Apuntamentos
Apuntamentos para traballo offline
Condición física
A competencia global vén definida polo desenvolvemento de aspectos cuantitativos e cualitativos. Cada persoa posúe unhas aptitudes que determinan o seu máximo rendemento. Estas aptitudes non son mellorables pero pódese favorecer o seu desenvolvemento por medio do adestramento. De maneira que individuos menos dotados xenéticamente, logren grandes resultados a través dun desenvolvemento optimo das súas posibilidades.
Así, o resultado global do individuo é a suma da súa aptitude e do desenvolvemento logrado desas potencialidades. Así falamos da capacidade motriz que esta constituída polas capacidades condicionais, capacidades coordinativas e polas intermedias. As capacidades condicionais identifícanse con aspectos de tipo cuantitativo e serán as que conformen a condición física do individuo.
Esta diferenciación ten un carácter didáctico, como sinala Manno, R., xa que vai ser difícil illar o traballo en cada un dos grupos posto que somos un todo. O desenvolvemento das capacidades físicas inflúe na técnica, na aprendizaxe motora e na formación táctica, os seus factores limitantes son a dispoñibilidade de enerxía nos músculos e os mecanismos que regulan a súa produción.
Tradicionalmente na Ed. Física os contidos referidos á condición física foron moi utilizados, servindo para desenvolver a eficacia mecánica e fisiolóxica do corpo, o cal era aproveitado para fins militares, de rendemento deportivo ou de saúde. Configurou a base de traballo dos sistemas analíticos e actualmente o seu tratamento está presente no currículo tanto no ámbito de obxectivos como de contidos.