3. Os anos 20: os contrastes da posguerra

Tradicionalmente fálase de "tolos anos" para identificar aos anos 20, aludindo ao auxe económico. Porén, cómpre matizar esta afirmación, posto que soamente é válida para determinados sectores sociais e para o contexto dos EUA. En Europa, as consecuencias da Gran Guerra trazaron un panorama distinto, se ben na segunda metade da década haberá unha certa recuperación económica derivada da dependencia dos créditos dos EUA.

Unha Europa devastada

Durante o período de entreguerras, moitos países experimentaron graves desordes políticas, económicas e sociais.

A nivel político, o enfado e a desilusión dirixíanse contra os vellos sistemas políticos liberais que, para moitos, foran os causantes da Primeira Guerra Mundial. As revolucións rusas de 1917 demostraron que era posible a creación dun novo tipo de Estado dirixido polos traballadores. Moitos agardaban que a revolución se estendese aos seus países, como así sucedeu en Alemaña e Hungría, onde os intentos revolucionarios foron, porén, sufocados. Pola contra, as clases medias e altas de Europa temían que se repetisen os sucesos de Rusia.

As economías europeas estaban devastadas e desequilibradas despois de case cinco anos de combates. A iso hai que engadir a volta ao fogar dos millóns de soldados desmobilizados, que tiveron que facer fronte ao desemprego e aos baixos salarios. Outro dano colateral foi o retroceso da muller no mundo laboral: co regreso dos homes, elas xa non eran necesarias nos postos que ocuparan para substituílos mentres servían na fronte.

Moitas persoas insatisfeitas acabaron formando parte de organizacións de extrema esquerda e extrema dereita, porque estes grupos prometían transformar a sociedade. A maior parte destas asociacións formaron grupos paramilitares que se enfrontaban entre si en loitas nas rúas.

EUA, potencia hexemónica

Os anos 20 en EUA foron os da consolidación da súa hexemonía política, económica e cultural.Lei Seca

A nivel económico, tivo lugar un desenvolvemento da industria e do comercio baseado no fomento do consumo. A concesión de créditos e o sistema de venda a prazos permitiu que a clase traballadora accedese a vivenda, electrodomésticos, automóbiles, etc... e así mellorase o seu nivel de vida e configurase a denominada clase media. Neste contexto de optimismo e dinamismo económico vaise xerar unha economía especulativa, protagonizada por todas as clases sociais, baseada na compra de accións de empresas en Bolsa. A demanda de accións non deixou de medrar nos anos 20 e iso facía que os beneficios estivesen disparados, pero fóra da realidade económica. Estábase xerando unha burbulla especulativa que tería devastadoras consecuencias.

A nivel cultural, os anos 20 son a época na que os novos medios de comunicación de masas, cine e radio, experimentan un enorme auxe e difunden os elementos culturais dos EUA a nivel internacional. O mesmo lle sucede á música popular, con rompedores estilos como o jazz ou o swing. 

Non deixa de ser paradoxal que os anos 20 sexan nos Estados Unidos tamén os anos da Lei Volstead (a coñecida como "Lei seca"), vixente entre 1920 e 1933 e que prohibía a produción e consumo de alcol por consideralo inmoral e prexudicial para as familias e a economía. A prohibición xerou una importante actividade clandestina das mafias, como personifica a figura de Al Capone.