Tema 6: A Prehistoria: do Paleolítico ao Neolítico
| Site: | Aula Virtual IES Mendiño |
| Cours: | 2023/2024 XEOGRAFÍA E HISTORIA 1º ESO |
| Livre: | Tema 6: A Prehistoria: do Paleolítico ao Neolítico |
| Imprimé par: | Usuario convidado |
| Date: | vendredi 16 janvier 2026, 01:03 |
Description
Apuntamentos do tema 6: A Prehistoria: do Paleolítico ao Neolítico
1. O proceso de hominización
A Historia é a ciencia que estuda o pasado da humanidade. Por iso a primeira pregunta que nos temos que facer é cando apareceron os seres humanos?
A resposta tradicional de “Adán e Eva” queda como conto de orixe relixiosa pero non é válida dende unha perspectiva científica. Foi Charles Darwin quen, no século XIX, enunciou a Teoría da Evolución das Especies (Evolucionismo), baseada na idea da selección natural.
O ser humano é un primate e por tanto, comparte antepasados comúns co mono. Denomínase hominización ao proceso evolutivo da especie humana os seus devanceiros até o estado actual.
Podemos sintetizar esta evolución humana nas seguintes fases:
![]() |
|
Podes ollar este vídeo de apenas 5' onde se resume extraordinariamente ben o proceso de hominización. |
Resumindo, podemos concluír que o lento proceso de hominización caracterizouse polos seguintes cambios anatómicos e culturais:
-
Posición vertical e marcha bípeda que permitiu a liberación das mans que se poderán usar para comer e para fabricar utensilios, grazas tamén ao polgar opoñible.
-
Aumento da capacidade do cranio, e en consecuencia, do cerebro. Ademais a fronte foise facendo máis plana, apareceu o queixo e diminuíu o tamaño das mandíbulas e dos dentes.
-
Desenvolvemento da linguaxe (o que permitiu que os coñecementos se transmitisen de xeración en xeración) e doutras actividades sociais (crenzas, arte...).
2. O Paleolítico
É a etapa que vai desde a aparición do ser humano (hai uns dous millóns de anos) ata a aparición da agricultura e gandaría (ao redor do ano 7000 a.C.). É a etapa máis longa da Historia.
Iniciouse en África e foise expandindo por Europa e o sudeste asiático. Finalmente colonizaron o resto de Asia e Oceanía, e finalmente América.

2.1. Sociedade e economía
| Nesta época, o ser humano era nómade, ou sexa, non tiña unha residencia fixa, desprazábanse permanentemente en busca do alimento. Vivían en pequenos grupos con lazos familiares chamados bandas sen claras diferenzas entre os seus membros, sen líderes formais e que vivían en campamentos estacionais ou en covas. A súa economía era depredadora, do tipo caza-recolección. A caza foi pouco importante ao principio do Paleolítico, predominando a recolección e o carroñeo. A medida que o ser humano progresou física e tecnoloxicamente a caza foi cobrando maior importancia. Así o Homo Erectus xa cazaba e facía trampas. Os neandertais e os sapiens tamén aprenderon a pescar. A sociedade prehistórica era máis igualitaria ca sociedade moderna. Polo menos, no que respecta á repartición de tarefas entre os homes e as mulleres. Elas non só se ocupaban dos nenos, senón que se ocupaban da recolección, á caza menor, á pesca... Os homes adicábanse á caza maior. As imaxes atopadas mostran ás mulleres plenamente integradas en cuestións rituais e relixiosas. A esperanza de vida no Paleolítico era de 20 anos xa que calquera infección ou enfermidade grave era mortal. |
![]() |
2.2. Cultura e arte
- Tecnoloxía
|
Ao longo deste período desenvolvéronse moito os coñecementos técnicos, como o manexo dos diferentes materiais que tiñan ao seu alcance como madeiras, ósos e pedras que aprenderon a tallar para facer armas e ferramentas: ao principio bifaces (instrumento de pedra cortante polas dúas caras como o da imaxe), coitelos, puntas de frecha e logo, con ósos, arpóns e anzois. Aprenderon a manexar o lume, a usalo para quentarse, ter luz, cociñar, escorrentar e cazar animais e finalmente aprenderon a producilo. Foron quen de tratar as peles dos animais para cubrirse con elas ou usalas para transportar ou almacenar alimentos. |
![]()
|
- Crenzas
Soe afirmarse que o creador das artes plásticas foi o Homo sapiens sapiens. As máis coñecidas son as súas pinturas rupestres, chamadas así porque están realizadas nas paredes de covas. Son obras policromadas, ou sexa, usan distintas cores. Para isto empregaban pigmentos tomados da natureza como o carbón para a cor negra ou óxido de ferro para o vermello, mesturados con graxas animais ou resinas. Os temas representados son preferentemente animais (sobre todo bisontes e cabalos). O mellor exemplo destas pinturas atopámolo en España, nas covas de Altamira (Cantabria).
