U. D. 5: A ÉPOCA DE ENTREGUERRAS
2. A Revolución rusa de 1917
2.2. Revolucións de 1917 e guerra civil.
A inestabilidade económica, social e política rusa acentuose coa súa entrada na Gran Guerra. O exército ruso sufriu severas derrotas por parte das tropas alemás, agravando o malestar da poboación polas duras condicións económicas consecuencia da guerra. A situación non tardou en tornarse insostible e 1917 será o ano clave no que terán lugar dúas revolucións que acabaran co tsarismo.
A revolución de febreiro
O malestar pola guerra e as súas consecuencias motivou en febreiro unha serie de manifestacións de protesta, que comezaron reivindicando pan. Os soviets volven actuar, agrupando, ademais de a campesiños e obreiros, a soldados, e co predominio dos bolxeviques.
Soviet obreiro en Petrogrado (A.R. Williams)
Ante esta situación, á que se suma a falta de apoio do exército, o tsar abdica e non tarda en proclamarse unha República cun goberno provisional no que destacará a figura de Kerenski. Unha das peticións dos grupos revolucionarios, xunto coas socioeconómicas como o reparto de terras ou as melloras das condicións laborais dos traballadores, era rematar coa participación rusa na guerra mundial. O goberno provisional decide continuar na contenda e ten lugar unha situación de dobre poder na que a actitude do goberno provisional contrasta coas posicións dos soviets, progresivamente controlados polos bolxeviques liderados por Lenin. Este enuncia as denominadas Teses de abril, resumidas en "Paz, Terra e Pan" e que reivindican
todo o poder para os soviets. A revolución bolxevique era inminente.
A revolución de outubro
Á inestabilidade do goberno provisional de Kerenski e ao desgaste provocado por continuar na Gran Guerra súmase un intento de golpe de Estado no verán de 1917 para instalar unha ditadura militar. O fracaso do golpe soamente apraza a fin do feble goberno.
En outubro de 1917, dirixidos por Lenin e Trotski, os bolxeviques comezan en Petrogrado (San Petersburgo) a revolución, tomando o pazo de Inverno, sede do goberno. Acadado o poder, os bolxeviques monopolizarán as estruturas do Estado, deixando fóra a outras tendencias e establecendo un goberno que tomará as seguintes medidas:
- Sinatura con Alemaña da paz de Brest-Litovsk: Rusia retirábase da Gran Guerra e cedía unha importante cantidade de territorios a Alemaña (ver mapa da dereita).
- Expropiación e reparto das terras entre o campesiñado.
- Entrega da dirección das industrias aos comités obreiros.
- Cambio de nome do partido, xurdindo o Partido Comunista como o único legal.
- Creación da Cheka, policía política encargada de perseguir á disidencia.

A guerra civil (1918-1921)
A oposición aos bolxeviques, formada por tsaristas, liberais e menxeviques, agrupouse no denominado Exército Branco e, co apoio de Gran Bretaña, Francia e mesmo Xapón, enfrontaríase ao Exército Vermello, organizado por Trotski, nunha cruenta guerra civil ata ser derrotado. No mapa podes ver a extensión da guerra na parte europea de Rusia.
O sistema político e económico organizado pola Rusia soviética durante a guerra civil coñécese como comunismo de guerra. O obxectivo desta política era manter as subministracións ás aéreas urbanas, e especialmente ao Exército Vermello, para evitar revoltas.
Os principais trazos deste sistema foron:
- Control absoluto da economía e da política por parte do Estado.
- Nacionalización de empresas, férrea disciplina laboral e prohibición de folgas.
- Confiscación e racionamento de alimentos. Abolición da propiedade privada.
- Creación das primeiras granxas colectivas.

- Explica a relación entre a Gran Guerra e as revolucións rusas de 1917

- Elabora un pequeno informe sobre a guerra civil rusa no que inclúas cronoloxía, apoios aos bandos, fases e balance final. Anota as fontes empregadas.