Oculus!

1. A complexidade da 3ª declinación reside na variedade de formas que pode presentar o Nominativo Singular, o que fai que, en presencia de calquera forma declinada, sexa moi difícil intuir cal é. Por sorte, durante este curso traballamos con vocabularios limitados, así que non será arduo localizar neles as palabras. Convén que o interrogante (?) presente na lista de desinencias desta declinación (que aparece dúas veces nos neutros, xa que, como vimos, estes teñen o Nominativo e o Acusativo iguais), non nos despiste: cando, ó traducir unha cláusula, esteamos buscando unha terminación dunha palabra da 3ª declinación que non apareza na lista, iso será sinal de que se trata dun Nominativo Singular (tamén Acusativo, se a palabra é neutra).

2. Os adxectivos do 2º tipo van pola 3ª declinación. Recoñécense polo seu enunciado: fortis, -e (dous Nominativos singular: a primeira terminación para os xéneros masculino e feminino, e a segunda para o neutro). Ata agora, só manexabamos o 1º tipo de adxectivos, que se identificaba facilmente por ter tres terminacións (tipo bonus, -a, -um). Con esta nova clase, debemos ter moito coidado de non confundilos con sustantivos, que, como sabes, tamén teñen dúas terminacións: é obrigado lembrar que un enunciado -is, -e responde sempre a un adxectivo, e nunca a un sustantivo.

3. Os tempos verbais do Perfectum que usaremos este curso son só dous: Pretérito Perfecto e Pluscuamperfecto de Indicativo. Para identificalos debemos dar tres pasos:

- comprobar, sempre, cal das dúas raíces está presente na forma verbal que nos toque: debemos eliminar o -o da primeira forma do enunciado e o -i da cuarta; o resultado que nos quede debemos comparalo co que teñamos no verbo da cláusula, unha vez eliminada a desinencia persoal.

- se temos a raíz de Infectum, procedemos segundo o aprendido ata agora.

- se temos a raíz de Perfectum, só debemos mirar se está presente, antes da desinencia persoal, o morfema -era-; se é así, temos un Pretérito Pluscuamperfecto de Indicativo, e se non, un Pretérito Perfecto de Indicativo (e cómpre recordar que este tempo esixe unhas desinencias especiais, exclusivas del: -i, -isti, -it, -imus, -istis, -erunt).

4. Adverbios, preposicións e conxuncións son palabras invariables (por tanto, sen declinación), que aparecen identificadas como tales nos vocabularios. Con todo, axuda lembrar o seguinte:

- o latín pode formar adverbios a partir de adxectivos (cun método igual ó que as nosas linguas empregan co sufixo "-mente").

- a preposición in pode rexer dous casos, con significado diferente: Ablativo ("en") e Acusativo ("a", "cara a").

- as preposicións ab e ex poden aparecer como a e e, respectivamente, dependendo de que a palabra que lles siga empece por vocal ou consonante: ab atrio ou ex oppido, pero a Lyceo o e domo, por exemplo.

- os nomes de cidade e illas pequenas non necesitan preposición para expresar o lugar a onde (abonda co caso Acusativo) nin en onde. Neste último caso, as gramáticas adoitan falar dun caso especial: o Locativo. O problema é que, nas palabras da 1ª e 2ª declinacións, ese suposto caso especial é idéntico ó Xenitivo (e ó Dativo). Como a cidade máis mencionada é case sempre Roma, é mellor lembrar que "en Roma" se di en latín Romae.

- as conxuncións tamén se indican nos vocabularios, pero a frecuencia das copulativas fai necesario lembralas (et, atque e as negativas, nec, neque). Tamén é importante interpretar ben o uso da copulativa enclítica -que: sempre ten efecto no espazo inmediatamente anterior á palabra á que vai soldada: puer puellaque significa "o neno e a nena".

5. Roma empezou sendo unha pequena aldea, pero converteuse, tras moitos séculos, na cabeza dun gran Imperio. As institucións que a gobernaban variaron ó longo d tempo. Independentemente dos detalles, que se expoñen na presentación Gestio Rei Publicae, dispoñible nesta Aula Virtual, os rasgos básicos de cada réxime son os seguintes:

- durante a Monarquía, o poder estaba realmente no Senado, que propoñía un candidato a Rei, votado pola asamblea cidadá. Por tanto, o Rei era un funcionario executivo con amplo poder, pero que debía ter en conta o criterio dos senadores. Probablemente un conflicto entre o Rei e estes últimos motivou a caída da Monarquía.

- o sistema republicano intentaba evitar a concentración de grandes poderes nunha persoa, e de aí a estructura de maxistraturas do cursus honorum. Ó longo da República, foise producindo un enfrontamento cada vez maior entre os partidarios de conservar a dirección real en mans do Senado (integrado por antigos maxistrados), e os que querían basear a política nas decisións das asambleas cidadás, ben por crelo sinceramente, ben por aproveitarse delas para progresar nas súas ambicións. Seguramente esta tensión acabou sendo insostible, provocando varios enfrontamentos civís e a aceptación tácita da necesidade dun princeps que mantivese a orde.

- esa orde foi aceptada coa persoa de Octavio Augusto, que concentrou todo o poder. Con todo, en apariencia, e por razóns administrativas, compartiuno con algunhas persoas, cuidadosamente seleccionadas, creando unha nova estructura de goberno que dependía directamente del. Esta forma de gobernar perpetuouse nos seus herdeiros, aínda que por momentos o papel do exército se fixo moi importante. Progresivamente, a orixe do poder do Emperador foise atribuíndo á divinidade, de maneira que os habitantes libres do Imperio acabaron sendo cada vez máis súbditos e menos cidadáns.

7. A sociedade romana, como a de todas as culturas mediterráneas antigas, baseábase nunha diferencia fundamental entre persoas: os libres e os escravos, que se convertían en libertos en canto deixaban de selo, a maior parte das veces por vontade testamentaria dos seus amos. Entre os libres, a situación foi evolucionando desde un primeiro momento en que os patricios (nobres) tiñan un papel dirixente exclusivo frente ós plebeios (non nobres). En canto estes últimos lograron a igualdade de dereitos, os mellor situados economicamente chegaron a unha alianza cos patricios para conservar a súa posición privilexiada. Deste xeito, a riqueza estaba concentrada en moi poucas mans, sobre todo nos entornos urbanos.

Dentro da sociedade romana era moi importante a institución da clientela, que tecía relacións baseadas en favores feitos e recibidos, e creaba grupos con gran influencia, moitas veces enfrontados. Todas as persoas libres con poucos recursos entendían que debían poñerse baixo a protección dun poderoso, ó que ofrecían unha variedade de servizos (apoialo en campañas electorais ou en pleitos xudiciais, por exemplo), a cambio de, en moitos casos, unha manutención permanente.

Modifié le: mardi 19 juillet 2016, 15:17