LECTIO DVODECIMA: fundamenta

1. As formas nominais ou non persoais do verbo latino (infinitivo e participio) son moi utilizadas no latín literario. Como veremos o curso próximo, recoñecelos e comprender o seu funcionamiento sintáctico é clave para traducir correctamente case todo os autores latinos.
2. O participio, no esencial, funciona como un adxectivo: concorda en xénero, número e caso con outra palabra ou palabras da súa cláusula; pero existe unha diferencia no seu comportamento sintáctico, pois esa palabra ou palabras coas que concorda poden estar a bastante distancia do participio. Ademais, e por ser, a fin de contas, unha forma verbal, pode levar complementos, aínda que de diferente tipo: os activos (de presente e de futuro) poden levar OD, como vimos na LECTIO; en canto ós pasivos, non poden levar OD, pero é típico que leven un ABL (como se fose o CAx da pasiva) –no caso do participio de pasado- ou un DAT (coa mesma función) –no caso do participio de futuro activo.
Así, en canto temos un participio, os textos complícanse, porque aparecen, por un lado, os complementos do verbo núcleo da cláusula (isto é, con desinencias persoais), e por outro, os do participio. A puntuación dos textos servirá de axuda: o participio adoita ir dentro dun período marcado por comas xunto ós seus complementos, mentres que a palabra ou palabras coas que concorda están fóra das comas:
Vidi puellam illam, magnopere amatam a me
(“Vin a aquela rapaza, enormemente amada por min”)
A excepción a esta norma é a construcción chamada “ablativo absoluto”. Nela o participio e a palabra ou palabras coas que concorda van dentro do mesmo período marcado por comas, sempre en caso ABL. Nesta circunstancia, a traducción debe empezar polo propio participio:
Victis hostibus, pax venit
(“Vencidos os inimigos, chegou a paz”)
Os participios máis frecuentes son o de presente (-ns, -ntis), o de pasado (-tus, -a, -um ou -sus, -a, -um) e o de futuro pasivo (-ndus, -a, -um)
3. O infinitivo, desde o punto de vista da traducción, ten dous xeitos de comportarse. Un deles non é distinto do que ten en galego ou castelán: cumpre unha función dentro da cláusula (SUX ou OD, na maioría dos casos). A particularidade que ten é que, ó ser invariable, cumpre esas funcións sen tomar ningunha desinencia, ó contrario que as palabras declinables:
Dulce est amare
(“Amar é doce”, na que “amar”/amare é SUX e “doce”/dulce ATRB)
Puer currere vult
(“O rapaz quere correr”, na que “correr”/currere é OD)
Non sempre resulta tan doado traducilo. Sempre que o verbo núcleo da cláusula (en forma persoal) pertenza ó campo semántico de “dicir”, “pensar”, “crer” e similares, vémonos obrigados a usar a nosa conxunción “que”. Deste xeito, introducimos na nosa traducción unha cláusula subordinada sustantiva, na cal o SUX deberá ser unha palabra que no texto latino estea en AC, e o verbo o infinitivo, traducido como forma persoal. Vese neste exemplo:
Seneca dicit mortem saepe furtim venire
("Séneca di que a morte a miúdo chega inadvertidamente”)
Os infinitivos más cotiáns son os de presente activo (-are, -ere, -ire), presente pasivo (-ari, -eri, -i, -iri) e pasado activo (-isse).