U. D. 5: A ÉPOCA DE ENTREGUERRAS
3. Os anos 20: os contrastes da posguerra
3.4. A Gran Depresión e a crise dos anos 30
O dinamismo económico da década de 1920 semellaba sólido e eterno. O ambiente de confianza xeneralizada fixo caso omiso das sinais de debilidade estrutural do crecemento e en 1929 a economía mundial saltou polos aires a partir do crac do 29.
A situación económica internacional tiña unha serie de desaxustes e contradicións que levaban implícita unha crise que resultou ser devastadora e que podemos ver neste cadro:

O detonante da crise atópase no mercado de valores de Wall Street. O temor dos inversores fixo que o 25 de outubro de 1929 trece millóns de accións saísen á venda. Este exceso de oferta tivo como consecuencia un afundimento dos prezos das accións. A situación empeorou o martes 29 de outubro, denominado martes negro: o mercado colapsou completamente, as accións non valían nada.

Esta crise, inicialmente bursátil, espallouse rapidamente por todo o sistema económico:
- Os inversores con accións que non tiñan valor acudiron masivamente aos bancos para retirar os seus aforros. Isto supuxo a creba dos bancos e a ruína de miles de cidadáns.
- Tanto o sistema crediticio como o consumo caen totalmente, co que as industrias entran en crise, non poden vender os seus produtos e rematan por pechar e provocar un incremento do paro que acentúa aínda máis a escaseza da demanda de produtos.
- As economías europeas, moi dependentes dos créditos estadounidenses a Alemaña que servían para o pagamento a Gran Bretaña e Francia das reparacións de guerra, víronse arrastradas a crise.
- Os países reaccionaron inicialmente con políticas proteccionistas que limitaron o comercio internacional e políticas deflacionistas de redución de gasto público e crédito, como a levada a cabo polo presidente Hoover en EUA, que non fixeron máis que agravar os efectos da crise.
- A miseria e a marxinación social medraron enormemente tanto nos EUA como en Europa.
As respostas á crise: keynesianismo e New Deal
Os
países afectados pola Gran Depresión víronse na obriga de adoptar políticas económicas de intervención estatal que ían contra os principios clásicos do capitalismo de mercado libre e mínima expresión económica do Estado. Xorden así
os sistemas económicos mixtos, que combinan capitalismo con intervención estatal e que están representados polo economista J.M. Keynes (na imaxe).
As políticas keynesianas son levadas á práctica polo presidente estadounidense F. D. Roosevelt a partires de 1933. Este conxunto de medidas coñécense coma New Deal. O obxectivo do New Deal era reactivar a demanda para fomentar o emprego, para o que se levaron a cabo unha serie de iniciativas:
Axudas directas a agricultores endebedados para saldar as débedas.
Limitación da produción agrícola e industrial para conseguir un aumento do prezo dos produtos.
Activa política estatal de construción de obras públicas (estradas, presas, etc.)para incrementar o emprego.
Intervención parcial da Banca e do mercado de valores de Wall Street para garantir a estabilidade financeira e limitar a especulación .
Desenvolvemento dunha política de prestacións sociais: salario mínimo, prestación por desemprego, invalidez ou xubilación.

- Observa a seguinte gráfica e explica, a partir dela e coa axuda dos apuntes, en que consiste unha burbulla económica e por que a especulación prexudica a economía.
