2. O franquismo

2.2. Etapas da ditadura franquista

Podemos dividir o franquismo en dúas grandes fases relacionadas fundamentalmente coa política económica.

1.- Autarquía (1939-1959)

Himmler e Franco (Madrid, 1940)


Rematada a Guerra Civil, a devastación das estruturas económicas produtivas era tal que foron anos de fame, miseria e racionamento. Xurdirá así un importante mercado negro, o estraperlo, que afianzará a corrupción estrutural do réxime.

Para superar a grave crise da posguerra, o réxime deseñou unha política económica autárquica. Inspirándose no fascismo italiano, o seu obxectivo era converter España nun país que non dependense das importacións e que lograse o autoabastecemento económico.  O Estado controlou todos os mecanismos económicos e tentou promover a industria con iniciativas como a creación do Instituto Nacional de Industria (INI) en 1941 para organizar as empresas estatais.

A autarquía fracasa. España será durante vinte anos un país en crise permanente. Haberá cartillas de racionamento vixentes ata 1952 e non se recuperarán os índices económicos  de 1935 (renda nacional e renda per cápita) ata mediados da década de 1950.

Inauguración dun fogar infantilEsta etapa inicial do franquismo está tamén caracterizada pola relación da ditadura coas potencias fascistas europeas. Malia a neutralidade oficial na Segunda Guerra Mundial, a España franquista apoia o Eixo tanto desde o punto de vista económico coas exportacións de wolframio como militarmente, co envío de tropas voluntarias á fronte oriental (a División Azul). Nos compases iniciais do franquismo, a súa estreita relación co nazismo e o fascismo italiano farán que a Falanxe teña unha gran presencia na composición dos gobernos e nas organizacións de control da sociedade, como a Sección Femenina ou a Fronte de Xuventudes. Nas imaxes da esquerda vemos un encontro entre Himmler e Franco (Madrid, 1940) e a inauguración, en 1941, dun fogar infantil controlado pola Falanxe.

O final da guerra supón un inicial illamento internacional da ditadura franquista, mais no contexto da Guerra Fría o anticomunismo de Franco fará que España se integre progresivamente no bloque capitalista liderado polos EUA. España entra na ONU en 1955 e a visita do presidente Eisenhower en 1959  (na imaxe inferior) ratifica a aceptación total do réxime franquista no bloque occidental.


Franco e o presidente dos EUA Eisenhower

2.- Desenvolvemento económico e inmobilismo político (1959-1975)

Fracasada a autarquía e no contexto do achegamento ao bloque capitalista, os anos 50 serán o momento no que cambiará a política económica do réxime. Fálase de "desarrollismo" para cualificar a etapa iniciada tralo abandono da autarquía e que supuxo un gran dinamismo económico na España dos anos 60.

No ano 1959 ponse en marcha o Plan de Estabilización, que supuxo o abandono definitivo da autarquía. Este plan foi elaborado polos novos membros do goberno, os chamados tecnócratas, que viñeron substituír nos altos cargos a algunhas das persoas máis relacionadas coa Falanxe. Tratábase de homes afíns ao Opus Dei e mellor formados desde o punto de vista económico cós seus predecesores. A Falanxe seguiu controlando as institucións de carácter social do réxime, pero perdeu poder político no proceso de achegamento do réxime ao bloque capitalista, no que tiña que ocultar os seus trazos máis fascistas.

Seat 600O desenvolvemento económico desta etapa traduciuse no crecemento do sector industrial. É o momento no que ten lugar o éxodo rural e o crecemento caótico das áreas urbanas. Existe unha mellora xeral nas condicións de vida do país, que se traduce na implantación dunha sociedade de consumo (na imaxe, o SEAT 600, símbolo da época do desarrollismo). Este desenvolvemento económico apóiase, ademais de no desenvolvemento industrial, noutros dous factores, como son o turismo ou a emigración, un fenómeno que afecta nesta época a centos de miles de españolas e españois, que se dirixen principalmente a países de Europa como Gran Bretaña, Francia, Suíza ou Alemaña.

Pola contra, o desenvolvemento económico non se ve acompañado dun cambio político. A ditadura mantén os seus trazos fundamentais como a concentración de poder nas mans de Franco e a represión de toda disidencia. Porén, a oposición cara ao réxime, malia a represión, é significativa no mundo obreiro, universitario e nacionalista periférico. No ano 1962 comeza o terrorismo do grupo armado Euskadi ta Askatasuna (ETA), que suporá un dos factores de inestabilidade tanto para os últimos compases do franquismo como para a democracia.

Nos anos 70 terá lugar a fase final da ditadura. O inmobilismo político xa non está acompañado de desenvolvemento económico debido aos efectos da crise económica de 1973. Nestes últimos anos a represión do movemento obreiro e estudantil intensifícase. En Ferrol, en marzo de 1972, a policía dispara contra unha manifestación do persoal dos estaleiros, matando a dous traballadores. En 1974 aplícase a pena de morte ao anarquista Salvador Puig Antich. En 1975 son executados cinco membros de ETA e do FRAP. Un Franco ancián e nos últimos compases da súa vida segue aplicando unha represión que supón unha condena internacional.

A oposición ao franquismo non esmorece pola represión, ao contrario, intensifícase e amplíase. No propio exército un grupo de oficiais creará a UMD (Unión Militar Democrática); sectores da Igrexa católica manifestan a súa oposicón ao réxime, mesmo representantes da alta xerarquía eclesiástica como o cardeal Tarancón; e políticos do réxime comezarán a amosar tendencias aperturistas, contrastando cos partidarios do inmobilismo, denominados o búnker.


NOTA ARGUMENTA

  • Ao longo da ditadura, cales son os elementos nos que se aprecia un cambio e cales son os elementos que permanecen inalterados?