LECTIO TERTIA: fundamenta

1. Todas as mensaxes lingüísticas que producimos posúen unha ordenación interna; e temos interiorizadas as súas regras de tal forma que as empregamos sen necesidade de análise previa. O conxunto desas regras recibe o nome de sintaxe. En galego, castelán ou francés exprésanse por medio da concordancia, a orde de palabras, as preposicións e as conxuncións. En latín, a orde de palabras é máis libre debido a unha capacidade que as linguas romances xa non teñen: os seus sufixos nominais (para sustantivos e adxectivos) indican, ademais doutras cousas, a función da palabra na secuencia sintáctica. Eses sufixos chámanse casos. É moi importante non confundir caso con función: o primeiro é un elemento físico do idioma, mentres a segunda é un concepto abstracto; de aí que un só caso poida representar varias funcións sintácticas e, ó revés, a mesma función sintáctica poida estar expresada por máis dun caso.
2. O latín posúe seis casos, dos cales só cinco indican función sintáctica, xa que o segundo, o VOCATIVO, expresa a apelación, que non é función. Cómpre coñecer a súa lista, nesta orde e coas súas correspondentes funcións:
NOMINATIVO (NOM) - SUXEITO E ATRIBUTO
[VOCATIVO - APELACIÓN]
ACUSATIVO (AC) - OBXECTO DIRECTO E (en presencia de preposición) COMPLEMENTO CIRCUNSTANCIAL
XENITIVO (XEN) - COMPLEMENTO DO NOME
DATIVO (DAT) - OBXECTO INDIRECTO
ABLATIVO (AB) - COMPLEMENTO CIRCUNSTANCIAL (con ou sen preposición)
3. Cada unha das desinencias ou casos é diferente en singular e en plural, o que, en teoría, nos dá un total de 12. Con todo, os casos agrúpanse en conxuntos que varían segundo o lexema ou tema da palabra (sustantivo ou adxectivo) a que se unen; e a cada un deses grupos de casos chámaselle declinación. En latín hai cinco, numeradas con ordinais consecutivos:
1ª declinación: temas en -a
2ª declinación: temas en -o
3ª declinación: temas en consonante e en -i
4ª declinación: temas en -u
5ª declinación: temas en -e
De momento, centrarémonos nas dúas primeiras declinacións.
4. A literatura antiga partía duns presupostos algo diferentes da actual: o importante non era tanto o tema que se ía tratar como a forma con que se facía. Por iso un poeta como Virxilio podía tratar un tema como a agricultura en verso, e ademais de maneira moi elaborada. Así, os romanos compartían cos gregos a idea da necesidade dun tratamento estético moi depurado de toda obra escrita destinada a publicación. Máis especificamente romana é a preferencia por temas que tivesen unha utilidade práctica, como a oratoria, a historiografía ou a poesía épica: a primeira servía para compoñer discursos destinados a convencer a un público, a segunda para render homenaxe ós antergos (polos cales a moral tradicional romana sentía un enorme respeto), e a terceira para glorificar ós heroes nacionais. Polo tanto, as nocións de entretemento e evasión da realidade que, como lectores, hoxe atribuímos en gran medida á literatura, son bastante alleas á Antigüidade.
5. A República é o período da Historia de Roma na que esta se afirma como potencia dominadora do Mediterráneo. O punto de inflexión foron as Guerras Púnicas (sobre todo a Segunda, ou Guerra de Aníbal), nas que Roma derrota a Cartago, o seu imperio rival. Outro momento clave foi o s. I a.C., que estivo dominado por un ambiente de guerras civís e producíu unha tendencia á concentración do poder en mans dunha soa persoa. Xulio César, coa súa victoria nunha longa guerra civil e a súa proclamación como dictador perpetuo deu o primeiro paso, pero o seu camiño nesa dirección foi truncado polo seu asasinato. Tras el, as loitas entre os seus herdeiros políticos e os seus rivais deron como resultado novos e traumáticos conflictos internos, dos que saíu máis fortalecida a idea da necesidade da reunión dos poderes: Gaio Octavio, máis coñecido como Augusto, conseguíu situarse como única figura dominante, dando lugar ó réxime que coñecemos como Imperio, aínda que os seus contemporáneos vivían convencidos de que a República seguía existindo a través das súas institucións. E, efectivamente, estas funcionaban, aínda que baixo a discreta vixiancia do "cidadán principal", que nós chamamos Emperador.
6. Na aprendizaxe de todo idioma ocupa un lugar clave saber demandar informacións básicas a través de preguntas. En latín, as máis importantes son as seguintes:
- quen? - quis? (se preguntamos por un home) / quae? (por una muller)
- que? - quid?
- como? - quomodo?
- onde? - ubi?
- cando? - quando?
- por que? cur? (respóndese: quia...)
- que dis? - quid ais? / quid dicis?
- que queres? - quid vis? / quid quaeris?
- quen es? - quis es (tu)?
- como te chamas? - quid nomen tibi est?
- non - non
- si - [respóndese co mesmo verbo da pregunta] / sic / certe
- graciñas - gratias (ago)
- como estás? - ut vales? (en caso de atoparse ben, respóndese: bene / valeo: et tu?)