CONSTRUCIÓNS

    (ver o seguinte apartado de urbanismo)

    • Edificios públicos:
      • Templos e basílicas.
    • Edificios públicos para o ocio:
      • Termas, teatros, anfiteatros e circos.
    • Monumentos conmemorativos:
      • Arcos de triunfo e columnas conmemorativas.
    • Obras de enxeñería destinadas a facilitar as comunicacións e a prestación de servizos en todo o Imperio:
      • Calzadas romanas, pontes, acuedutos e murallas.

OUTRAS ARTES

A ESCULTURA

Ao igual que noutras facetas da cultura romana, estivo moi influenciada pola grega. É máis, moitas das esculturas gregas que coñecemos chegaron ata nós polas súas copias romanas, non as orixinais. Un exemplo é o famoso "Discóbolo de Mirón".
A innovación da escultura romana foi o retrato, tanto en bustos como en estatuas ecuestres, así como os relevos conmemorativos que evocaban as xestas dos emperadores. O material empregado foi a mármore e o bronce.

A PINTURA

Tiña unha función decorativa e unha representación realista.
Usaban a técnica do fresco e protexíana cunha capa de cera que avivaba as cores.

Arco e bóveda

Mosaico

Discóbolo

Estatua ecuestre

Detalle da Columna Traxana

4.2. O urbanismo

As cidades romanas tiñan un trazado regular ao redor de dúas rúas principais perpendiculares, o cardus (en dirección norte-sur) e o decumanus (en dirección leste-oeste). No lugar onde estas dúas rúas se unían establecíase o foro,
unha praza rectangular porticada, que concentraba toda a vida pública. Nel se situaban os principais edificios de goberno, de culto (templos), económicos ou xudiciais.
As cidades estaban amuralladas. As portas de entrada á cidade atopábanse nas saídas do cardo e do decumanus, pero tamén noutros puntos da cidade. Adoitaban estar flanqueadas por dúas torres con estancias onde se situaba a garda.
Cidade romana
  • Mira este esquema cos tipos de edificios máis sobranceiros dunha cidade romana (podes facer clic sobre ela e aumentará o seu tamaño)
Cidade romana
A cidade romanaOlla este vídeo (2'23'') para ver a organización dunha cidade romana.

Vivendas

  • Domus: Casas das familias acomodadas dentro da cidade.
  • Insulae: Casas de varios pisos subdividida en modestas habitacións a miúdo de aluguer.
  • Vilas: Casas e leiras de recreo dos emperadores e das familias patricias situadas fóra das cidades.
Partes dunha domus
Domus romana
Domus romanaPodes ollar este vídeo (3')coa reconstrución dunha domus romana
Domus romana Podes ver esta animación onde, ademais das partes dunha domus, podes ollar outros elementos da cultura romana.


4.3. A relixión

Eran politeístas, ou sexa, crían en moitos deuses. Como noutras facetas da súa cultura, adoptaron os deuses gregos cambiándolles o nome. Construíron templos, tamén semellantes aos gregos, para realizar ritos relixiosos (ofrendas e sacrificios) co fin de solicitar favores aos deuses.
Eran moi tolerantes e admitían o culto aos deuses dos pobos conquistados.
Deuses grecorromanos

Ademais dos cultos públicos, os romanos rendían culto aos deuses do fogar (chamados lares) nun altar doméstico (lararium) e aos espíritos dos seus antepasados (chamados manes).

Templo romano
Lararium

O CRISTIANISMO

Xurdiu no século I, nos tempos de Augusto, en Palestina. A súa figura central é Xesús de Nazaret quen difundiu a nova relixión baseada en:
  • Hai un só Deus e todas as persoas son iguais ante os seus ollos.
  • Os seres humanos deben amarse e perdoarse.
  • Aqueles que se comportasen desa forma, recibirían como premio a vida eterna despois da morte.
Esta mensaxe, baseada na igualdade, solidariedade e caridade, tivo moito éxito e foise espallando polo imperio romano. A partir de finais do século I o cristianismo comezou a ser perseguido, xa que os cristiáns nin admitían o culto ao emperador nin permitían alistarse no exército. Por este motivo, os cristiáns construíron catacumbas, galerías subterráneas escavadas no chan para organizar os seus cemiterios e salas para o culto.
A pesar das persecucións, o cristianismo seguiu crecendo. Como consecuencia, a comezos do século IV o cristianismo era a relixión maioritaria do Imperio.
No ano 313 o emperador Constantino promulgou o Edito de Milán polo que legalizou o cristianismo, finalizando así a súa persecución. No ano 380 o emperador Teodosio proclamou o cristianismo como relixión oficial do Imperio, prohibíndose todas as demais.
A partir dese momento, configurouse a organización da Igrexa católica, ao fronte da cal estaba o Papa, bispo de Roma. Para determinar os principios relixiosos do catolicismo, a Igrexa organizou numerosos concilios durante eses anos.
Peixe

