Oculus!


1. A cuestión da orixe da lenguaxe humana ten difícil solución, e probablemente nunca saberemos con exactitude como apareceu. En cambio, o tema da diversidade lingüística está bastante ben investigado. Ó longo do s. XIX, debido ó triunfo das teorías evolucionistas de Darwin e á consolidación do método científico, rexéitase a validez da explicación baseada no relato bíblico da Torre de Babel. Como consecuencia, un bo número de filólogos conseguiron demostrar a realidade do cambio lingüístico: todas as linguas actuais proceden doutras máis antigas, e a maioría delas pódense agrupar no que chamamos "familias". Se nos remontamos no tempo, construíndo unha especie de árbore xenealógica das linguas, poderíase, teoricamente, chegar a unha (monoxénese) ou varias (polixénese) linguas orixinarias.

2. Como sabes, galego e castelán proceden do latín, que á súa vez procede doutra lingua anterior. Igual que as linguas romances teñen en común que a súa "nai" é o latín, do mesmo xeito latín, grego, antigo indio e outras son "irmás" entre si, e proveñen do indoeuropeo, unha lingua que só podemos reconstruír no plano teórico: aínda que se descubrisen restos dunha nova lingua indoeuropea anterior no tempo á máis antiga que temos desa familia, nunca poderemos estar seguros de se ese era o idioma orixinario ou un máis da familia.

3. O importante é a seguridade que os estudios de comparación lingüística teñen, sobre todo no aspecto fonético: en determinada época e para unha mesma lingua, o cambio dos seus sons é regular -agás excepcións-, o que permite comprender a relación entre as linguas. Exemplo: /f/ inicial latina siempre se conserva en galego, e desaparece en castelán (a pesar de que se escriba unha "h-").

4. Actualmente fálanse entre 6.000 e 10.000 linguas no mundo. Hai varias razóns polas que non se pode precisar máis, pero unha delas reside na dificultade de delimitar entre un idioma e outro. Parece razonable considerar que estamos ante dúas linguas diferentes no momento en que non se produce una intercomprensión fluída entre os seus falantes. Con todo, as relacións entre as colectividades humanas a cotío enmascaran esta realidade: catalán e valenciano, por exemplo, son variantes do mesmo idioma, procedente do latín, e de feito diferéncianse bastante pouco; con todo, na Comunidade Valenciana o idioma chámase valenciano, e en Cataluña catalán. Como exemplo contrario, chamamos albanés a unha lingua que, en realidade, presenta dúas variedades bastante afastadas entre si (guego e tosco). Xa que logo, por razóns histórico-políticas, é posible que atopemos o mesmo idioma con dúas denominacións, ou dúas diferentes cunha soa.

5. Ás veces a esas variantes dunha mesma lingua chámaselles "dialectos", palabra á que se adoita dar un matiz pexorativo. Con todo, en Lingüística, dialecto é simplemente unha variante dun idioma. Así, desde un punto de vista actual, o español de Arxentina é un dialecto do español orixinario, pero tamén o son, nunha perspectiva histórica, o castelán ou o galego respecto do latín.

6. As linguas romances proceden da evolución do latín popular ou vulgar. Non obstante, o latín que se estudia nas escolas é unha variante diferente do idioma. Debido ó seu prestixio, por ter sido a lingua de Roma, o latín foi unha lingua viva no ámbito cultural durante boa parte da historia de Europa. Pero trátase dunha lingua literaria, traballada durante varios séculos por autores que, a parte do que querían contar (ou incluso por riba diso), escribían cunha intención estética. Ademais, este idioma tan elaborado tivo unha referencia clara: o latín clásico ou da que chamamos Idade de Ouro da literatura latina, máis ou menos entre os s. II a.C. e II d.C.

7. As razóns da diferenciación do latín popular nas distintas linguas romances son as mesmas que se aplican á evolución lingüística en xeral: influencias de sustrato, adstrato e superestrato fixeron que o que en principio era un único idioma (que ademais non chegou ó mesmo tempo a todas partes do Imperio Romano) acabase sendo varios. Colaboraron tamén ó proceso dous feitos claves, que hoxe en día seguen a influír nas posibilidades de conservación dunha lingua: a falta dunha normativa gramatical e ortográfica unificada e a ausencia dun sistema escolar universal e de medios de comunicación que contribuíse a fixar un estándar de referencia para a maioría da poboación.

8. A cidade de Roma leva existindo desde o 753 a.C. (de aí que se lle chame a "Cidade Eterna"). Esa continuidade ten feito que gran parte dos edificios e lugares da época antiga desaparecesen ou se conserven, na maioría dos casos, en estado bastante precario: a conciencia da necesidade de conservar os restos do pasado é bastante recente, xa que ata o s. XIX os que hoxe consideramos restos arqueolóxicos eran vistos en moitos casos como ruínas inútiles; ou, se servían para algo, era para a súa reutilización, no seu conxunto ou en partes (por iso as portas de bronce da antiga Curia Hostilia, lugar de reunión do Senado romano, están hoxe na basílica de San Xoán de Letrán, por exemplo). Con todo, o estado actual de moitos sitios arqueolóxicos permítenos imaxinar en parte como era o aspecto da cidade e o tipo de vida que se facía nela.

Última modificación: martes, 19 de julio de 2016, 15:17