PLAUTO EN GALICIA
2. Teatro escolar
Se ben nestes campos a influencia é escasa, no referente ó teatro escolar as cousas son diferentes, quizais polo tipo de humor sinxelo de Plauto que chega con facilidade ós máis novos. No ano 1998 o grupo “Apeirón” da Facultade de Filoloxía puxo en escena Os Xemelgos na Vª Mostra de Teatro Universitario Galego. Ademais tódolos anos hai varias representacións de Plauto feitas por alumnos galegos de ensino medio como complemento ás clases de latín ou cultura clásica. Estas teñen un público reducido, xeralmente só o do propio centro, pero cómpren a función de difundir a obra do comediógrafo latino e ir familiarizando aos rapaces co teatro clásico. Hai que salientar neste traballo ó grupo “Sardiña”, formado por alumnos do IES “A Sardiñeira” e “Elviña” da Coruña, guiado polos catedráticos de latín dos institutos Ricardo Martín e Beatriz Martín. Constituíuse en 1983 e está especializado no teatro plautino, aínda que nos últimos tempos comezou a incorporar tamén a traxedia grega no seu repertorio. Fixeron xa máis de 400 representacións dentro da nosa Comunidade e tamén fóra, sobre todo no marco do Festival Europeo de Teatro Greco-Latino de Segóbriga, así como en diversos lugares de Italia.
Hoxe en día outros grupos como Parrocha, El Ruiseñor e Noite Bohemia, seguen a traballar no cultivo do teatro grecolatino, sendo estes últimos recentes gañadores a nivel estatal do 2º Premio no Certame Candilejas Don Bosco e cunha Mención Especial Buero Vallejo pola mellor adaptación de texto na obra Aulularia de Plauto. No 2013 tamén se fixeron co Primeiro Premio na Modalidade “A Comedia Latina”.
No ano 2019 o grupo de teatro do IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña fíxose co premio a nivel nacional de teatro grecolatino na subcategoría de Comedia. A fase final do concurso tivo lugar no Teatro Romano de Sagunt, onde a súa interpretación da obra "Anfitrión" de Plauto gañouse ao público e ao xurado do certame.
Foto do grupo de teatro Noite Bohemia. Fonte | El Español
No ano 2003, Celso Parada realizou unha adaptación d’ A comedia do Gurgullo a partir dos textos do propio Plauto. Contou, para interpretala, cos actores e actrices do Centro Dramático Galego.
O traballo deste equipo foi estreado no Gran Teatro de Elxe o día 18 de outubro de 2003 e no Salón teatro de Santiago de Compostela o día 24 do mesmo mes.
Festival de teatro grecolatino SEECGalicia
O Festival de teatro grecolatino de Lugo é un evento creado en 2001 pola sección galega da Sociedad Española de Estudios Clásicos (SEECGalicia), co propósito inicial de achegar as grandes obras do teatro grego e romano clásico aos estudantes do ensino medio. Cada ano acóllese no Auditorio Gustavo Freire a uns 4.000 alumnos de centros de Galicia, Asturias e León, aínda que este número foi medrando dende os 635 asistentes da primeira edición.
A partir do ano 2019 as sedes do festival, a parte do Auditorio Gustavo Freire (Lugo), son: o Auditorio Municipal (Ourense), o Teatro Municipal de Tui (Pontevedra) e o Teatro Colón (Coruña).