Investigando a bola de plastilina
Esta será a vosa primeira tarefa, e teredes que resolvela de acordo ao seguinte guión:
1. Pensa e fai unha proposta que permita pescudar se a bola que tes sobre a mesa está feita so de plastilina ou ten algo dentro. Por suposto, non podes abrila (xa que iso sería ter un coñecemento directo, cousa que nos está vetada). Tampouco podes facerlle un furado. A bola é un modelo que representa o noso planeta e, como ben sabedes, non temos capacidade tecnolóxica para furalo máis aló duns poucos km.
2. Agora imaxina que, cos datos que obtiveches, chegas á conclusión de que a bola ten algo dentro. Podemos, sen romper a bola, saber algo sobre o que hai dentro? Que é o que podemos chegar a saber? como?
3. Fai agora un deseño experimental que te permita, empregando os medios habituais nun laboratorio de física e química, comprobar como é a estrutura interna da famosa bola. Este deseño deberá incluír:
a) Material necesario para facer as túas probas
b) Método: describe aquí paso a paso como farías para obter os datos que precises.
c) Unha ficha na que poidas ir anotando os resultados que vaias obtendo.
d) Conclusións: Neste apartado tes que interpretar os datos obtidos. Ou sexa, explicar a que conclusións chegas sobre a composición da túa bola. Tamén neste apartado terás que facer un comentario crítico sobre o método de traballo empregado e facer unha valoración sobre os posibles erros nos que tes incurrido e se pensas que eses erros poden poñer en dúbida as túas conclusións.
Como produto final deberás entregar un informe no que mostres o desenvolvemento de toda a actividade, de acordo co esquema que se proporciona.