Existe un debate sobre o seu significado: uns afirman que o seu obxectivo era un ritual máxico-relixioso para propiciar a caza e outros afirman que eran para celebrar ritos de paso da adolescencia á idade adulta. Outra manifestacións artísticas son as Venus, pequenas esculturas feitas en pedra ou óso que representan mulleres espidas, con atributos sexuais moi marcados. Puideron ser representacións da Gran Deusa Nai, ou dunha deusa da fecundidade, ou da avoa do grupo social, ou mesmo representar os ideais de beleza.
|
|
| |
Se queres coñecer mellor a cova de Altamira, podes ollar este vídeo de 3' de duración. |
3. O Neolítico
Na última etapa do Paleolítico, ao rematar o período glacial, mellorou o clima o que vai permitir que, en moitas zonas da Terra, se produza un gran cambio no modo de vida daqueles cazadores-recolectores: a Revolución Neolítica.Esta revolución comeza cara o ano 7000 a.C. e estenderase ata o dominio dos metais, cara o 4000 a.C.
Estes cambios producíronse primeiramente no Oriente Próximo, no coñecido Crecente Fértil, entre os ríos Tigris e Éufrates, pero apareceron igualmente de xeito autónomo noutros lugares, como en India, China, Vietnam, Centroamérica ou Sudamérica.

Completa a información con estes vídeos:
1. Este vídeo (1'19'') explica o paso do nomadismo paleolítico ao sedentarismo neolítico.
2. Este vídeo (2') que explica brevemente en que consistiu o Neolítico.
3.1. Sociedade e economía
Cara o ano 7000 a.C, o ser humano aprende a producir os seus propios alimentos grazas á agricultura (cereais e legumes) e a gandaría (primeiro ovellas e cabras, e logo vacas e porcos). A isto chamámolo economía produtora.
Ao ter que cultivar, están obrigados a vivir nun mesmo lugar durante longos períodos de tempo converténdose en sedentarios. Aparecen así os poboados con cabanas feitas de madeira, pedra e barro que se converterán en cidades debido ao aumento da poboación que houbo ao estar mellor alimentados.
Coa sedentarización, a división de tarefas entre homes e mulleres fíxose máis patente: a muller quedou unida ao traballo doméstico, ao coidado dos nenos e a certas actividades agrícolas que se realizaban ao redor das casas, como limpar o gran, moer, etc. e os homes dedicáronse a outras actividades como a roza dos bosques, a defensa do grupo e certas actividades agrícolas e gandeiras. Cada un dos sexos pasou a ter un lugar de actuación: os homes desenvolvían as súas actividades no exterior do poboado, mentres que as mulleres quedaron relegadas á cabana. Esta división de tarefas supuxo o comezo da desigualdade social, cun predominio dos homes.
3.2. Cultura e arte
- Tecnoloxía
O termo "Neolítico" (pedra nova) fai referencia a un cambio na técnica no traballo coa pedra, xa que se púe ademais de tallala. Adáptanse os instrumentos ás novas necesidades agrícolas. Pero foi unha época revolucionaria xa que houbo moitos máis progresos:
-
Inventouse a cerámica que permitirá gardar e cocer os alimentos.
-
Empezan a usarse os primeiros trenzados de fibras, primeiro con vimbio para facer cestos e logo a la, o liño e o cáñamo para facer tecidos.
![]()
|
![]() |
- Crenzas
A aparición da agricultura influíu de maneira moi poderosa nas ideas relixiosas e a fertilidade da terra, xunto cos elementos da natureza que fan posibles as colleitas, adquire carácter sagrado. Comezou así o rito da Gran Deusa Nai, que representaba a forza vital e a fecundidade.
Os enterramentos neolíticos seguen mantendo as ofrendas de comida, adornos e outros obxectos. Nas paredes dalgunhas das construcións funerarias aparecen tamén signos e figuras antropomorfas, todo iso relacionado co culto á Gran Deusa Nai. Isto demostra, non só a súa crenza na vida de ultratumba, senón a existencia de mitos e ritos, aínda que carecemos de detalles concretos deles.
