UD 8. A GUERRA FRÍA. A DESCOLONIZACIÓN. CAPITALISMO E COMUNISMO
3. Descolonización e "Terceiro Mundo"
3.2. "Terceiro Mundo" e Non Aliñados
A mediados dos anos 50, cos EUA e a URSS como superpotencias mundiais inmersas de cheo nunha guerra fría para a que ambos países precisaban aliados, xorde un movemento de países que intentou plantarlles cara defendendo o seu dereito a manter a independencia ideolóxica e a non ser peóns na partida de axedrez disputada polos dous bloques. Así, en 1955, tivo lugar a Conferencia de Bandung (Indonesia), na que participaron 29 xefes de Estado das antigas colonias africanas e asiáticas. Desa conferencia xurdiu o Movemento dos Países Non Aliñados, que procede do desexo dos novos Estados de non integrarse nin no bloque comunista nin no capitalista. Os principais líderes da Conferencia de Bandung foron Jawaharlal Nehru (India), Gamal Abdel Nasser (Exipto) e Sukarno (Indonesia).
A partir dese momento estendeuse o concepto "Terceiro Mundo", como forma alternativa de entender a xestión política e económica allea aos outros dous mundos enfrontados, o capitalismo e o comunismo. O termo fora empregado por primeira vez polo economista francés Alfred Sauvy quen, nun artigo publicado en 1952, realizou unha comparación co concepto "Terceiro Estado" (empregado durante a Revolución Francesa), para referirse aos países que representaban esa forma alternativa de xestión e que querían "ser algo".
O Movemento dos Non Aliñados tomou forma definitiva uns anos máis tarde, na Conferencia de Belgrado de 1961.Nela reuníronse practicamente os mesmo países que en Indonesia, pero cunha intención clara de dar un paso máis na colaboración entre os países que acadaran recentemente a independencia. 
Os principais acordos tomados nas Conferencias de Bandung e de Belgrado xiran en torno aos seguintes elementos:
- A eliminación do imperialismo e o neocolonialismo.
- A cooperación pacífica entre os pobos.
- O rexeitamento aos bloques militares existentes, avogando por un desarme xeral.
- O dereito de autodeterminación dos pobos colonizados.

- Busca información sobre que sucedeu co Movemento dos Non Aliñados tralo final da Guerra Fría. Non esquezas anotar as fontes de información consultadas.