PLAUTO EN GALICIA
| Sitio: | Aula Virtual IES Eduardo Pondal |
| Curso: | Latín 2º BAC Susana |
| Libro: | PLAUTO EN GALICIA |
| Impreso por: | Usuario convidado |
| Data: | venres, 16 de xaneiro de 2026, 9:42 AM |
1. Traducións e adaptacións
A presenza dos clásicos greco-latinos en Galicia, nas diferentes formas posibles, parece que non é tan escasa como se pensaba. Se ben no eido da tradución aínda queda case todo por facer, no tocante á imitación e sobre todo á emulación, a literatura galega ten unha gran débeda cos clásicos dende o mesmo Rexurdimento, sobre todo na lírica e no teatro. A dramaturxia galega baseouse numerosas veces en temas, técnicas e recursos clásicos nas súas obras, pero ademais moitos dos conceptos do teatro galego son tamén herdeiros destes: a defensa da historia como mito que achamos n' O Mariscal (A Coruña 1926) de Ramón Cabanillas e Antón Vilar Ponte, o papel do coro d' A lagarada de Otero Pedrayo (A Coruña 1929), o papel do mensaxeiro e a organización en triloxía d' Os vellos non deben de namorarse de Castelao, así como ducias de pezas que recrean historias da antigüidade. Pero ademais moitas das obras dos nosos dramaturgos están inspiradas directamente nun texto clásico concreto, máis ou menos adaptado para levar a escena os grandes problemas existenciais do home do noso tempo, que non son moi diferentes ós dos antigos. O autor teatral clásico máis emulado nos nosos teatros é sen dúbida o tráxico grego Eurípides, pola febleza e vulnerabilidade dos seus heroes, que os fan máis humanos.
No tocante ás reminiscencias da comedia, a influencia do teatro de Plauto en Galicia e nos autores galegos é moi escasa, nada comparable ó que foi Plauto no resto de España. O pioneiro no campo das traducións é Aquilino Iglesia Alvariño, que en 1962 publica unha versión de Aulularia, co título A comedia da oliña. Trátase dunha tirada reducida feita pola Editorial Galaxia en Vigo. A obra foi estreada na Coruña o 9 de xullo dese mesmo ano polo “Teatro de Cámara”. O 9 de marzo de 1970 o “Teatro de Cámara Ditea” volve levar a escena a versión de Iglesia Alvariño, en Santiago de Compostela con motivo das xornadas conmemorativas do IX día mundial do Teatro. A tradución desta obra inscríbese nunha tendencia a facer versións das obras de teatro clásico e contemporáneo da literatura universal que se leva a cabo nos anos 60 e 70, nun momento no que a lingua comeza a sentirse forte. A idea é encher o baleiro de orixinais e así potenciar un teatro de calidade en galego á altura doutras linguas con máis tradición literaria e inscribir o teatro galego na cultura universal .
Plauto non volverá ser publicado en galego ata 1991, cando a colección “Clásicos en Galego” da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia, edita O Anfitrión e Asinaria en tradución de Mercedes Boado e Mª Xesús Frei Collazo. Nunha segunda entrega, en 2001, aparece Aulularia en versión das mesmas filólogas e coa reedición da tradución de Aquilino Alvariño. Tamén en 1999 Edicións Lea inclúe entre as traducións da súa colección de clásicos latinos dúas versións de Plauto, unha d' O Estico feito por F.J. Feijoo Lorenzo, e outra d' O Persa de J.A. Parada Yáñez . Outro título do legado de Plauto que hoxe podemos atopar nas nosas bibliotecas é A comedia da oliña por Antonio Fontán. Editorial Galaxia no ano 1962.
