
Nas interaccións sociais de cada día, debemos escoitar, falar, participar, debater, decidir, comprender, defender e, en
última instancia, convencer a alguén de algo. Polo tanto, ser un comunicador ou comunicadora competente pode
marcar unha diferenza substancial tanto nas relacións persoais como no éxito da carreira académica e profesional.
Trátase dunha habilidade social básica e de presenza central, constante e manifesta na nosa vida cotiá.
Por outra banda, falar en público é hoxe unha actividade que adopta formas e usa canles moi variadas: as redes sociais, as reunións de traballo, a actividade académica, os medios de comunicación, as xuntanzas políticas, os discursos comerciais, os colectivos culturais, as congregacións informais, etc. Tal diversidade e amplitude de
situacións fan que as tradicionais disciplinas da oratoria e a súa inseparable retórica acaden no noso tempo unha
proxección práctica particularmente tanxible.
No contexto normativo actual, a materia de Oratoria está chamada a ocupar nos últimos cursos da ESO un posto
central no progreso curricular do alumnado. As oito competencias que definen a aprendizaxe permanente e os
obxectivos curriculares asociados no seu caso adquiren aquí unha presencia concreta, explícita e concluínte, debido á natureza transversal da propia actividade oratoria.
Expoñer ideas e debater opinións son trazos de madurez individual que poderán ser desenvolvidos nos seguintes niveis educativos e que se proxectarán nunha vida colectiva tamén máis rica e ampla, como se espera dunha sociedade democraticamente avanzada.
- Profesor/a: Marisa Moreda Leirado