Imos cara á esperanza!
Continúa lendo para coñecer máis sobre a A Real Expedición Filantrópica da Vacina
O doutor Posse Roybanes
E no Hospital da Caridade traballaba o doutor Posse Roybanes...
O doutor Antonio Posse Roybanes non era coma os demais. Tiña uns cincuenta anos, ou preto deles, e era un home de ben, e de ciencia. Avanzado á súa época, estaba moi lonxe de moitos daqueles médicos que practicaban unha medicina mística, de a cabalo entre a ciencia e a relixión, pouco aberta aos novos avances, e onde o que non tiña explicación empírica tentábase dilucidar pola intervención divina.
Aqueles doutores, como moita outra xente, miraban mal os expósitos. Considerábanos o lixo da sociedade, fillos da miseria, da depravación e de tantas outras cousas achacables en realidade aos pais e non a eles. Pero crían que os expósitos viñan co pecado de seus pais impreso na alma. Por iso a primeira medida naquel hospicio, e en todos, era darlles o bautismo, para tentar afastar o mal deles, aquel mal intrínseco difícil de lavar. Tamén as súas enfermidades lles eran naturais aos médicos. Os nenos do orfanato padecían frecuentemente de tiña, piollos, parasitos, todo tipo de quenturas, enfermidades epidémicas e crónicas, baixo peso, taras e ata deformidades por malos embarazos. Nalgunhas ocasións padecían sífilis e outras doenzas herdadas das nais borrachas, prostitutas, promiscuas e infieis. Para moitas persoas de ben, aqueles nenos non merecían nin a atención médica. Bastante era mantelos, e tentar sacalos das rúas.
O doutor Posse Roybanes, non era así. El trataba os expósitos con interese e preocupación. Faláballes, escoitaba o que dicían, e ata frecuentemente lles peiteaba o pelo coas mans. Tiña unha especie de fixación con velos peiteados e aseados.
Era un home ilustrado, ao tanto de publicacións e avances médicos. Incluso do que se estudaba no resto de Europa, mentres que en España aínda pesaba o peso da Inquisición e os inquisidores seguían meténdose nas prácticas médicas. Sendo un home relixioso, que o era, e moito, cría na medicina dos humanos máis ca na divina.
El ben sabía que non había cura para a varíola. Era a natureza quen escollía os que sobrevivían e os que non, e nada tiña que ver coa idade, coa vida que levaban, nin coas ganas de vivir. A única maneira de vencela era coa vacina, estaba plenamente convencido diso.
E tanto cría nela que o fixo co que máis quería no mundo, co seu propio neto.
Posse Roybanes puido abrir a súa desexada sala de vacinacións na Coruña en 1805.
A historia tamén lle debe aínda moito recoñecemento!
Ao igual que aos 22 nenos que fixeron todo isto posible...