U. D. 5: A ÉPOCA DE ENTREGUERRAS
2. A Revolución rusa de 1917
2.1. Causas e antecedentes da Revolución bolxevique
O declive do tsarismo

A revolución de 1905
Todas as contradicións do sistema tsarista chegaron a un punto de tensión máxima a raíz da guerra ruso-xaponesa (1904-1905). Motivada polo dominio colonial do Extremo Oriente do continente asiático, Rusia sufriu unha contundente derrota que a obrigou a abandonar os seus intereses en Manchuria e Corea e a perder territorios (parte da illa de Sakhalin). Ademais, acentuou as malas condicións económicas e o descontento da poboación rusa.
- Investiga en que se diferenciaban os bolxeviques e os menxeviques. Anota as fontes consultadas.

Le o documento seguinte, unha carta do escritor Lev Tolstoi ao tsar escrita en 1902, e...
a.- identifica os elementos dos apuntamentos que aparecen no texto.
b.- caracteriza o contexto histórico ruso inmediatamente posterior á carta.
Querido irmán:Este cualificativo paréceme o máis conveniente porque, nesta carta, diríxome menos ao emperador e ao home, que ao irmán. E ademais, escríbovos case desde o outro mundo, atopándome á espera dunha morte moi próxima. [...]
Unha terceira parte de Rusia está sometida a unha continua vixilancia policial; o exército de policías coñecidos e secretos aumenta sen cesar; as prisións, os lugares de deportación e os calabozos están repletos. […] Hai un número considerable de condenados políticos entre os cales existen agora multitude de obreiros. A censura, coas súas medidas represivas, chegou ata un nivel tal que non acadara nos peores momentos dos anos que seguiron a 1840 […].
Nas cidades e nos centros industriais concentráronse as tropas que, armadas de fusís, foron enviadas contra o pobo. Nalgúns puntos xa se produciron enfrontamentos e matanzas, e noutros, prepáranse, e a súa crueldade será aínda maior.
O resultado de toda esta actividade cruel do goberno é que o pobo agricultor […] se empobrece de ano en ano, de xeito que a fame chegou a ser o estado normal, igual có descontento de todas as clases e a súa hostilidade cara ao goberno.
A autocracia é unha forma de goberno que morreu. Tal vez responda aínda ás necesidades dalgúns pobos do centro de África, afastados do resto do mundo, pero non responde ás necesidades do pobo ruso cada día máis culto, grazas á instrución que vai sendo cada vez máis xeral [...].
León Tolstoi: "Carta ao Tsar Nicolás II", 16 de xaneiro de 1902.