3. Os anos 20: os contrastes da posguerra

3.1. Alemaña nos anos 20. A fraxilidade de Weimar

Proclamación da República de WeimarProclamación da República de Weimar desde o Reichstag, sé do goberno alemán.

Despois dalgúns intentos revolucionarios de tipo bolxevique, instaurouse en Alemaña, en novembro de 1918, un réxime democrático coñecido como República de Weimar. O novo Estado tivo que facer fronte a unha grande inestabilidade social, política e económica, especialmente despois do Tratado de Versalles, cuxos termos os alemáns consideraron unha imposición, un Diktat.

  • Desde o punto de vista social, atopamos a unha poboación derrotada, humillada e en plena efervescencia revolucionaria.
  • Politicamente, a República de Weimar viuse atacada desde a esquerda (comunistas) e a dereita (ultranacionalistas).Traballador dun banco de Berlín en 1923
  • Desde o punto de vista económico, había que asimilar a todos os soldados que volvían da fronte e pagar as reparacións de guerra establecidas polo Tratado de Versalles.

O asunto das reparacións foi moi espiñoso, incluso entre os propios Aliados. Alemaña debía pagar 132.000 millóns de marcos (principalmente a Francia e Gran Bretaña); porén, a súa economía estaba na ruína.

En 1922 Alemaña solicitou un aprazamento do pago de reparacións, xa que a súa economía estaba ao bordo do colapso. Francia, pola súa parte, precisaba os ingresos procedentes de Alemaña para pagar a débeda que contraera con Estados Unidos durante a Primeira Guerra Mundial. Ante esta situación, Francia e Bélxica ameazaron con ocupar a rexión do Ruhr, a máis industrializada de Alemaña, e encargarse de controlar a súa produción industrial para cobrar as reparacións. A ocupación, aparentemente legal tal e como estaba previsto nas cláusulas das conferencias que fixaron as reparacións de guerra, comezou en marzo de 1923. A resposta alemá foi pedir aos traballadores do Ruhr que se puxesen en folga, de maneira que non se producise nada. A cambio, o goberno prometeu pagar os salarios mentres durase a ocupación estranxeira. Para pagar, o goberno de Weimar comezou a imprimir diñeiro, o que provocou unha hiperinflación: o diñeiro perdeu todo o seu valor. Por exemplo, unha barra de pan custaba en 1914 —antes da guerra —  0,15 marcos; en marzo de 1923 o prezo era de 150 marcos e, en novembro, o custo era de douscentos mil millóns de marcos.

Na fotografía da dereita vemos un traballador dun banco berlinés en 1923.

 


NOTA ARGUMENTA

  • Explica a relación entre a Gran Guerra e a inestabilidade da República de Weimar.