Imos cara á esperanza!
| Sitio: | Aula Virtual do IES do Barral |
| Curso: | Embarcámonos contra o virus |
| Libro: | Imos cara á esperanza! |
| Impreso por: | Usuario convidado |
| Data: | domingo, 28 de decembro de 2025, 9:04 PM |
Descrición
Continúa lendo para coñecer máis sobre a A Real Expedición Filantrópica da Vacina
Desde Galicia para o mundo!
Chegados a este punto xa coñeces a importancia da vacina da varíola. No 1803 en Europa xa se levaba un tempo vacinando, pero a España aínda non chegara ese ansiado medicamento. O rei Carlos IV atopouse cun grave problema, pois nas terras de ultramar a varíola causaba unha grande desfeita. Por iso, na procura dunha solución, o rei decidiu financiar unha expedición, a chamada Real Expedición Filantrópica da Vacina.
Por que lle chamaron Real? Porque foi o Rei quen a financiou.
E por que Filantrópica? Porque non había un interese económico detrás, senón o de axudar as persoas, evitar que a poboación seguise morrendo por mor da varíola.
Agora xa tes unha idea do que significou a "Real Expedición Filantrópica da Vacina". O que quizais aínda non coñezas é a relevancia que Galicia tivo en todo isto...
Continúa a ler para coñecer os grandes protagonistas desta aventura!

Teresa Herrera
Seguro que ás persoas que sabedes de fútbol vos resulta familiar este nome, pero... que terá que ver Teresa Herrera coa nosa expedición?
Pois ben, Teresa Margarita Herrera y Pedrosa foi a fundadora do primeiro Hospital da Caridade da Coruña.
Teresa naceu na Coruña, quedou orfa de pai aos catro anos e púxose a traballar moi nova para non ser unha carga para a nai, viúva con 10 fillos. Os seus irmáns van morrendo de enfermidade e a nai muda o testamento a favor de Teresa, coa condición de que coide das súas dúas irmás.
Dende moi nena acollía e coidaba na súa casa a mulleres enfermas e sen recursos, convertendo o seu lar nun pequeno hospital, así era chamado polos conveciños: “o hospitaliño de Deus”.
Deste xeito, concibiu a idea de fundar un Hospital da Caridade e, con esta finalidade en 1789 doou os seus bens á Congregación da Virxe das Dores. En xullo de 1791 colocouse a primeira pedra do futuro hospital, nun solemne acto ao que asistiu Teresa Herrera que, nesa altura contaba 80 anos, e que morrería uns meses despois. O hospital foi inaugurado tres anos máis tarde.
E foi desa inclusa de onde saíron 13 dos 22 nenos que levarían a vacina ata terras de ultramar.
Interesante, verdade?
CONTINUAMOS!
O doutor Posse Roybanes
E no Hospital da Caridade traballaba o doutor Posse Roybanes...
O doutor Antonio Posse Roybanes non era coma os demais. Tiña uns cincuenta anos, ou preto deles, e era un home de ben, e de ciencia. Avanzado á súa época, estaba moi lonxe de moitos daqueles médicos que practicaban unha medicina mística, de a cabalo entre a ciencia e a relixión, pouco aberta aos novos avances, e onde o que non tiña explicación empírica tentábase dilucidar pola intervención divina.
Aqueles doutores, como moita outra xente, miraban mal os expósitos. Considerábanos o lixo da sociedade, fillos da miseria, da depravación e de tantas outras cousas achacables en realidade aos pais e non a eles. Pero crían que os expósitos viñan co pecado de seus pais impreso na alma. Por iso a primeira medida naquel hospicio, e en todos, era darlles o bautismo, para tentar afastar o mal deles, aquel mal intrínseco difícil de lavar. Tamén as súas enfermidades lles eran naturais aos médicos. Os nenos do orfanato padecían frecuentemente de tiña, piollos, parasitos, todo tipo de quenturas, enfermidades epidémicas e crónicas, baixo peso, taras e ata deformidades por malos embarazos. Nalgunhas ocasións padecían sífilis e outras doenzas herdadas das nais borrachas, prostitutas, promiscuas e infieis. Para moitas persoas de ben, aqueles nenos non merecían nin a atención médica. Bastante era mantelos, e tentar sacalos das rúas.
O doutor Posse Roybanes, non era así. El trataba os expósitos con interese e preocupación. Faláballes, escoitaba o que dicían, e ata frecuentemente lles peiteaba o pelo coas mans. Tiña unha especie de fixación con velos peiteados e aseados.
Era un home ilustrado, ao tanto de publicacións e avances médicos. Incluso do que se estudaba no resto de Europa, mentres que en España aínda pesaba o peso da Inquisición e os inquisidores seguían meténdose nas prácticas médicas. Sendo un home relixioso, que o era, e moito, cría na medicina dos humanos máis ca na divina.
El ben sabía que non había cura para a varíola. Era a natureza quen escollía os que sobrevivían e os que non, e nada tiña que ver coa idade, coa vida que levaban, nin coas ganas de vivir. A única maneira de vencela era coa vacina, estaba plenamente convencido diso.
E tanto cría nela que o fixo co que máis quería no mundo, co seu propio neto.
Posse Roybanes puido abrir a súa desexada sala de vacinacións na Coruña en 1805.
A historia tamén lle debe aínda moito recoñecemento!
Ao igual que aos 22 nenos que fixeron todo isto posible...
Os 22 escollidos

