LECTIO QVARTA: fundamenta

1. Para traducir os textos latinos cómpre saber empregar o vocabulario ou diccionario. Como en todos os idiomas, cada entrada do diccionario ten unha forma concreta dependendo da clase de palabra: en galego e castelán, por exemplo, os adxectivos entran pola forma masculina singular, ás veces seguida da feminina, os verbos polo infinitivo, os sustantivos pola súa forma singular, etc. En latín, os sustantivos recoñécense por presentar sempre dúas terminacións: unha completa, en caso NOMINATIVO SINGULAR e outra parcial, en caso XENITIVO SINGULAR. Con esta última distinguimos as declinacións: -ae (1ª) e -i (2ª), polo momento.
Convén non perder de vista o xénero neutro, apenas existente nas nosas linguas, pero totalmente vivo en latín. Nas dúas primeiras declinacións só temos sustantivos neutros na 2ª, pero estes teñen unha declinación lixeiramente diferente. Por iso é importante distinguilos xa no vocabulario: se a primeira forma do enunciado termina en -um, o sustantivo sempre será neutro. As diferencias en canto á declinación son pequenas, e resúmense no seguinte: teñen o NOMINATIVO e o ACUSATIVO iguais tanto en singular como en plural (por tanto, en singular, -um), e neste último número sempre toman a terminación en -a. Hai que ter coidado, pois esa desinencia aparece tamén na 1ª declinación, e nela representa casos diferentes (NOM SING e ABL SING): por iso é básico identificar ben a que declinación pertence cada palabra, a través do seu enunciado no vocabulario.
Para practicar o coñecemento das declinacións latinas podes servirte deste enlace: Ludus Litterarius.
2. O adxectivo é unha palabra que ten como papel más frecuente modificar a un sustantivo. Por tanto, debe concordar con el en xénero, número e caso. Para cumprir con isto, o latín ten unha clase de adxectivos, chamada 1ª clase ou 1º tipo, que presenta variación de xénero (igual pasa en galego e castelán: "bonito, -a"), a través de tres terminacións. Por iso, un adxectivo do 1º tipo distínguese moi facilmente nun vocabulario: sempre remata en -us, -a, -um (as tres terminacións son o NOMINATIVO SINGULAR).
3. A conxugación latina é bastante parecida á do galego (sobre todo á desta lingua, por non ter tempos compostos) e castelán, que a formaron a partir dela. Un verbo recoñécese no vocabulario por presentar 5 formas no seu enunciado, a terceira das cales, o infinitivo, serve para distinguilas: -are (1ª), -ēre (2ª), - ĕre (3ª), e -ire (4ª). Como se pode deducir facilmente, a 1ª latina converteuse na 1ª galega e castelá, a 2ª e a 3ª confluíron na nosa 2ª, e a 4ª pasou a ser a 3ª. Cada conxugación, en teoría, forma os tempos e modos verbais de maneira diferente, aínda que hai máis semellanzas que diverxencias.
O verbo indica o protagonista da acción ou proceso verbal a través das desinencias persoais (3 para singular e 3 para plural): -o/-m, -s, -t, -mus, -tis, -nt. Son as mesmas desinencias que, evolucionadas, herdamos.
Todos os verbos latinos presentan dúas raíces, lexemas ou temas: cun deles, chamado INFECTVM ou Tema de Presente fórmanse os tempos que non indican pasado completo (Presente de Indicativo e Subxuntivo, Pretérito Imperfecto dos dous modos, e Futuro Imperfecto de Indicativo). Esa raíz obtense, en todos os verbos, eliminando o -o da primeira forma do enunciado.
De momento, só epregaremos tres tempos verbais, todos eles do modo Indicativo: Presente, Pretérito Imperfecto e Futuro Imperfecto. A forma de distinguilos rapidamente é a seguinte:
- en primeiro lugar, separamos a desinencia persoal.
- se, unha vez retirada a desinencia, vemos a sílaba -ba-, temos un Pretérito Imperfecto.
- se vemos -bi- ou -bu-, será Futuro Imperfecto.
- se vemos unha vocal, debemos fixarnos na segunda forma do enunciado do verbo no vocabulario (que sempre será -as, -es, ou -is). Se a vocal que temos na forma verbal coincide coa da 2ª forma do enunciado ou é un -u-, teremos un Presente; se non coincide nin é un -u-, estamos diante dun Futuro.
