6. Arte: Banksy

Pomba Banksy

Imaxe CC BY-NC Amos Trust (flickr)

O grafiteiro Banksy é todo un símbolo da época actual e do mundo globalizado. Ninguén coñece a súa identidade, aínda que se especula coa idea de que pode ser orixinario de Bristol (Reino Unido) e nacido en torno a 1974. As súas primeiras obras apareceron en Bristol a finais dos anos 80, pero foi en Londres onde empezou a facerse famoso, chegando a ser hoxe en día tal vez o máximo expoñente mundial do Street Art ou, polo menos, o máis coñecido. A esa fama contribúe o tema da súa obra (que inclúe case sempre unha aceda crítica social, moral e política), e, indubidablemente, o halo de misterio que rodea a súa identidade. 

Sobre Banksy hai un breve e interesante artigo de Miguel Calvo Santos na web historia-arte, que transcribimos aquí:  

«O anonimato pode ser moi bo para a arte. Non hai nada como a celebridade para que un artista se converta en alguén que non é. Banksy é un deses exemplos de anonimato para preservar o subversivo, o combativo, incluso o ilegal da arte. Pintar na rúa en principio vai contra a lei, así como colocar a túa obra clandestinamente en museos como o MoMA ou a Tate.

Non se sabe con certeza quen é. Pode ser un artista ou un colectivo. Os rumores e lendas urbanas sobre a súa identidade son utilizadas polo propio artista. Pénsase que é británico porque o groso da súa primeira obra se atopa nas rúas de Londres, pero hai traballos de Banksy por todo o mundo, desde o muro de Cisxordania a Chiapas, México.

Influenciado por Blek Le Rat [un coñecido grafiteiro francés], diversas correntes situacionistas e a cultura pop en xeral, o seu traballo é sempre unha crítica política, social e cultural a Occidente. Ben sexa con spray, estarcidos con plantillas ou esculturas e instalacións, Banksy sempre se mostra irónico no seu traballo, aínda que peque de certa vaguidade conceptual e pouca profundidade política. Ademais, son moitos os que critican certas contradicións, como venderse ao mesmo mercado que critica (Banksy cotízase a prezos millonarios) e deixar as rúas polas casas de poxas, convertendo o Street Art noutro produto máis do capitalismo.

É coñecido xa por todos que na historia da arte os poderes fácticos acabaron sempre absorbendo o subversivo para empaquetalo e vendelo, porque así, ademais de neutralizalo, conséguense beneficios. Aí están os exemplos do Che Guevara ou os Sex Pistols... e tamén o de Banksy.»