3. O Neolítico

3.1. Sociedade e economía

Cara o ano 7000 a.C, o ser humano aprende a producir os seus propios alimentos grazas á agricultura (cereais e legumes) e a gandaría (primeiro ovellas e cabras, e logo vacas e porcos). A isto chamámolo economía produtora.

Ao ter que cultivar, están obrigados a vivir nun mesmo lugar durante longos períodos de tempo converténdose en sedentarios. Aparecen así os poboados con cabanas feitas de madeira, pedra e barro que se converterán en cidades debido ao aumento da poboación que houbo ao estar mellor alimentados.

Coa sedentarización, a división de tarefas entre homes e mulleres fíxose máis patente: a muller quedou unida ao traballo doméstico, ao coidado dos nenos e a certas actividades agrícolas que se realizaban ao redor das casas, como limpar o gran, moer, etc. e os homes dedicáronse a outras actividades como a roza dos bosques, a defensa do grupo e certas actividades agrícolas e gandeiras. Cada un dos sexos pasou a ter un lugar de actuación: os homes desenvolvían as súas actividades no exterior do poboado, mentres que as mulleres quedaron relegadas á cabana. Esta división de tarefas supuxo o comezo da desigualdade social, cun predominio dos homes.