Outros conceptos de sociolingüística
Todos os textos están tirados da Wikipedia
1. A diglosia
Diglosia (que provén do grego δίγλωσσος, "de dúas linguas") é a distribución de unha ou máis variedades lingüísticas que, dentro dunha comunidade (linguas en contacto), por mor dun desigual reparto de usos, cumpren unhas funcións distintas e empréganse en situacións e contextos diferentes.
Orixe e evolución do termo
O concepto desenvolveuno Charles Nine Ferguson no artigo Diglossia publicado na revista Word en 1959 para caracterizar dúas variedades dunha mesma lingua, na que unha, codificada, se emprega só nos ámbitos elevados e a outra, sen codificación, só nos ámbitos privados nunha situación estable no tempo[1]. Posteriormente o concepto evolucionou para cubrir situacións que implican dúas linguas e que poden mudar no tempo:
- Bilingüismo e diglosia.
- Diglosia sen bilingüismo: As dúas linguas compiten nos mesmos dominios. Unha delas acaba desaparecendo.
- Bilingüismo sen diglosia: (Fishman, 1980). Bélxica, Canadá, Suíza. Áreas monolingües, linguas protexidas polas institucións.
- Nin bilingüismo nin diglosia.
Tras reparar en que, a miúdo, os falantes dan en empregar unhas variedades lingüísticas ou outras segundo a situación en que se achen, Ferguson denominou diglosia á relación lingüística, ás veces conflitiva, que se establece entre esas variedades.
Fishman fai unha definición máis ampla nun estudo posterior, observa que a diglosia non equivale a bilingüismo e expresa que o termo pode referir as sociedades multilingües, aquelas que empregan unha lingua vernácula e outra clásica e mesmo a calquera sociedade na cal se empreguen dialectos ou variedades funcionalmente diferentes.
Tipos
A diglosia pode ser de dous tipos:
- Endodiglosia, cando a diglosia se produce entre variantes dunha mesma lingua (en Marrocos o árabe clásico é a lingua oficial, mentres que o árabe magrebí se reserva para usos coloquiais).
- Exodiglosia, se se trata de dúas linguas diferentes (galego e castelán en Galicia).