U. D. 5: A ÉPOCA DE ENTREGUERRAS
3. Os anos 20: os contrastes da posguerra
3.2. Dependencia económica e relacións internacionais
A dependencia económica Europa-EUA: O Plan Dawes
Coa ocupación do Ruhr e a conseguinte crise, estaba claro que Alemaña non ía facer fronte ao pago das reparacións. Para solucionar ese problema, Estados Unidos puxo en marcha en 1924 o Plan Dawes. A idea consistía en que a banca americana daría créditos a Alemaña e realizaría inversións de capital americano en empresas alemás, coa finalidade de que Alemaña erguese a súa industria. Deste xeito, Alemaña podería pagar aos seus acredores (sobre todo Francia, Reino Unido, Italia e Bélxica) e eses países poderían devolver as débedas de guerra contraídas con Estados Unidos.
Con estas condicións, Francia e Bélxica aceptaron abandonar a ocupación do Ruhr en agosto de 1925. Isto abriu un período de prosperidade e concordia internacional que se mantivo ata 1929. Precisamente nese ano aprobouse o Plan Young, un segundo plan de pagos de reparacións a Alemaña que nunca se chegou a implementar debido aos efectos da Gran Depresión.

As relacións internacionais: a "concordia ilusoria"
Coa mellora dos indicadores económicos entre Alemaña e os seus antigos inimigos, as relacións internacionais a nivel político tamén melloraron. Algúns historiadores chamaron a este período a "concordia ilusoria", pois é un lapso corto de cinco anos nos que parecía que o futuro ía ser máis benévolo có pasado recente.
Para rematar de pechar os problemas territoriais xurdidos tralo Tratado de Versalles, as potencias reuníronse na localidade suíza de Locarno. Alí firmáronse unha serie de tratados negociados entre Bélxica, Checoslovaquia, Francia, Alemaña, Italia, Reino Unido e Polonia. Neles, estes países recoñecían as súas fronteiras e comprometíanse a respectalas. Ademais, acordouse que a rexión de Renania debía seguir sendo unha zona desmilitarizada.
Outro feito destacado é que en 1926 Alemaña foi admitida como membro de pleno dereito na Sociedade de Nacións. Dous anos máis tarde, en 1928, asinouse o Pacto Briand-Kellogg, un acordo entre quince Estados que se comprometían a non utilizar a guerra para solucionar as controversias internacionais.
Ese ambiente de "concordia ilusoria" nas relacións internacionais desapareceu a raíz da crise económica iniciada en 1929.
Sinatura do pacto Briand-Kellogg
- Busca información sobre o Plan Young e anota como funcionaría se chegara a poñerse en práctica e ata que ano estaría vixente o pago de reparacións de guerra por parte de Alemaña. Anota as fontes consultadas.