UNIDADE DIDÁCTICA 3: A REVOLUCIÓN INDUSTRIAL
5. As consecuencias da Revolución Industrial
5.1. O movemento obreiro
O cuarto estado, de Giuseppe Pellizza da Volpedo (1901)
A heteroxeneidade do proletariado non tardou en ser superada ao ter en común unhas condicións laborais de explotación que os cohesionou como clase social. Fronte á burguesía, propietaria de todos os medios de produción e posuidora da riqueza, alzábase toda unha masa de obreiros ou proletarios cunha situación, como xa vimos, radicalmente oposta: salarios moi baixos, duras xornadas de traballo (que podían durar ata 16 horas), ausencia de medidas de seguridade no traballo, carencia de sistemas de protección no caso de enfermidade ou retiro...
Ante esta realidade, o proletariado comezará a organizarse para reivindicar os seus dereitos laborais, sociais e políticos. Foi un proceso complexo que se desenvolveu ao longo do século XIX e no que podemos sinalar as seguintes etapas:
1.- Ludismo
Toma o seu nome dunha figura mítica, Ned Ludd, un obreiro inglés que atacaba as máquinas das fábricas ao consideralas responsables do deterioro das condicións laborais dos traballadores. O ludismo reaccionará contra a mecanización no primeiro terzo do século XIX, mecanización que era aproveitada para reducir salarios e postos de traballo nas fábricas. Estenderase desde Gran Bretaña a outras zonas industriais e será duramente reprimido polas autoridades.
2.- Sindicalismo
Desenvólvese en Gran Bretaña a partir da década de 1820 (Trade Unions) e de alí estenderase ao resto das áreas industrializadas. Nun primeiro momento son agrupacións obreiras do mesmo tipo de produción (tecedores, siderúrxicos, mineiros...) para posteriormente agrupar a todo o proletariado (sindicatos de clase). As súas reivindicacións son de carácter laboral (melloras salariais, redución de xornada, prohibición do traballo infantil, etc...) e o seu medio, a folga. Serán prohibidos e perseguidos.
3.- Cartismo
Nome que fai referencia ao primeiro movemento obreiro de reivindicacións políticas e non soamente laborais. Toma o seu nome da Carta do pobo e comeza en Gran Bretaña na década de 1830, caracterizándose por reivindicar a participación do proletariado na política mediante o sufraxio universal. Foi perseguido e reprimido polo Estado.
4.- Socialismo utópico
Denominación que agrupa a un conxunto variado de iniciativas filantrópicas que buscaban, sen cuestionar os principios das estruturas socioeconómicas capitalistas, a creación de espazos concretos nos que se recoñeceran e respectaran os dereitos obreiros. Dentro do socialismo utópico destacan Charles Fourier cos falansterios e Robert Owen coa súa fábrica téxtil de New Lanark (Escocia). Este último tivo certa influenza ao estender en determinados enclaves de EUA (como New Harmony) os experimentos de convivencia e cooperativismo, aínda que non perduraron no tempo.
5.- Marxismo
O marxismo, doutrina elaborada por Karl Marx (na fotografía da dereita) e Friedrich Engels a mediados do s.XIX, parte dunha análise do capitalismo na que destacan dous conceptos fundamentais: o materialismo histórico e a loita de clases. O materialismo histórico identifica como base (estrutura) das distintas épocas históricas os aspectos económicos e sociais derivados da propiedade, que son os que condicionan tanto os sistemas políticos como culturais (superestrutura). Nesta visión da historia, a economía e a sociedade caracterízanse pola existencia de grupos enfrontados, de xeito que a loita de clases supón o factor que implica o cambio na Historia (motor da Historia), ao ser o mecanismo que ten o grupo non dominante para cambiar a súa situación. Na sociedade capitalista, a loita de clases marxista establécese entre a burguesía (propietaria dos medios de produción) e o proletariado (obreiros oprimidos que venden a súa forza de traballo).
Ademais de analizar o capitalismo, o marxismo supón un programa de acción revolucionaria para partidos e sindicatos obreiros, xa que a loita de clases desembocaría na conquista do poder político por parte do proletariado para, mediante un Estado forte (ditadura do proletariado), abolir a propiedade privada e suprimir así as clases sociais, establecendo unha sociedade comunista. Isto suporía, segundo Marx, recuperar unha fase da historia da humanidade previa á existencia da propiedade privada que el denomina comunismo primitivo.
6.- Anarquismo
Asociado a figuras como Bakunin ou Kroprotin, o anarquismo é unha ideoloxía revolucionaria que pretende a abolición das diferenzas e explotación sociais en comunas igualitarias. A diferenza do marxismo, consideran que calquera institución política, mesmo un hipotético Estado obreiro, é unha forma de tiranía, co que defenden a revolución directa e espontánea das masas. O anarquismo oponse frontalmente á participación nas fórmulas políticas establecidas e, por iso, non se formarán partidos políticos anarquistas.
O anarquismo terá moita presenza no sindicalismo do século XIX e da primeira metade do século XX.

A partir de mediados do século XIX o movemento obreiro buscará a superación das fronteiras dos Estados mediante a organización da AIT ou I Internacional Obreira (1864), institución que buscaba a unión de todos os traballadores con independencia do seu país de orixe.
a. Explica o sentido desta frase: A heteroxeneidade do proletariado non tardou en ser superada ao ter en común unhas condicións laborais de explotación que os cohesionou como clase social.
b. Identifica as dúas ideoloxías máis importantes do movemento obreiro na segunda metade do s. XIX e explica, coas túas palabras, en que se parecen e en que se diferencian.
a. O cadro que aparece ao comezo do epígrafe é O cuarto estado, de Giuseppe da Volpedo. Busca información e anota a época á que pertence e que representa. Non esquezas anotar as túas fontes.
b. Investiga e anota que sucedeu coa I Internacional Obreira. Anota tamén as fontes que consultes.