Catacumba



5. Hispania

No ano 218 a.C., e dentro do contexto das Guerras Púnicas (o enfrontamento entre romanos e cartaxineses polo dominio do Mediterráneo occidental), os romanos desembarcaron en Emporión e iniciaron a conquista romana da Península Ibérica, que se desenvolveu en tres fases:
  • 218-197 a.C. Roma venceu aos cartaxineses e ocupou o litoral mediterráneo, parte do val do Ebro e o val do Guadalquivir.
  • 197-29 a.C. Roma dominou o centro e o oeste peninsular tras vencer a lusitanos e celtiberos. Mítica foi a toma de Numancia, cidade celtibera, no ano 133 a.C.
  • 29-19 a.C. Roma ocupou o norte peninsular tras vencer a cántabros e astures.
Conquista de Hispania

Toma de Numancia
Podes ver esta animación (13') sobre o asedio romano á cidade de Numancia.

AS RIQUEZAS DE HISPANIA

Os romanos introduciron avances agrícolas como o arado, o uso de fertilizantes e o barbeito o que permitirá aumentar a produción agrícola considerablemente, principalmente, trigo, aceite e viño. Tamén explotaron a riqueza mineira de Hispania: prata, cobre, mercurio e ouro.
No que respecta á artesanía, Hispania destacou na fabricación de armas e tecidos.
Todos estes produtos foron incorporados aos circuítos comerciais do Imperio.

DIVISIÓN TERRITORIAL

Hispania foi dividida nun principio en dúas provincias (Citerior e Ulterior), no 27 a.C. dividiuse en tres (Tarraconense, Baetica e Lusitania) e, en época do emperador Diocleciano en 5 (Tarraconensis, Baetica, Lusitania, Gallaecia, Cartaxinensis. Posteriormente, Baleares separouse da Cartaxinensis formando unha provincia autónoma.
Ao fronte de cada provincia había un gobernador.
Hispania 1
Hispania 2
Hispania 3

6. Gallaecia

A primeira incursión romana na terra chamada Gallaecia, foi levada a cabo por Décimo Xunio Bruto no ano 137 a.C. dentro da conquista de Lusitania. O resultado desta expedición foi a conquista da zona costeira entre o Douro e o Miño.

No ano 61 a.C., Xulio César realizou unha expedición ata o golfo Ártabro, é dicir, ás rías de Betanzos, Ferrol e A Coruña (bautizada como Brigantium)
co único fin de obter un botín.

A conquista definitiva de todo o territorio galego deuse entre os anos 26 e o 19 a.C. no contexto das Guerras Cántabras e por orde do emperador Augusto. A batalla do Monte Medulio (26 a.C.), de difícil localización xeográfica (nas Médulas, monte Aloia en Tui, serra da Capelada) pon fin á conquista do noroeste peninsular.

Será o emperador Diocleciano quen, cando fixo a reforza administrativa do Imperio e dividiu Hispania en 5 provincias, creou a provincia da Gallaecia.
Mapa de Iulii Caesaris


7. A romanización

Enténdese por romanización o proceso polo que as distintas rexións conquistadas por Roma, asimilaron os modos de organización político-sociais, os costumes e as formas culturais romanas. Nun principio impúxose como lingua oficial do imperio o latín que só era empregada pola elite social, pero paseniñamente foi adoptada polas clases populares. Neste proceso tiveron un papel moi importante os comerciantes, os funcionarios e o exército romano.
Xunto a lingua fóronse impoñendo costumes romanos (arquitectura, roupa, comidas, relixión...) aínda que estes procesos foron de mestura co substrato cultural de cada rexión. O resultado final variou moito duns lugares a outros. Así, en Hispania, o sur e a costa mediterránea foron zonas moi romanizadas mentres que a meseta e o norte peninsular foron menos romanizadas.

PATRIMONIO ARTÍSTICO

Os romanos foron grandes construtores e na actualidade consérvanse moitos exemplos desas construcións. Destacaremos o seu legado arquitectónico en Hispania.
(se fas clic en cada construción accederás á lista de restos romanos de España)
Consérvanse:
En Galicia destaca a antiga cidade de Lucus Augusti, actual Lugo, que foi capital do conventus Lucensis (unha das tres entidades administrativas en que estaba dividida Gallaecia).
Lucus Augusti