4. Capitalismo e comunismo

Os dous bloques enfrontados durante a Guerra Fría defendían maneiras moi diferentes de entender como debe organizarse a sociedade. Adoitamos falar de bloque capitalista fronte ao bloque socialista ou comunista, e estes termos dannos unha idea de que o factor económico será fundamental para entender este enfrontamento.

O bloque capitalistaSalón do automóbil de Tokio 1954

O bloque capitalista, tamén denominado Occidente, tiña á súa fronte os Estados Unidos e caracterizábase por ter un sistema económico liberal e un sistema político baseado na democracia parlamentaria. Neste bloque atopamos os países da Europa Occidental, que mantiveron un gran crecemento económico malia perder os seus imperios coloniais trala guerra. Tamén se engloban no bloque capitalista países como Canadá, Australia ou Nova Zelandia. Un caso particular é o de Xapón, que protagonizou un enorme auxe económico na segunda metade de século que o levou a ser a segunda economía mundial da man de sectores como a automoción (na imaxe, o salón do automóbil de Tokio).

Na segunda metade do século XX en boa parte dos países do bloque capitalista terá lugar un intervencionismo económico do Estado para garantir unha serie de prestacións sociais consideradas básicas: educación, sanidade, pensións..., configurándose así o chamado Estado de benestar, que supón unha continuación das políticas keynesianas que se afastaban  dos principios básicos do capitalismo. Parellamente, desenvólvese unha sociedade de consumo baseada na promoción dunha clase media cunha posición social e económica estable que a afaste da ideoloxía comunista revolucionaria.


Proclamación da República Popular chinesa en 1949
O bloque comunista
O bloque comunista, liderado pola URSS, estendeuse pola Europa central e oriental. Alí establecéronse sistemas políticos de partido único, as denominadas "democracias populares" en Estados satélite da Unión Soviética.  A expansión do comunismo trasladarase a Asia, coa revolución chinesa de 1949 (na imaxe, proclamación da República Popular Chinesa por Mao Zedong), Corea do Norte ou Vietnam. En América, a revolución cubana de 1959 suporá a instalación dun sistema afín á URSS moi preto, xeograficamente, dos EUA.
O modelo comunista baseábase nunha intervención absoluta da economía por parte do Estado. O Estado encargábase de todas as actividades económicas e de todas as prestacións sociais á cidadanía, pero nun contexto de limitación das liberdades e persecución da disidencia. A falta de liberdades políticas e a crise económica rematarán por causar o colapso do modelo comunista a partir de 1989.
No caso de China, tralo final da Guerra Fría mantén unha estrutura política de partido único conxugada cunha política económica plenamente insertada no capitalismo que implica un crecente e continuo peso na economía mundial, vixente hoxe en día.

NOTA INVESTIGA

  • Elabora unha liña de tempo na que recollas os presidentes dos Estados Unidos e da Unión Soviética entre 1945 e 1991 anotando a duración dos seus mandatos e algún dato relevante relacionado coa Guerra Fría. Non esquezas anotar as fontes consultadas.