AS LABORES AGRÍCOLAS
Requisitos do completado
Obtivo 0 punto(s) de 0 punto(s) ata agora.
O TRABALLO DA TERRA
¿EN QUE CONSISTE?
A terra que non está nun medio natural en equilibrio ou que non está ben cultivada tende a volverse compacta e dura.
O traballo da terra consiste en removela para romper esa dureza.
¿PARA QUE SIRVE?
Cando a terra está máis mulida é máis adecuada para o desenvolvemento dun solo vivo e fértil.
Isto é así porque a auga e o ar poden circular por ela.
Como xa vimos antes, unha terra ben aireada e húmida favorece que se desenvolva a vida dos microorganismos e pequenos animais tan beneficiosos para o crecemento das plantas.
Ademais o solo brando permite que as raíces das plantas crezan mellor, e xa sabemos o importante que é iso para que poidan captar nutrientes.
¿CANDO HAI QUE FACELO?
CANDO PREPARAMOS POR PRIMEIRA VEZ UN TERRENO PARA CULTIVALO
É fundamental facer este traballo cando preparamos os bancais para o noso cultivo.
É o traballo máis duro porque xeralmente a terra está dura e compacta e temos que profundar entre 40 e 60 cm. O mellor, cando se prepara a terra por primeira vez é mellor recorrer á maquinaria agrícola.
Poderemos recorrer a algún agricultor ou agricultora da nosa zona ou contratar a algunha empresa para que faga este traballo para a nosa escola.
CANDO COMEZAMOS UNHA NOVA TEMPORADA DE CULTIVO
Como os bancais están pensados para non ter que pisar neles, non teremos que traballar o solo en todo o curso. So o faremos de novo cando comecemos a nova temporada. Nese caso o traballo non é tan duro porque a terra está pouco compactada. Bastará con que usemos a "forca de dobre mango".
CANDO FACEMOS UN CAMBIO DE CULTIVO
Dentro dunha mesma temporada, se cambiamos totalmente o cultivo dun bancal podemos poñer a punto o seu solo. Nese caso faise un traballo máis superficial co rastrelo.
A AXUDA DOS ANIMAIS DO SOLO
Cando estudamos o solo falamos da importancia da fauna que vive nela para mantelo ben mulido e aireado. É o caso especial das miñocas, grandes colaboradoras nosas, posto que descompoñen a materia orgánica morta e pouquiño a pouquiño removen e airean a terra. ¡Temos que coidalas moito!
Se o precisas volve a lembrar a riqueza de vida que hai no solo. Se xa otes claro segue adiante!