Oculus!


1. Existe gran discusión entre diferentes escolas lingüísticas sobre a condición de subordinadas de varios dos tipos de cláusulas tradicionalmente considerados como tales. Neste curso non nos interesa entrar demasiado en detalle nestas cuestións, senón saber recoñecer os elementos que introducen esas cláusulas para poder traducilas. A maior parte delas poden identificarse por estar encabezadas por conxuncións moi concretas. Son as seguintes:

- adversativas: as conxuncións máis frecuentes son sed, at e verum. Tradúcense por "pero", "con todo", "non obstante"... Tradicionalmente considéranse coordinadas, mais dúas cláusulas enlazadas por "pero" están relacionadas de xeito tal que non admiten extensión, que é o requisito para que sexan consideradas como coordinadas:

Nado, corro e ando en bicicleta fronte a

Non nado, pero corro (non podo engadir outro "pero" sen alterar a estructura do conxunto)

- concesivas: a maioría das veces van introducidas por quamquam e tametsi, que se traducen por "aínda que".

- condicionais: moi doadas de recoñecer pola presencia das conxuncións si ("se") e nisi ("se non").

- causais: o seu nexo máis frecuente é quia. Tamén se poden atopar quoniam e quod. Este último pode dar problemas, xa que é idéntico ó pronome relativo (NOM-AC SING neutro). Para estar seguros de que a súa cláusula é unha causal e non una relativa, debemos comprobar a presencia ou non de antecendente na cláusula principal: se nela non aparece unha palabra neutra singular, temos a causal. Fíxate nestes exemplos:

Templum quod in urbe stat altum est

("O templo que se ergue na cidade é alto"). Templum é antecedente de quod.

Ad Lyceum venimus quod classes delectant nos

("Vimos ó Instituto porque as clases nos agradan"). Non hai ningunha palabra neutra singular na cláusula principal.

- finais: estas poden darnos máis problemas, pois van introducidas por ut (afirmativa) e ne (negativa), igual que as sustantivas que viamos na LECTIO anterior. Ambas cláusulas levan o verbo en subxuntivo, polo que para diferenciar un valor doutro necesitamos fixarnos no significado do verbo da cláusula principal: nunhas ocasións, veremos que o sentido xeral nos pide un "que" tras o verbo (sería sustantiva), e noutras quedará mellor un "para que" (sería final). Nestes exemplos vese claro:

Caesar statuit ut milites venirent

("César decidíu que os soldados acudisen", e non "para que os soldados acudisen")
fronte a

Caesar ad senatum venit ut pax decerneretur

("César acudíu ó Senado para que se decidise a paz", e non "que se decidise a paz")

O intercambio de valores positivo-negativo para ut e ne cando van rexidos por un verbo de temor na cláusula principal dase nas finais igual que nas sustantivas (vid. LECTIO anterior).

2. O teatro tivo un gran éxito en Roma entre os s. III-II a.C., pero só no xénero da comedia, e máis especificamente no da chamada fabula palliata: as obras eran en latín, pero a ambientación xeral (lugar, decoración, vestuario) era grega. Isto debíase a que os autores romanos se inspiraban, como sempre en literatura, en comedias de escritores gregos máis antigos. Plauto e Terencio son os dous únicos autores dos que nos ten chegado certa cantidade de obras. Dos dous, o primeiro é o que máis admiración nos causa polo seu dominio das situacións e motivos cómicos que hoxe en día seguen a funcionar: as súas obras continúan representándose, con gran variedade de adaptacións, e seguen a divertir a moitas personas en todo o mundo. As máis recoñecidas son Anfitrión, Os xemelgos, Aulularia, As Bacantes, Casina e Miles Gloriosus.

NOTA: no enlace de Youtube podes prestar atención ós videos relacionados para comprobar o vivo que Plauto continúa a estar.

Última modificación: martes, 19 de julio de 2016, 15:17