- Arte
|
As representacións artísticas tamén cambiaron durante este período. |
![]() |
4. A Idade dos Metais
Xurdiu na zona do crecente fértil entre os ríos Tigris e Éufrates, arredor do 4.000 a.C., ante a necesidade de usar novos materiais para fabricar as súas ferramentas e grazas á invención da forxa que lles permitiu moldear os metais, fundamental para a súa evolución técnica e cultural.
O primeiro metal que se traballou foi o cobre, pero era pouco consistente. Máis tarde chegaría a aliaxe de cobre máis estaño que deu como resultado e bronce. Máis apropiado para a fabricación de armas, ferramentas e xoias. Cara ao 2.000 a.C. descubriuse o uso do ferro.

4.1. Sociedade e economía
A utilización dos metais supuxo un gran avance na evolución da humanidade e provocou grandes cambios nas formas de vida. A procura de metais cos que elaborar as ferramentas e utensilios supuxo un gran impulso do comercio. As aldeas que se atopaban nas rutas comerciais aumentaron a súa riqueza, medraron e formaron pequenas cidades con varios miles de habitantes. Nestas cidades-estado aparecen novas ocupacións: comerciantes que se ocupaban de comprar e vender, sacerdotes que se ocupaban dos ritos relixiosos e guerreiros encargados de defender a poboación. Esta maior diversificación social levou, en última instancia, á xerarquización das sociedades xa que os sacerdotes, os guerreiros e as persoas máis ricas da comunidade adquiriron unha situación privilexiada fronte ao resto da poboación.
Neste período hai civilizacións que entran xa na Historia ao descubrir e desenvolver o uso da escritura.
4.2. Cultura e arte
- Tecnoloxía
Producíronse algúns dos inventos de maior importancia no desenvolvemento humano:
-
A roda, aplicada primeiro ao torno do oleiro e logo á creación de carros. Con ela melloraron os transportes.
-
A vela, permitiu aos barcos aproveitar a forza do vento co que aumentou o tamaño das embarcacións e co que se podían transportar máis mercadorías, e chegar máis rapidamente a terras máis afastadas.
-
O arado, fixo posible labrar maiores extensións de terreo rapidamente ao ser arrastrados por animais, o que mellorou a alimentación.
-
Outros grandes inventos da época foron o regadío e a construción de canles para achegar a auga aos campos de cultivo.
Non temos que esquecer que nalgúns lugares da Terra nunca se desenvolveu a tecnoloxía do metal fundido e por tanto permaneceron na Idade de Pedra ata que se atoparon con outras culturas máis desenvolvidas tecnoloxicamente.
- Crenzas e arte
Aínda que se empezaron a construír a finais do Neolítico, é durante a Idade dos Metais cando teñen un gran auxe a construción de grandes monumentos de pedra denominados monumentos megalíticos ou megálitos. Os principais tipos destes monumentos son:
|
Os menhires ou , grandes pedras alongadas cravadas verticalmente no chan. Non se coñece ben o seu significado, probablemente eran lugares onde se rendía culto ao sol ou algún rito relacionado coa fecundidade. Poden aparecer agrupados en fileiras formando un aliñamento como o de Carnac; ou formando círculos constituíndo entón un crómlech, como o famoso de Stonehenge. Probablemente tiñan un carácter relixioso. |
![]() |
| Os dolmens eran sepulturas para grupos de persoas. Son construcións máis complicadas. Están compostas por grandes pedras verticais formando un muro, cunha gran laxa a modo de cuberta, Acostumaban estar cubertas de terra formando un túmulo. En Galicia son moi frecuentes e reciben diferentes nomes: mámoas, antas, medorras ou medoñas. | ![]() |
|
Se queres coñecer como eran os dolmens, podes ollar este vídeo de 30 seg. de duración. |
|
Se queres afondar sobre o megalitismo, podes ollar este vídeo de 2' de duración. |
5. A Prehistoria na Península Ibérica
Xa sabes que os primeiros homínidos apareceron en África fai uns catro millóns de anos, pero non chegaron a Europa até hai aproximadamente un millón e medio. A Península Ibérica foi un dos lugares que máis cedo se poboou, sobre todo a zona de Andalucía oriental. Ademais, precisamente no noso país foron descubertos, na serra de Atapuerca, do Homo Antecessor, que posiblemente sexa o pai dos homes actuais. Hai que dicir que, xa naquel entón, as zonas costeiras estaban máis poboadas co interior, estando este, practicamente baleiro. Destaca, na última etapa do Paleolítico, a presenza na cornixa Cantábrica do Homo Sapiens Sapiens onde deixaron multitude de restos e importantísimas pinturas como as das covas de Altamira.
