O IES Maximino Romero de Lema quere expresar a súa satisfacción e orgullo polo recoñecemento acadado polo noso alumno Raúl Soneira Barreira, de 1º de Bacharelato, no XIV Concurso #140EnPositivo, convocado pola Biblioteca da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creatividade, a reflexión e a difusión de mensaxes positivas entre a mocidade.
Raúl obtivo o 2º Premio da Categoría B (Mocidade de 14 a 17 anos) coa mensaxe:
“O cambio non comeza cando todo está listo, senón cando decides dar o primeiro paso aínda con medo.”
Unha frase que destaca pola súa madurez, pola súa capacidade de motivar e por transmitir unha idea moi necesaria: a importancia de avanzar, superar as inseguridades e afrontar os retos con valentía.
Na xornada de hoxe tivo lugar no noso centro a entrega oficial do premio, nun acto no que contamos coa presenza da deputada de Cultura da Deputación da Coruña, da directora da Biblioteca da Deputación, do alcalde de Zas, de varias concelleiras do Concello de Zas e tamén de persoal da biblioteca, que se desprazaron ata o IES Maximino Romero de Lema para facer entrega do galardón e felicitar persoalmente ao alumno polo seu traballo e pola calidade da mensaxe presentada ao certame.
Desde o centro queremos trasladarlle os nosos parabéns a Raúl por este merecido recoñecemento, así como agradecer á Deputación da Coruña e á organización do concurso iniciativas como esta, que promoven a lectura, a escrita creativa e a transmisión de valores positivos entre a mocidade.
Este premio supón tamén un motivo de orgullo para toda a comunidade educativa do IES Maximino Romero de Lema, que continúa apostando pola participación do alumnado en actividades culturais e educativas que fomentan a creatividade, a reflexión e o compromiso coa sociedade.