6. A revolución industrial en España e Galicia

No século XIX a economía en España caracterizouse pola tensión entre as estruturas do Antigo Réxime, que beneficiaban a clero e nobreza, e os intentos renovadores no contexto da implantación do Estado liberal.

España foi durante toda a centuria un país eminentemente agrario e rural. Coa finalidade de desenvolver unha agricultura baseada nos principios liberais da propiedade privada e o mercado libre, os gobernos liberais levaron a cabo un proceso de desamortización, que consistiu na posta no mercado de propiedades que non se podían comprar e vender (propiedades amortizadas) e que estaban en mans, sobre todo, da Igrexa e dos concellos. Entre as figuras políticas que levaron a cabo a desamortización destacan os ministros Mendizábal e Madoz. A desamortización beneficiou fundamentalmente á burguesía, mentres que boa parte do campesiñado continuou a ser xornaleiro sometido a unhas condicións laborais moi duras.

No que atinxe ao proceso de industrialización, houbo un atraso en comparación con outras áreas europeas. As causas deste atraso económico son varias:

Siderurxia asturiana, 1920 (La Felguera)

  • Escasa calidade do carbón peninsular.
  • Explotación de ferro destinado á exportación, principalmente, cara ao Reino Unido.
  • Deficiente rede de transporte.
  • Feble mercado interior.
  • Escaseza de capitais propios.

Malia esta situación, houbo un proceso de industrialización que afectou ás seguintes zonas:

  • Cataluña, con predominio da industria téxtil.
  • Andalucía, Asturias e País Vasco, co protagonismo da industria siderúrxica. Destas tres zonas acabará destacando a área de Biscaia, focalizada na ría de Bilbao a partir da década de 1870. Na imaxe podes ver un exemplo da siderurxia asturiana arredor de 1920.

No que respecta aos transportes, o primeiro ferrocarril español data de 1848 (Barcelona-Mataró) e a construción de liñas ferroviarias viuse estimulada pola Lei de ferrocarrís de 1855. Ao desenvolvemento ferroviario contribuíron os investimentos, tanto público como de capital estranxeiro (especialmente francés), e os avances técnicos. Porén, este desenvolvemento foi moi desigual entre as diferentes rexións do país e, en liñas xerais, máis feble que no resto de Europa occidental.

extensión ferrocarril s. xix

Polo que se refire a Galicia, o eixo básico da actividade económica continuou a ser a agricultura. O campesiñado galego, establecido na terra grazas aos contratos de longa duración denominados foros, non se converteu en xornaleiro polo proceso de desamortización, posto que en Galicia a desamortización afectou ao cobro das rendas, pero non expulsou ao campesiñado da terra.

Fábrica Tabacos da CoruñaFábrica de Tabacos de A Coruña en 1935

Con respecto ás actividades industriais, destacará a industria conserveira na zona das Rías Baixas, moi vencellada a capitais doutras zonas de España. Tamén son relevantes os estaleiros na comarca de Ferrol ou as fábricas da zona da Coruña, destacaConservas Arredondo, comezos s. XXndo a Fábrica de Tabacos. Unha das eivas ao desenvolvemento industrial galego será a escasa presenza do ferrocarril que, como podemos apreciar no mapa, a finais do século XIX aínda non unía as dúas cidades con maior presenza de burguesía industrial e mercantil, Vigo e  A Coruña. De feito, a liña entre estas dúas cidades non será inaugurada ata 1941.

Finalmente, un dos trazos socioeconómicos máis relevantes da Galicia do século XIX é a emigración, dirixida fundamentalmente cara a América e que supuxo a perda de poboación nova, pero tamén, en contrapartida, iniciativas de progreso promovidas polos emigrantes, como o gran impulso á creación de escolas.