UD 10: O MUNDO ACTUAL E A GLOBALIZACIÓN
4. O cambio climático

Un dos trazos máis relevantes do mundo actual e da globalización é a existencia dunha ameaza crecente para a supervivencia do ser humano no planeta: o cambio climático. Derivado dun modelo económico baseado en actividades altamente contaminantes, como a queima de combustibles fósiles e a conseguinte emisión de gases contaminantes como o dióxido de carbono (ver mapa), o cambio climático é unha realidade que foi negada durante anos. Hoxe en día, sen embargo, existe o consenso de que o cambio climático é o gran reto da humanidade a curto prazo polos seus graves efectos: quecemento global, aumento das catástrofes naturais, esgotamento dos acuíferos, esgotamento das terras agrícolas, perda de biodiversidade, xurdimento de novas enfermidades, etc.
O cambio climático foi obxecto de atención internacional desde finais do século XX. A primeira conferencia climática da ONU tivo lugar en Berlín en 1995, e en 1997 asinouse o Protocolo de Kioto para a redución dos gases causantes do efecto invernadoiro, mais o seu alcance foi limitado. Xa no século XXI continuose a política de atención internacional ao cambio climático coa Conferencia de Copenhague (2009) e o Acordo de París (2015, na imaxe). Se ben se tomou conciencia da gravidade do cambio climático (e os postulados negacionistas do mesmo son minoría), as iniciativas internacionais adoitan ser criticadas por insuficientes e pouco ambiciosas.


- Busca cal é o obxectivo do Acordo de París e as estratexias empregadas para logralo. Non esquezas anotar as fontes consultadas.