2. O mundo actual (desde 1989)

2.3. Outros mundos actuais

O discurso histórico, caracterizado polo eurocentrismo, marxina os territorios que se atopan fóra dos límites do denominado "Occidente." O triunfo do bloque capitalista na Guerra Fría e a extensión dos sistemas liberais políticos e económicos supuxeron o protagonismo dos Estados Unidos e da Unión Europea nas relacións internacionais, mais cómpre ter presente a existencia doutras realidades de grande relevancia no mundo actual:

  • Rusia:Bombadeo Kiev marzo 2022 Nun proceso de recuperación de peso político internacional, o goberno de Vladimir Putin levou a cabo unha política de intervención militar en lugares como Siria (2011) ou Ucraína (2022, na imaxe, bombardeo de Kiev en marzo dese ano) que elevou a tensión internacional ata niveis propios da Guerra Fría.

  • Crecente peso económico e político de China, convertido nun importante actor industrial, comercial e financeiro que cuestiona a hexemonía estadounidense resultado do final da Guerra Fría. Na imaxe podemos ver Shanghai, considerada a capital económica do país.
    Shanghai
  • Próximo Oriente: O conflito palestino-israelí pasou por numerosas fases desde a creación do Estado de Israel en 1948 e continúa na actualidade. Paralelamente, a tensión na zona intensifícase pola rivalidade entre dúas potencias locais como son Arabia Saudita e Irán.

Manifestación en Tunisia

  • O paradoxo de África. Sendo un continente cunha gran variedade e abundancia de recursos económicos, a situación de pobreza, marxinación económica e dependencia neocolonial segue a ser unha realidade que ameaza o presente e o futuro dos países africanos. No norte do continente entre 2010 e 2012 tiveron lugar unha serie de revoltas populares coñecidas como a Primavera Árabe. Iniciáronse en Tunisia (ver imaxe) e estendéronse a outros países como Exipto, Libia, Iemen ou Xordania, coa intención, na maior parte dos casos sen éxito, de establecer réximes democráticos. 

  • América Latina: A partir de finais dos anos 80, América Latina superou en liñas xerais a época das ditaduras militares e estendéronse os réximes democráticos na rexión, se ben as desigualdades socioeconómicas ou fenómenos como o terrorismo ou o narcotráfico condicionan enormemente a realidade de países como Colombia, México ou Brasil.

A conflitividade do mundo actual caracterízase, ademais, polo desenvolvemento desde finais do século XX do denominado terrorismo islamista ou yihadismo que, da man de organizacións como Al-Qaeda ou ISIS, e de líderes como Osama Bin Laden se caracterizou por levar a cabo atentados que afectaron a Occidente (Torres xemelgas en 2001, Madrid en 2004 ou París en 2015), se ben a súa actividade se centra en países musulmáns e a maioría das vítimas que causan son tamén musulmás.