UNIDADE DIDÁCTICA 3: A REVOLUCIÓN INDUSTRIAL
2. Por que en Inglaterra? Causas da industrialización.
A Revolución Industrial comeza en Inglaterra no século XVIII. Para explicar as causas da localización espazo-temporal deste importante proceso histórico temos que sinalar un conxunto de causas de tipo económico, político e ideolóxico que actúan de xeito complementario.
CAMBIO NAS ESTRUTURAS ECONÓMICAS EN XERAL E AGRARIAS EN PARTICULAR:
Estamos diante dun dos factores máis relevantes que explican a Revolución Industrial inglesa. Durante a primeira metade do século XVIII estendéronse en Gran Bretaña unha serie de cambios nas técnicas de cultivo que fixeron aumentar tanto a produción como a produtividade agrarias:
- Suprimiuse o barbeito e mellorouse e superouse o sistema trienal (como exemplifica o denominado sistema Norfolk).
- Aumentouse a extensión de terreo cultivable mediante a roturación e a drenaxe de terreos.
- Incorporáronse e xeneralizáronse novos cultivos: millo, pataca, etc...
- As actividades comerciais adquiriron un notable crecemento, aproveitando as colonias británicas ao empregalas como subministradoras de materias primas e lugar de destino dos produtos industriais.
- As actividades artesanais, caracterizadas por un baixo desenvolvemento tecnolóxico e o uso prioritario de ferramentas en obradoiros de pequeno tamaño, van deixar paso á produción industrial masiva nas fábricas, espazos habilitados para acoller a unha gran masa de traballadores e máquinas.

CAMBIO NAS ESTRUTURAS POLÍTICAS:
Xunto coas innovacións propiamente agrarias, existiu un contexto político favorable á Revolución Industrial. A monarquía parlamentaria inglesa comezara no século XVII e respaldou os intereses da burguesía comercial establecendo un marco xurídico favorable aos cambios económicos:
- Obrigouse aos propietarios a pechar os seus terreos (mediante as Enclosure Acts), de xeito que os grandes propietarios agrarios saíron beneficiados e aumentaron as súas propiedades aproveitando a imposibilidade de pequenos propietarios de axeitar as súas explotacións á lei. Estas leis favoreceron o éxodo rural e a conversión de gran parte do campesiñado expulsado da terra en traballadores das fábricas nas cidades.
- Promulgáronse leis que protexían a navegación e o comercio (Navigation Acts), feito que permitiu a acumulación de capitais por parte da burguesía que se investirán nas actividades industriais.
- Estableceuse unha cobertura legal e xurídica para a protección da propiedade intelectual e as patentes das innovacións técnicas. A innovación técnica constante será un dos trazos definitorios da industrialización.
CAMBIO NAS ESTRUTURAS IDEOLÓXICAS:
Na segunda metade do século XVIII comezará unha nova etapa no pensamento económico da man de Adam Smith e da súa obra A riqueza das nacións, que defende os postulados do liberalismo económico ou capitalismo: propiedade privada e mercado de libre competencia, sen intervención do Estado, que se autorregula coa man invisible que logra harmonizar intereses individuais contrapostos.

- Investiga e anota en que consisten os seguintes elementos: sistema Norfolk, Enclosure Acts, man invisible da teoría de Adam Smith. Deixa constancia no teu traballo das fontes consultadas.