Tema 8: O mundo clásico I. Grecia
| Sitio: | Aula Virtual IES Mendiño |
| Curso: | 2023/2024 XEOGRAFÍA E HISTORIA 1º ESO |
| Libro: | Tema 8: O mundo clásico I. Grecia |
| Impreso por: | Guest user |
| Data: | xoves, 15 de xaneiro de 2026, 11:09 PM |
Descrición
Apuntamentos do tema 10: O mundo clásico I: Grecia.
1. O marco xeográfico da civilización grega.
|
A Grecia antiga estaba formada por un conxunto heteroxéneo de territorios que farán desta civilización unha ponte entre Europa, Asia e África: · Península Balcánica e península do Peloponeso. · Illas do Mar Exeo · Costas de Asia Menor. Os trazos xeográficos comúns destes territorios son a presenza do mar e das montañas. Estes condicionantes favorecerán a creación das polis (cidades - estado independentes) como protagonistas dunha civilización que conxugará a inexistencia dun Estado unificado cunha cultura común baseada na lingua e nas costumes, cultura que comparte o espazo chamado Hélade polos gregos. As polis levarán a cabo unha intensa actividade colonizadora coa finalidade de obter recursos e de ocupar territorios para asentar á poboación sobrante, feito que traerá consigo a expansión da cultura grega polo Mediterráneo. |
|
2. A cronoloxía da civilización grega.
|
Podemos sinalar catro períodos clave dentro da historia da civilización grega:
2.1.- Antecedentes: Os primeiros compases da historia grega, situados entre o II milenio a. C. e mediados do s. VIII a. C., poden dividirse en tres fases: a.- Civilización cretense ou minoica (3000 - 1450 a.C): desenvólvese na illa de Creta e dela conservamos restos de palacios coma o de Cnossos. Practicaban o comercio e coñecían a escritura. b.- Civilización micénica (1600 - 1200 a. C.): recibe o nome da cidade de Micenas, situada no Peloponeso. Adicábanse a actividades agropecuarias e tamén ao comercio. As loitas internas e a invasión dos dorios provocaron a súa fin. c.- Séculos escuros (1200 - 750 a. C.): O nome débese á escasa información que se ten deste período. Si se coñece que esta é a época de dominio dos dorios, un pobo guerreiro do norte de Grecia. |
![]() |
2. 2.- Época arcaica (s. VIII - VI a. C.): Xurden as polis, gobernadas por aristocracias cuxo monopolio do poder deu lugar a tensións sociais que remataron nalgúns casos co ascenso de tiranos, ben pola forza ou ben polo apoio popular, dando lugar a períodos de poder unipersoal absoluto .
A nivel económico, as necesidades comerciais das polis causan un movemento colonizador polo Mediterráneo que chega ata a penísula Ibérica, con enclaves comerciais como Rosas (Rhode), Ampurias (Emporion) ou Málaga (Mainake).
2. 3.- Época clásica (s. V - IV a. C.): Etapa de esplendor da civilización grega, as principais polis son Atenas e Esparta. Nesta etapa terán grande trascendencia as guerras médicas, contra os persas (494 - 479 a. C) e as guerras do Peloponeso, un conflito que enfrentou aos gregos entre si, con bandos encabezados por Atenas e por Esparta (431 - 404 a. C.)
2.4.- Época helenística (s. IV - I a. C.): Nesta etapa o reino de Macedonia, situado no norte de Grecia domina as polis guiado polo rei Filipo II; o seu fillo, Alexandre Magno levará a cabo unha espectacular conquista cara o leste que chegará ata o río Indo. Á súa morte o seu vasto imperio dividiuse entre os seus xenerais; pero outra potencia mediterránea estaba a piques de expandirse pola área grega e absorber os reinos helenísticos e boa parte da cultura grega: Roma.
3. A democracia ateniense
|
Tradicionalmente Atenas está considerada o berce da democracia. Estamos diante da polis máis coñecida, xunto con Esparta, e na Atenas da época clásica, a diferenza do que sucedeu noutras cidades - estado gregas como a propia Esparta (que mantivo un réxime oligárquico), xurdiu unha forma de goberno baseada na capacidade de decisión dos cidadáns, que mediante unha asemblea denominada ecclesia, decidían as leis por votación e nomeaban maxistrados encargados de xestionar asuntos tales como a guerra (estrategos) ou o goberno da cidade (arcontes). Un dos principais maxistrados atenienses foi Pericles, e con el a Atenas do século V a. C. viviu unha etapa de grande esplendor.
