Gesamtpunktzahl: 0 / 0

OS BANCAIS SEMIELEVADOS




BANCAIS

Os bancais semielevados son como pequenas hortas alargadas,
elevadas uns centímetros sobre o nivel do chan.



A intención é preparar a terra para que teña as mellores condicións de crecemento para as plantas e despois non pisala (por iso están elevados uns centímetros).



PREPARACIÓN DA TERRA

A terra nun bancal semielevado está removida ata uns 40 ou 60 centímetros de profundidade. Ó remover a terra vai estar xa un pouco máis alta. Logo hai que engadirlle máis terra (a que sacamos dos camiños) para facelo un pouco elevado. Se queremos podemos protexer os laterais con materiais como pedras, tellas, táboas, etc.

Unha vez que a terra está traballada non volvemos a pisala para que se manteña ben branda.

¿Sabes para que?

  • Para que as raíces crezan sen esforzo e poidan estenderse moito aproveitando mellor os nutrientes do solo.
  • Para que a terra estea mellor aireada e a auga circule ben. Así as raíces estarán máis saudables e os microorganismos descompoñedores poderán traballar mellor. Eles van facer o traballo de manter o solo en boas condicións.



FERTILIZACIÓN


¡É a hora de usar o noso compost!

Así é, a terra mulida e brandiña dos bancais cúbrese cunha capa de compost duns 2 centímetros.



CUBRIMOS O BANCAL CON PALLA OU FOLLAS SECAS


¿Para que facemos isto?


Para protexer o solo porque...

  1. Evita a evaporación da auga do solo, así non se seca cando o sol quenta forte.
  2. Ó mesmo tempo mantén a terra quentiña (¿lembras o importante que é a temperatura para manter a vida no solo?).
  3. Evita o crecemento excesivo de herbas (as poucas que crezan imos arrancalas con facilidade porque o solo está brandiño).

Esta cobertura ten un inconveniente: as babosas e caracois crecen ben debaixo da palla e poden comerse algunhas das nosas hortalizas.



AS DIMENSIÓNS


Os bancais deben ter unha anchura aproximada dun metro. O motivo é que poidamos acceder ás plantas sen necesidade de pisar o solo. Así evitamos que se poña duro e non perdemos as vantaxes dos bancais.

A lonxitude decídese en función do tamaño da horta, aínda que é mellor que non sexa demasiado larga para que non nos leve moito tempo dar a volta (¡Lembra que non se pode pisar!).



OS CAMIÑOS


Ó redor dos bancais hai que facer camiños dunha anchura duns 50 centímetros, para que nos permitan pasar con comodidade sen pisar os bancais, e incluso para que toda a clase poda estar ó seu redor para observar as plantas e atender a explicacións ou preguntas que alguén queira facer.



¿COMO SE PLANTA NOS BANCAIS?


Nos bancais combinamos distintos tipos de plantas, que teñan follas e raíces de distintos tamaños.

Deste xeito podemos poñer máis cantidade de plantas.

Isto chámase combinación de cultivos e axúdanos a:

  • Aproveitar ben o espazo.
  • Impedir que se evapore a auga do solo.
  • Aproveitar máis os nutrientes do solo.
  • Como as follas van cubrir moita superficie do bancal impiden que o sol chegue ó chan e así crecerán menos herbas.

Ademais os bancais teñen unha gran vantaxe. Cando facemos a colleita dunha planta podemos plantar outras no seu lugar sen necesidade de traballar de novo a terra.