Oculus!

1. A 4ª e a 5ª declinacións son as que pechan a flexión nominal latina, e cada unha ten a súa problemática. A 4ª parécese moito á 2ª polas terminacións en -us; de feito, -us na 4ª pode ser ata catro casos (e iso se non contamos o vocativo): NOM SING e PL, XEN SING e AC PL. Tamén é certo que ten en común coa 3ª os casos XEN, DAT e AB PL (-um, -ibus, -ibus). En canto á 5ª, practicamente non existe: en todos os textos latinos conservados só aparecen todos os casos en dúas palabras (res, rei e dies, -ei); hai máis palabras que seguen esta declinación, pero, simplemente, nos textos non aparecen todos os seus casos. Isto quere dicir que, a nivel falado, desaparecera moito tempo antes de que puideramos hablar de linguas romances; con todo, a palabra res é bastante frecuente. Como coas demais, non queda máis remedio que aprendelas, aínda que é verdade que son as que menos sustantivos teñen (e non hai adxectivos que se declinen por elas).


2. Dos verbos irregulares latinos, o máis frecuente é, sen dúbida, SVM, e a súa conxugación parécese moito á do castelán e galego, exceptuando o Futuro Imperfecto de Indicativo (ero, eris, erit…), o Presente de Subxuntivo (sim, sis, sit…) e o Pretérito Imperfecto de Subxuntivo (essem ,esses, esset…).

Dos compostos de SVM, o máis frecuente é possum potes posse…, así que hai que ter ben presente a alternancia pos-/pot-.

Entre os demais verbos irregulares, o más cotián é, con diferencia, volo vis velle…, do que hai que coñecer ben o Presente: volo, vis, vult, volumus, vultis, volunt.


3. Os demostrativos (xunto co pronome relativo, que veremos proximamente) teñen unha declinación propia, e non resulta nada cómoda de aprender porque, ademais das súas particularidades, presenta os tres xéneros. Isto é lóxico, se pensamos que unha das súas funcións é a de determinar a un sustantivo: se o determina, debe concordar con el. Os máis frecuentes son os deícticos (hic haec hoc, iste ista istud e ille illa illud) e o fórico (is ea id). Para saber sempre en que caso está, recomendamos o seguinte para cada un deles:

- hic haec hoc: a súa flexión é tan especial que hai que aprenderla por si mesma.

- iste ista istud e ille illa illud: o mellor é pensar que se declinan igual que os adxectivos do primeiro tipo (-us, -a, -um), coa excepción do XEN SING (que termina en –ius) e o DAT SING (que o fai en –i). Por exemplo: ista, illorum, istis ou illum.

- is ea id: o seu maior problema consiste en que as súas formas son moi curtas. Para recoñecelo, pensemos que empezan sempre por –i ou –e, e que as terminacións dos seus casos son iguais ás dos adxectivos do primeiro tipo, coas mesmas excepcións que no apartado anterior (XEN SING en –ius e DAT SING en –i).


4. Finalmente, os numerais son moi fáciles de recoñecer. Convén recordar que os ordinais se declinan todos como os adxectivos do primeiro tipo (-us, -a, -um), e que os cardinais son todos invariables excepto os tres primeiros: unus, -a, -um (2ª-1ª-2ª, coa excepción do XEN SING unius e o DAT SING uni), duo, -ae, -o (2ª-1ª-2ª), e tres, tria (3ª). Tamén se declinan os ordinais do 200 en adiante (ducenti, -ae, -a: 2ª-1ª-2ª), pero son relativamente pouco frecuentes nos textos.

Última modificación: martes, 19 de xullo de 2016, 3:17 PM