Imos cara á esperanza!
Continúa lendo para coñecer máis sobre a A Real Expedición Filantrópica da Vacina
Os 22 escollidos

Isabel houbo de informar con máis ou menos detalle os nenos da viaxe que ían emprender.
Explicarlles o lonxe que estaba América non era doado, ningún deles viaxara nunca. Optou por dicirllo en tempo, sería unha viaxe de máis dunha semana ata a illa de Tenerife, logo de estar alí emprenderían outra viaxe de máis dun mes ata América metidos nun barco, sempre no mar, sen poder pisar terra. Así todos o entenderon e algúns non ocultaron o seu desacougo. Pronto viñeron as preguntas.
—E cando volveremos?
—Non ides volver, teredes alí unha nova casa, non nun sitio coma este, unha casa con pais.
Creouse un gran balbordo.
Os máis pequenos preguntaban ilusionados por aqueles pais, os máis grandes desconfiados en extremo.
—Iredes á escola, teredes unha educación, traxes bos e zapatos… Nunca correredes o perigo de quedar na rúa, e non pasaredes fame nunca máis.
—Terán chourizo? E pan?
—Terán de todo. E tamén algunhas comidas novas.
Entón alguén fixo a pregunta.
—E por que imos para alá?
Era difícil de explicar.
—Veredes, a Súa Maxestade, El-Rei Carlos IV, quere levar a esas terras afastadas unha medicina para curar a varíola —alí todos sabían o que era a varíola, ata moitos dos pequenos tiñan oído falar dela—, e para levar esa medicina necesitan nenos. Iránvola poñendo de dous en dous.
—Pero nós non estamos malos.
—Non, nin o estaredes nunca, porque vos van dar unha medicina que protexe da enfermidade. A cada neno que lla poñan sairanlle uns pouquiños grans que non doen e deses gran sae máis medicina para outros nenos.
Non sería moi correcta a explicación, pero valeu.
Aos poucos días todos soñaban coas cousas boas que lles ían pasar nas Américas.
De todos os protagonistas desta historia, posiblemente de quen menos se coñece é daqueles vinte e dous orfos que saíron do porto da Coruña levando no seu corpo a vacina da varíola coa promesa dunha vida mellor e dos que só vinte e un chegarían ao destino. Faltaría Ignacio José, de tres anos, falecido durante a travesía a América.
Unha vez rematada a penosa viaxe, as cousas non foron como lles contaran. Queda constancia de que o propio Balmis (director da Expedición) se interesou por eles e de que escribiu repetidamente ao ministro Caballero reclamando os beneficios que se lles prometeran, e que as autoridades locais non lles concederan internándoos nun sobrepoboado e miserable hospicio onde vivían mal alimentados e coidados, e eran acusados de non saber nin persignarse e de ser mal falados polo contacto cos mariñeiros.
Parece que o futuro dos cativos foi mellor en México, dados os tempos tan convulsos e de guerra que se viviron despois en España. Sábese da morte de Tomás Melitón e Juan Antonio, outros permaneceron anos na chamada Escuela Patriótica, e o resto foron adoptados por familias mexicanas. Na cidade da Coruña un monumento lembra a súa odisea.
Os nenos de Madrid: Vicente Ferrer, Andrés Naya, Domingo Naya e Antonio Veredia.
Os nenos da Coruña: Martín, Manuel María, Cándido de la Caridad, Francisco Antonio, Clemente de la Caridad, José Jorge Nicolás de los Dolores, Vicente María Sale y Vellido, Pascual Aniceto, Ignacio José, José, Tomás Melitón, José Manuel María e Benito Vélez.
Os nenos de Santiago de Compostela: Juan Antonio, Jacinto, Gerónimo María, Francisco Florencio e Juan Francisco.
Estes foron os grandes protagonistas da expedición.
Pero... e quen era Isabel?