As semellanzas coa democracia actual son evidentes, pero é preciso ter presente que a democracia grega limitábase aos cidadáns, isto é, aos varóns maiores de idade libres e nacidos en Atenas, o que deixaba fóra do sistema ás mulleres, escravos e aos estranxeiros residentes na cidade (metecos). Aínda así hai que resaltar o novedoso da democracia ateniense con respecto ás oligarquías vixentes na Hélade ou ás monarquías orientais como a dos persas. |
![]() ![]() |
4. Economía e sociedade gregas.
· A agricultura, sobre uns solos escasos pola orografía do territorio e pouco fértiles. Os principais produtos eran os cereais, a vide e a oliveira. · A artesanía, localizada nas polis e baseada na cerámica, tecidos, metais… · O comercio, actividade de gran presenza en polis coma Atenas, e que explica a colonización grega do mediterráneo e as relacións entre a colonia (territorio colonizado) e a metrópole (polis que coloniza).
A sociedade grega era unha sociedade escravista na que os escravos constituían unha parte fundamental da man de obra das actividades económicas. Á escravitude chegábase por derrota militar ou por débedas. Con respecto ao grupo das persoas libres, había unha clara separación entre os cidadáns, que tiñan plenos dereitos nas polis e os estranxeiros, que non gozaban desa plenitude de dereitos, tal e como vimos no caso dos metecos atenienses. Parellamente a esta separación entre cidadáns e non cidadáns por motivos de dereitos, existía unha diferenciación económica dentro de cada un deses grupos, e así temos aristócratas terratenentes, artesáns, comerciantes, agricultores…
|
![]() ![]() |
5. Cultura e arte gregas.
A cultura e a arte gregas deixaron unha fonda pegada no mundo occidental.
Pulsa no icono para ver un vídeo sobre o legado cultural grego, feito polo alumnado do IES Ingeniero de la Cierva de Murcia

5.1. Cultura.
|
O mundo grego xenerou uns aportes culturais que tiveron unha grande trascendencia na historia de Occidente. En Grecia está a orixe da filosofía e da historia da man, respectivamente, de Sócrates, Platón e Aristóteles e de Heródoto e Tucídides. Ademais hai que destacar a grande pegada da literatura grega, tanto en temas coma en linguaxes narrativas da man de Esquilo, Sófocles, Homero… A nivel científico podemos sinalar os grandes aportes en matemáticas (Pitágoras e Euclides), física (Arquímedes), medicina (Hipócrates) ou astronomía (Ptolomeo). No que respecta á relixión, os gregos eran politeístas. Contaban cun amplo panteón de deuses antropomórficos dos que sobresaía Zeus, o deus supremo que residía no monte Olimpo. Outros deuses salientables eran Poseidón (deus do mar), Atenea (deusa da sabedoría), Afrodita (deusa do amor), Ares (deus da guerra)... Xunto cos deuses a mitoloxía grega atendía tamén á figura dos heroes, dos que destaca Heracles. |
![]() ![]() |
5.2. Arte. Arquitectura.
|
A arte grega recolle plenamente a máxima do filósofo Protágoras O home é a medida de todas as cousas. Rompe co colosalismo oriental e busca unha linguaxe, tanto na arquitectura como na escultura e na pintura, á medida do ser humano.
· A arquitectura grega é arquitrabada (alintelada), o que significa que se basea en liñas verticais e horizontais, sen arcos nin bóvedas. Así, os elementos principais dos edificios serán as columnas. · O material predominante será o mármore policromado. · A busca da harmonía fará que se desenvolvan as chamadas ordes arquitectónicas, entendidas como modelos de distribuír os elementos arquitectónicos nun edificio: dórica, xónica e corintia. · As principais edificacións gregas foron os templos, entendidos como morada do deus (o culto celebrábase en altares exteriores) e concebidos arquitectonicamente para ser vistos, feito que supoñía outorgar unha especial atención ao punto de vista do espectador mediante recursos como a éntase (suave engrosamento do fuste das columnas na parte central para que semellasen rectas ao ollo e non con certa concavidade). ![]() |
![]()
|
5.3. Arte. Escultura.
A escultura grega, marcada tamén polo antropocentrismo que caracteriza a toda a arte e cultura gregas, terá como principal motivo a representación da figura humana mediante temas relixiosos e retratos. Os tres grandes obxectivos dos escultores gregos serán lograr transmitir nas súas obras beleza, volume e movemento. A maior parte da escultura grega era realizada en bronce, co que os mármores que conservamos son copias de época romana. Podemos sinalar tres etapas dentro da escultura grega. 1.- Época arcaica (séculos VIII - VI a. C.): destacan as figuras do kouros masculino e da koré femenina, ambos caracterizados por certo estatismo e rixidez expresiva. 2.- Época clásica (séculos V e IV a. C.): acádanse os ideais de beleza, volume e movemento mediante autores como Policleto, Fidias ou Mirón, que artellan obras de grande serenidade e equilibrio. 3.- Época helenística (séculos III - I a. C.): sen perder a grande capacidade técnica anterior, as obras ínzanse de dramatismo e de tensión, tanto nas composicións coma nos temas escollidos. ![]() |
![]() ![]()
|