Isabel houbo de informar con máis ou menos detalle os nenos da viaxe que ían emprender.
Explicarlles o lonxe que estaba América non era doado, ningún deles viaxara nunca. Optou por dicirllo en tempo, sería unha viaxe de máis dunha semana ata a illa de Tenerife, logo de estar alí emprenderían outra viaxe de máis dun mes ata América metidos nun barco, sempre no mar, sen poder pisar terra. Así todos o entenderon e algúns non ocultaron o seu desacougo. Pronto viñeron as preguntas.
—E cando volveremos?
—Non ides volver, teredes alí unha nova casa, non nun sitio coma este, unha casa con pais.
Creouse un gran balbordo.
Os máis pequenos preguntaban ilusionados por aqueles pais, os máis grandes desconfiados en extremo.
—Iredes á escola, teredes unha educación, traxes bos e zapatos… Nunca correredes o perigo de quedar na rúa, e non pasaredes fame nunca máis.
—Terán chourizo? E pan?
—Terán de todo. E tamén algunhas comidas novas.
Entón alguén fixo a pregunta.
—E por que imos para alá?
Era difícil de explicar.
—Veredes, a Súa Maxestade, El-Rei Carlos IV, quere levar a esas terras afastadas unha medicina para curar a varíola —alí todos sabían o que era a varíola, ata moitos dos pequenos tiñan oído falar dela—, e para levar esa medicina necesitan nenos. Iránvola poñendo de dous en dous.
—Pero nós non estamos malos.
—Non, nin o estaredes nunca, porque vos van dar unha medicina que protexe da enfermidade. A cada neno que lla poñan sairanlle uns pouquiños grans que non doen e deses gran sae máis medicina para outros nenos.
Non sería moi correcta a explicación, pero valeu.
Aos poucos días todos soñaban coas cousas boas que lles ían pasar nas Américas.
De todos os protagonistas desta historia, posiblemente de quen menos se coñece é daqueles vinte e dous orfos que saíron do porto da Coruña levando no seu corpo a vacina da varíola coa promesa dunha vida mellor e dos que só vinte e un chegarían ao destino. Faltaría Ignacio José, de tres anos, falecido durante a travesía a América.
Unha vez rematada a penosa viaxe, as cousas non foron como lles contaran. Queda constancia de que o propio Balmis (director da Expedición) se interesou por eles e de que escribiu repetidamente ao ministro Caballero reclamando os beneficios que se lles prometeran, e que as autoridades locais non lles concederan internándoos nun sobrepoboado e miserable hospicio onde vivían mal alimentados e coidados, e eran acusados de non saber nin persignarse e de ser mal falados polo contacto cos mariñeiros.
Parece que o futuro dos cativos foi mellor en México, dados os tempos tan convulsos e de guerra que se viviron despois en España. Sábese da morte de Tomás Melitón e Juan Antonio, outros permaneceron anos na chamada Escuela Patriótica, e o resto foron adoptados por familias mexicanas. Na cidade da Coruña un monumento lembra a súa odisea.
Os nenos de Madrid: Vicente Ferrer, Andrés Naya, Domingo Naya e Antonio Veredia.
Os nenos da Coruña: Martín, Manuel María, Cándido de la Caridad, Francisco Antonio, Clemente de la Caridad, José Jorge Nicolás de los Dolores, Vicente María Sale y Vellido, Pascual Aniceto, Ignacio José, José, Tomás Melitón, José Manuel María e Benito Vélez.
Os nenos de Santiago de Compostela: Juan Antonio, Jacinto, Gerónimo María, Francisco Florencio e Juan Francisco.
Estes foron os grandes protagonistas da expedición.
Pero... e quen era Isabel?
A reitora da inclusa

Acórdaste do Hospital da Caridade fundado por Teresa Herrera?
Pois alí traballaba Isabel Zendal.
A vida de Isabel Zendal non fora doada e ninguén esperaba que o posto de reitora llo concedesen a dona Isabel, tendo un fillo de solteira naquela época...
Pero así foi. Chegou ao orfanato con Benito, o seu fillo de 7 anos.
Non era un gran posto, pero a pouco máis podía aspirar unha muller. Había moito traballo de sol a sol, sen descanso. A reitora debía vivir no propio hospicio e iso significaba días e noites de traballo, atendendo cativos enfermos a calquera hora, e madrugadas en que asilar novos abandonos.
Era respectada polo seu traballo e polo que significaba a institución do hospicio, a ninguén lle escapaba o importante labor social que desenvolvían.
Cando lle foi proposto participar na expedición, Isabel Zendal decidiu implicarse ata o imposible na misión e non deixar sós aqueles 22 pequenos heroes, entre os que iría tamén o seu propio fillo, Benito.
Isabel nunca regresou a España e a súa pegada pérdese en México tras asentarse en Puebla de los Ángeles, xunto ao seu fillo. Precisamente, hoxe en día o Premio Nacional de Enfermería de México, outorgado anualmente polo goberno do país, leva o seu nome.
E, por último, debemos falar de María Pita...
María Pita
Así se chamaba a corveta que levou a Real Expedición ao seu destino.
E quen foi María Pita?
