4. A Guerra Civil (1936-1939)

4.4. As consecuencias da guerra

"Ademais do millón ou dos millóns de mortos, a saúde do pobo viuse minada pola súa secuela de fame e enfermidades. Centos de miles están aínda no cárcere. Tanto física como moralmente, España é unha ruína." Gerald Brennan (O Labirinto español, 1943)

Bombardeo sobre Barcelona en marzo de 1938

Aínda hoxe non existe unanimidade para falar do número de persoas mortas a consecuencia da Guerra Civil. As cifras móvense entre os 500.000 e 1.000.000 de vítimas causadas polos combates, os bombardeos e a represión. A represión das persoas do bando contrario ou de ideoloxías diferentes Granollers bombardeadatomou a forma de execucións nos paseos ou nos xuízos sumarios. Se ben podemos atribuír actividades represivas aos dous bandos, estas acadarán unha grande dimensión no bando sublevado, ao practicarse durante a guerra pero tamén con posterioridade a 1939. Os encarceramentos e as execucións víronse acompañados da purga de desafectos ao réxime nos ámbitos da educación e da administración. O réxime franquista xurdido da guerra exerceu unha dura represión durante os seus case corenta anos de existencia, sen buscar en ningún momento a reconciliación do país.

Na actualidade, a Lei de Memoria Histórica de 2007 e a Lei de Memoria Democrática de 2020 buscan restaurar a dignidade das persoas represaliadas, levando a cabo iniciativas como a elaboración dun catálogo das fosas comúns que aínda permanecen en España e na que se calcula que existen máis de cen mil vítimas.

Outra das consecuencias da Guerra Civil foi o exilio de miles de persoas afíns á República que se dirixiron a países europeos coma Francia ou americanos coma México. Entre os exiliados incluíronse numerosos intelectuais e persoeiros das letras e a cultura, como Juan Ramón Jiménez, Rafael Alberti, María Teresa León, Margarita Xirgu ou Luís Buñuel, entre outros moitos. Podemos citar tamén, polo seu carácter simbólico,  ao poeta Antonio Machado, morto en Collioure en 1939 aos poucos días de cruzar a fronteira francesa a pé e de pasar polos campos de refuxiados organizados nas costas mediterráneas. A súa tumba permanece nesa pequena vila francesa, onde se lle segue rendendo homenaxe hoxe en día.

A nivel económico as infraestruturas do país quedaron esnaquizadas. O PIB de 1936 non se recuperou ata a década dos anos 50 e as condicións de vida para a poboación endurecéronse, ao impoñerse o racionamento. A nivel da política internacional, coa excepción das potencias fascistas, España é illada por boa parte dos países da Sociedade de Nacións.