O verbo SVM ("ser", "estar", "existir", "haber") é o verbo irregular por excelencia, pero os tempos que nos ocupan aquí non son moi diferentes dos de galego e castelán, coa excepción do Futuro Imperfecto:
- Presente: sum, es, es, est, sumus, estis, sunt
- Pretérito Imperfecto: eram, eras, erat, eramus, eratis, erant
- Futuro Imperfecto: ero, eris, erit, erimis, eritis, erunt
4. Polo de agora, só traduciremos cláusulas latinas simples, cun só verbo. A mecánica de traducción que aconsellamos require concentración, precisión e uso da lóxica. Estes son os pasos recomendados:
a) identificar o verbo da cláusula, indicando en que tempo e persoa está.
b) analizar detalladamente cada unha das palabras declinables da cláusula: sustantivos e adxectivos. A análise, palabra por palabra, faise así:
- buscamos cada palabra no vocabulario e averiguamos se se trata dun adxectivo ou un sustantivo. Neste último caso, debemos fixarnos na declinación a que pertence, comprobar que desinencia ou caso aparece na cláusula e, finalmente, anotar baixo a palabra todas as posibilidades casuais da desinencia, indicando caso, número e función.
- para os adxectivos, é conveniente unir estes últimos a algún sustantivo, sempre que esté xusto ó seu carón (polo momento, pode servirnos de pista o feito de que as súas terminacións sexan iguais). En caso contrario, ou máis ben de forma complementaria, podemos analizar individualmente cada adxectivo: para iso, debemos buscar a desinencia que presente nas dúas declinacións. Isto último será máis recomendable cuando esteamos traducindo cláusulas copulativas.
d) unha vez analizadas morfoloxicamente todas as palabras, aplicaremos a lóxica das relacións sintácticas:
- o verbo indica cal é o SUXEITO: se está en singular, vaino ser a palabra ou palabras que estean en NOMINATIVO SINGULAR; se está en plural, vaino ser a palabra ou palabras que estean en NOMINATIVO PLURAL.
- unha vez identificado o SUXEITO, empezamos a traducir situando este en primeiro lugar, seguido do verbo. Dado que o latín no posúe artigos, debemos incluílos nós, podendo optar polo determinado ou o indeterminado.
- unha vez traducidos o SUXEITO e o verbo, poremos a continuación o OBXECTO DIRECTO, se a cláusula é predicativa, ou o ATRIBUTO, se é copulativa.
- o resto de complementos será relativamente doado ubicalos, dado que os conxuntos SUXEITO-verbo-OBXECTO DIRECTO e SUXEITO-verbo-ATRIBUTO concentran a maior parte do sentido da cláusula. Con todo, hai que seguir estas indicacións: aínda que o latín posúe preposicións, úsaas menos que as nosas linguas, polo que necesitamos empregalas para traducir certos casos. Para o XENITIVO-COMPLEMENTO DO NOME servímonos da preposición "de"; para o DATIVO-OBXECTO INDIRECTO, de "a" ou "para"; e para o ABLATIVO-COMPLEMENTO CIRCUNSTANCIAL, de "en", "con" ou "por" (unha das tres debe encaixar).
5. O Imperio (27 a.C.-476 d.C.), dividido á súa vez en Principado ou Alto Imperio, e Dominado ou Baixo Imperio, é a longa fase final da Historia de Roma. A súa primeira parte consiste no remate da expansión territorial, mentres a segunda comeza cunha situación de mantemento das conquistas e a situación socieconómica, para ir debilitándose pouco a pouco, e ir cambiando ata desmembrarse en diferentes reinos, que darán orixe a moitos Estados europeos medievais e modernos.
O exército foi un factor moi importante no desenvolvemento dos acontecementos, xa que moitos Emperadores saíron das súas ringleiras. En moitos casos, aínda que non sempre, estes crearon dinastías familiares, as máis importantes das cales son, por orde cronolóxica, a Xulia-Claudia (Augusto, Tiberio, Calígula, Claudio e Nerón), a Flavia (Vespasiano, Tito e Domiciano), e a Antonina (Traxano, Adriano, Antonino Pío, Marco Aurelio e Cómodo).
No que se coñece como Baixo Imperio son fundamentais as reformas de Diocleciano, no s. III: coa súa Tetrarquía comezou un xeito de gobernar no que os Emperadores eran cada vez máis obxecto de culto relixioso, e a administración imperial se descentralizaba, progresivamente máis pendente dos problemas nas fronteiras cos chamados pobos bárbaros. Esa tendencia recibiu un forte impulso con Constantino (que trasladará a capital do Imperio a Constantinopla, cidad fundada por el), e continuará ata que no s. IV, tras Teodosio, hai xa oficialmente dous Imperios: o de Oriente e o de Occidente. Este último desaparecerá no ano 476.
6. Como calquera idioma, o latín era rico en interxeccións, algunhas das cales parécense a algunhas nosas: st!, por exemplo. Outras vense diferentes, pero é a grafía a que despista: vae!, por exemplo, non sonaba muy distinta do noso "ai!". Algunhas palabras empregadas a xeito de interxeccións son en realidade imperativos, como age!, vide!, cave! o abi!