Tema 8: O mundo clásico I. Grecia
2. A cronoloxía da civilización grega.
|
Podemos sinalar catro períodos clave dentro da historia da civilización grega:
2.1.- Antecedentes: Os primeiros compases da historia grega, situados entre o II milenio a. C. e mediados do s. VIII a. C., poden dividirse en tres fases: a.- Civilización cretense ou minoica (3000 - 1450 a.C): desenvólvese na illa de Creta e dela conservamos restos de palacios coma o de Cnossos. Practicaban o comercio e coñecían a escritura. b.- Civilización micénica (1600 - 1200 a. C.): recibe o nome da cidade de Micenas, situada no Peloponeso. Adicábanse a actividades agropecuarias e tamén ao comercio. As loitas internas e a invasión dos dorios provocaron a súa fin. c.- Séculos escuros (1200 - 750 a. C.): O nome débese á escasa información que se ten deste período. Si se coñece que esta é a época de dominio dos dorios, un pobo guerreiro do norte de Grecia. |
![]() |
2. 2.- Época arcaica (s. VIII - VI a. C.): Xurden as polis, gobernadas por aristocracias cuxo monopolio do poder deu lugar a tensións sociais que remataron nalgúns casos co ascenso de tiranos, ben pola forza ou ben polo apoio popular, dando lugar a períodos de poder unipersoal absoluto .
A nivel económico, as necesidades comerciais das polis causan un movemento colonizador polo Mediterráneo que chega ata a penísula Ibérica, con enclaves comerciais como Rosas (Rhode), Ampurias (Emporion) ou Málaga (Mainake).
2. 3.- Época clásica (s. V - IV a. C.): Etapa de esplendor da civilización grega, as principais polis son Atenas e Esparta. Nesta etapa terán grande trascendencia as guerras médicas, contra os persas (494 - 479 a. C) e as guerras do Peloponeso, un conflito que enfrentou aos gregos entre si, con bandos encabezados por Atenas e por Esparta (431 - 404 a. C.)
2.4.- Época helenística (s. IV - I a. C.): Nesta etapa o reino de Macedonia, situado no norte de Grecia domina as polis guiado polo rei Filipo II; o seu fillo, Alexandre Magno levará a cabo unha espectacular conquista cara o leste que chegará ata o río Indo. Á súa morte o seu vasto imperio dividiuse entre os seus xenerais; pero outra potencia mediterránea estaba a piques de expandirse pola área grega e absorber os reinos helenísticos e boa parte da cultura grega: Roma.

