Este curso iniciamos unha nova proposta co alumnado de 1º da ESO, que chega por primeira vez ao noso instituto. Reservamos un momento da mañá para facer un almorzo saudable no propio centro, converténdoo tamén nun agradable espazo para compartir e convivir.
No noso almorzo podemos atopar produtos lácteos, tosta de pan con aceite de oliva, avea, cereais, froita fresca..., diferentes opcións para comezar o día dunha maneira equilibrada e con enerxía.
Porque un bo almorzo é unha parte importante dunha alimentación saudable e axúdanos a afrontar a xornada con máis enerxía e atención.
E, ademais, almorzar xuntos é unha oportunidade para conversar, coñecerse e fortalecer os vínculos entre compañeiros e compañeiras, algo especialmente importante para un alumnado que inicia unha nova etapa e se incorpora por primeira vez á vida do noso centro.
Comezamos esta iniciativa con moita ilusión, apostando por hábitos saudables, benestar, convivencia e unha boa acollida.
Un pequeno momento para coidarnos, compartir, coñecernos e comezar o día xuntos. Seguimos sumando hábitos saudables!