No tocante ás representacións, E. Campos realizou unha versión de Aulularia para o grupo de teatro “Enxergo” de Ferrol en 1984. Esta mesma tempada a compañía de teatro “Achádego” de Lugo levou unha versión da mesma obra polos escenarios de Galicia, dentro do programa dos percorridos culturais da Consellería de Cultura da Xunta. A influencia de Plauto sobre os autores dramáticos galegos é escasa e só hai unha obra inspirada nas súas comedias; a Farsa plautina de Agustín Magán. Esta comedia segue o mesmo procedemento de composición que o dramaturgo latino: a “contaminatio”. A obra foi publicada pola editorial Sotelo Blanco en Barcelona no 1993 e no prólogo alúdese ao procedemento seguido e ás fontes plautinas das que a obra é acredora: o Miles Gloriosus, os Menecmos e o Gurgullo.
2. Teatro escolar
Se ben nestes campos a influencia é escasa, no referente ó teatro escolar as cousas son diferentes, quizais polo tipo de humor sinxelo de Plauto que chega con facilidade ós máis novos. No ano 1998 o grupo “Apeirón” da Facultade de Filoloxía puxo en escena Os Xemelgos na Vª Mostra de Teatro Universitario Galego. Ademais tódolos anos hai varias representacións de Plauto feitas por alumnos galegos de ensino medio como complemento ás clases de latín ou cultura clásica. Estas teñen un público reducido, xeralmente só o do propio centro, pero cómpren a función de difundir a obra do comediógrafo latino e ir familiarizando aos rapaces co teatro clásico. Hai que salientar neste traballo ó grupo “Sardiña”, formado por alumnos do IES “A Sardiñeira” e “Elviña” da Coruña, guiado polos catedráticos de latín dos institutos Ricardo Martín e Beatriz Martín. Constituíuse en 1983 e está especializado no teatro plautino, aínda que nos últimos tempos comezou a incorporar tamén a traxedia grega no seu repertorio. Fixeron xa máis de 400 representacións dentro da nosa Comunidade e tamén fóra, sobre todo no marco do Festival Europeo de Teatro Greco-Latino de Segóbriga, así como en diversos lugares de Italia.
Hoxe en día outros grupos como Parrocha, El Ruiseñor e Noite Bohemia, seguen a traballar no cultivo do teatro grecolatino, sendo estes últimos recentes gañadores a nivel estatal do 2º Premio no Certame Candilejas Don Bosco e cunha Mención Especial Buero Vallejo pola mellor adaptación de texto na obra Aulularia de Plauto. No 2013 tamén se fixeron co Primeiro Premio na Modalidade “A Comedia Latina”.
No ano 2019 o grupo de teatro do IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña fíxose co premio a nivel nacional de teatro grecolatino na subcategoría de Comedia. A fase final do concurso tivo lugar no Teatro Romano de Sagunt, onde a súa interpretación da obra "Anfitrión" de Plauto gañouse ao público e ao xurado do certame.
Foto do grupo de teatro Noite Bohemia. Fonte | El Español
No ano 2003, Celso Parada realizou unha adaptación d’ A comedia do Gurgullo a partir dos textos do propio Plauto. Contou, para interpretala, cos actores e actrices do Centro Dramático Galego.
O traballo deste equipo foi estreado no Gran Teatro de Elxe o día 18 de outubro de 2003 e no Salón teatro de Santiago de Compostela o día 24 do mesmo mes.
Festival de teatro grecolatino SEECGalicia
O Festival de teatro grecolatino de Lugo é un evento creado en 2001 pola sección galega da Sociedad Española de Estudios Clásicos (SEECGalicia), co propósito inicial de achegar as grandes obras do teatro grego e romano clásico aos estudantes do ensino medio. Cada ano acóllese no Auditorio Gustavo Freire a uns 4.000 alumnos de centros de Galicia, Asturias e León, aínda que este número foi medrando dende os 635 asistentes da primeira edición.
A partir do ano 2019 as sedes do festival, a parte do Auditorio Gustavo Freire (Lugo), son: o Auditorio Municipal (Ourense), o Teatro Municipal de Tui (Pontevedra) e o Teatro Colón (Coruña).