Os días 23 e 24 de setembro tivemos o pracer de recibir no IES Maximino Romero de Lema a visita de tres profesores do Evangelisches Gymnasium Meinerzhagen (Alemaña): Ulrich Brüß, profesor de Historia e Literatura; Marco Hoffmann, profesor de Música e Literatura; e Thomas Erdmann, profesor de Drama, Matemáticas e Ciencias.
Foron dúas xornadas de encontro, intercambio e aprendizaxe compartida, nas que tivemos a oportunidade de dar a coñecer o noso centro, o seu funcionamento, os nosos proxectos e o traballo que desenvolvemos arredor da Literatura, a Historia, a Arte, as Linguas, a Música, as novas tecnoloxías e o patrimonio cultural galego.
Durante a primeira xornada, o profesorado visitante participou na presentación do centro, coñecendo a súa organización, os seus proxectos, a súa metodoloxía de traballo e o noso modelo de avaliación. Esta presentación correu a cargo de Ana Facal, que tamén puido compartir co profesorado alemán diferentes aspectos relacionados co funcionamento do centro e coa práctica educativa.
A continuación, realizouse un percorrido polas instalacións para coñecer os diferentes espazos educativos e culturais, así como os murais, exposicións e intervencións artísticas que forman parte da identidade do instituto.
Tamén se presentaron diferentes actividades culturais e proxectos da biblioteca, facendo especial fincapé no traballo desenvolvido arredor da lectura e da dinamización cultural do centro. Esta parte foi presentada por Marta Nantón.
Así mesmo, Fina Paulos e Óscar Rey presentaron diferentes proxectos realizados no centro relacionados coa Intelixencia Artificial e, posteriormente, impartiron unha sesión de IA con alumnado de 4º da ESO, permitindo ao profesorado visitante coñecer de primeira man algunhas das experiencias e metodoloxías que están a desenvolver neste ámbito.
Un dos momentos máis especiais da primeira xornada foi a actuación musical do alumnado, cunha pequena mostra de música tradicional e folk galega, na que participaron Laura, María, Constanza, Lara, Mateo, Noa, Antía e Begoña.
Na segunda xornada, o programa continuou coa asistencia a diferentes sesións lectivas. Luz Rama impartiu a clase de Xeografía e Historia de 1º da ESO, permitindo ao profesorado visitante coñecer de primeira man o traballo desenvolvido nesta materia e as dinámicas dunha aula de Educación Secundaria.
Berta Toja e Cristina Otero estiveron á fronte da sesión de Lingua Inglesa de 3º da ESO, na que o profesorado alemán puido observar o traballo comunicativo, a participación do alumnado e a organización da codocencia.
Finalmente, Alberto Coya impartiu a sesión de Música de 2º da ESO, na que os visitantes puideron coñecer o traballo práctico e creativo desenvolvido polo alumnado e afondar na relación entre música, cultura e patrimonio.
O encontro rematou cunha sesión de valoración e reflexión conxunta, na que se puxeron en común as experiencias das dúas xornadas e se exploraron posibles vías de colaboración futura entre ambos os centros.
Queremos agradecer a todo o profesorado e alumnado que participou nesta experiencia, así como a todas as persoas que contribuíron á súa organización e fixeron posible que estas dúas xornadas fosen un espazo de encontro, aprendizaxe e intercambio.
Un agradecemento especial tamén ao CFR e a Pedro Lado por ofrecernos esta oportunidade e por confiar no noso centro para participar nesta experiencia de intercambio educativo europeo.
Este tipo de iniciativas permítennos coñecer outras realidades educativas, compartir experiencias e boas prácticas e, sobre todo, crear vínculos entre comunidades educativas de diferentes países europeos.
Foi un pracer recibirvos no noso instituto. Agardamos que este encontro sexa o comezo de novas colaboracións e experiencias compartidas!