4. O auxe dos fascismos

O concepto fascismo é dos máis empregados na terminoloxía política e histórica. Estritamente, o fascismo nace en Italia ligado ao movemento político fundado por Benito Mussolini trala Gran Guerra. O uso do termo fascismo estendeuse rapidamente para referirse aos movementos totalitarios de estrema dereita que xurdiron no período de entreguerras en Europa, destacando fundamentalmente dous: o fascismo italiano e o nazismo alemán, que aproveitan o contexto de descontento social e político da posguerra e da crise económica do 29 para tomar o poder e conducir ao mundo a un novo conflito internacional.Nenos de Ballilla, grupo fascista italiano

Trazos xerais dos fascismos:

  • Totalitarismo: O fascismo pretende controlar todos os aspectos da vida dos seus habitantes. Para iso instaura unha serie de institucións e asociacións que se encargan de controlar e ideoloxizar aos cidadáns desde a súa infancia, como por exemplo as Xuventudes hitlerianas na Alemaña nazi ou a Opera Nazionale Balilla (na imaxe) en Italia. Ademais, os Estados fascistas son intervencionistas desde o punto de vista económico, se ben co apoio e colaboración da burguesía.

  • Exaltación do líder carismático: O fascismo identifica o Estado co líder que exerce o poder sen ningún tipo de restrición, ao ser considerado o "salvador da patria" ou o "pai da nación." A súa figura é obxecto dun culto case relixioso e fomentado por unha propaganda omnipresente. Para subliñar o seu carácter carismático e a súa superioridade, empréganse títulos como Duce (na Italia fascista) ou Führer (na Alemaña nazi). A partir do líder, organízase o Partido único (Partido Nacional Fascista en Italia ou Partido Nacional Socialista en Alemaña), que conta con forzas paramilitares que se encargan de exercer a represión violenta dos rivais políticos (SS alemás).

  • Visión maniquea do mundo e da historia: O fascismo basea a súa visión do mundo e da historia na existencia de bos absolutos e malos irremediables. Dentro dos bos, destaca a nación ou a raza como fundamente do Partido único e excluínte. Neste sentido destacará o nazismo pola súa exaltación da raza aria e antisemitismo. Os malos irremediables son as minorías, coma os xudeus, ou os "contaminados" por ideoloxías coma o marxismo. Os fascismos son radicalmente antimarxistas, ao negar a loita de clases por considerar que divide á raza/nación.

  • Pragmatismo político: O fascismo mestura elementos políticos en principio enfrontados, coma a defensa da propiedade privada e o anticapitalismo. A razón desa mestura é máis estratéxica ca ideolóxica, posto que pretenden atraer á súa causa tanto á burguesía como ao proletariado. Acadado o poder, os sectores do fascismo máis próximos teoricamente ao proletariado son desprazados ou eliminados.

  • Militarismo e imperialismo: O fascismo considera ao soldado o ideal do home, e a guerra e a violencia son xustificadas como mecanismo de supervivencia e expansión da raza/nación. Esta ten dereito á conquista de territorios para garantir o seu futuro (como exemplifica a teoría do "espazo vital" ou Lebensraum do nazismo alemán, que rematará por desencadear a Segunda Guerra Mundial).