É probable que os adiantos do Neolítico (agricultura, gandaría, cerámica, tecidos...) viñesen de pobos procedentes do Mediterráneo oriental. Estendeuse sobre todo polo Levante e por Andalucía oriental, mentres que o interior seguiu sendo unha zona escasamente poboada e atrasada. Entre os restos que nos deixaron, destacan as chamadas Pinturas Levantinas.
|
Detectouse que, hai uns 5000 anos, traballábase con cobre (destaca entre todos o poboado dos Millares). Afacían construír poboados amurallados con distintas dependencias: casas, talleres de forxa, almacéns e templos, e tamén coñecían as técnicas de regadío. Todo fainos pensar que aquela sociedade era cada vez máis complexa, con distintos oficios e ocupacións aínda que aínda con moi poucas diferenzas de riqueza. De feito, toda a poboación enterrábase xunta nun gran sepulcro colectivo chamado tholos. Mentres isto sucedía, no oeste apareceu un cultura que construíu numerosos monumentos megalíticos (menhires e sobre todo dolmens) do que aínda sabemos poucas cousas. O interior peninsular, a Meseta, non chegou a ter unha poboación importante até as idades do Bronce e do Ferro. |
![]() |
No I milenio a.C. chegaron á Península pobos procedentes do Mediterráneo (gregos, fenicios, cartaxineses) e do interior de Europa (celtas) que trouxeron grandes adiantos. Formouse unha civilización lendaria no val do Guadalquivir, os Tartessos, que aínda hoxe se atopa a medio camiño entre a historia e a lenda.
En definitiva, pouco antes da chegada dos romanos, a Península era xa, como o é hoxe, unha terra de grandes contrastes rexionais: en toda a costa mediterránea habitaban os iberos, un pobo moi influído pola cultura grega e fenicia e por tanto moi adiantado. Nesta mesma zona, os gregos (en Cataluña) e os fenicios primeiro e os cartaxineses despois (en Andalucía) fundaron numerosas colonias.
6. A Prehistoria en Galicia
O ser humano chegou a Galicia hai uns 300.000 anos. Atopáronse restos do Homo Neanderthalensis e do Sapiens Sapiens na cova de Eirós (Triacastela) xunto as únicas mostras de pintura rupestre en Galicia. Posteriormente, durante o Neolítico e a Idade dos Metais, desenvolveuse o megalitismo, é dicir, a construción de grandes monumentos de pedra aos que se lles chama megálitos. Calcúlase que en Galicia pode haber unas 3000 mámoas (túmulos de terra que agachan no seu interior un dolmen). Lembra que xa dixemos que eran tumbas.
![]() |
![]() |
Outra manifestación desta época son os petróglifos que son gravados feitos en pedra. Pénsase que tiñan un significado cultural e relixioso. Existen dous tipos de deseños: os figurativos (con cervos, cabalos, armas...) e os abstractos (con círculos, espirais, labirintos...).
6.1. A cultura castrexa
Desenvolveuse na Idade do Ferro, no I milenio a.C. Foi o resultado da fusión da cultura previa galaica coas influenzas dos pobos celtas. O elemento unificador desta cultura son os castros: poboados fortificados en altura, con vivendas de pedra, xeralmente circulares, e cubertas de palla. Os castros son á vez a unidade de organización política e social.
Era unha sociedade xerarquizada, segundo o historiador romano Estrabón, en función da dignidade e a idade, cun especial papel da muller. De certo, a muller castrexa contaba cunha situación e uns dereitos impensables nas súas contemporáneas romanas. Elas administraban os seus bens e controlaban as súas propiedades, comerciaban, podía iniciar causas legais se fose necesario, e participar na vida social.
Economicamente, os castrexos vivían principalmente da agricultura e da gandaría. A pesca e o marisqueo son dúas actividades importantes nos castros que estaban próximos ao mar. Tamén tivo importancia a minaría: ouro, estaño, ferro...
Traballaban a pedra, a cerámica e os metais. Eran excelentes ourives, como queda constancia nos torques, brazaletes, arracadas, fíbulas...
![]() |
![]() |











