• Maxina ou a filla espuria, Marcial Valladares

    • Para a cidade vou


      — Pero yo oí decir más de una vez al maestro y a mi adoptiva madre, que en las ciudades se pierden muchas jóvenes, y yo de esas no quiero ser.

      — Decían bien, hija mía, y buenos son tus sentimientos: mas no temas, yo velaré por ti.

      — Vengan Vds. conmigo; pues, como en casa me dejen, por mí ya no hay inconveniente.

      E Maxina diante, co feixiño na cabeza e descalciña, o Marqués e Salvio aos lados e o arquilador detrás coas bestas, foron á casa do labrador Félix en que estaba aquela. Trataron con el o Marqués e Salvio, e vendo o home que o señorito de Rebordán se interesaba, baixou a súa garantía e descargando nel toda a responsabilidade, consentiu en desprenderse de Maxina e quedou en que o domingo primeiro iría con ela á casa do señorito para levala este logo a Santiago, vestila alí o Marqués, segundo lle parecese, e marchar con el a Madrid.

      Maxina, ao que os señores partiron, púxose a reflexionar o caso, e dándolle no pensamento mil voltas, acordábase de que indo a Madrid deixaba a Ermelio, seu irmán de leite; a Ermelio, de quen até a morte de Inés nunca se separara; Ermelio, que xa requebriños de inocente amor lle dirixía, e con amor, tamén inocente, escoitaba ela; Ermelio, en fin, que ao sabelo choraría e chamaríalle desleigada. [...]

       

      Montaxe De Ameijoeira a Monterredondo_Roteiros Galegos_CC-BY-NC-SA e Ollos da cidade_ Rafael Ojea Pérez_CC-BY-NC

      Salvio, que xa sabía a casa de Bieito, o outro labrador, en que recollido fora Ermelio, pasara alá tamén co Marqués, e decidido a facer co seu afillado o que o Marqués facía con Maxina, non atopando na casa a Ermelio, díxolle ao labrador que pasase con el a Rebordán o domingo mesmo para Maxina designado, mais sen indicarlle o obxecto nin descubrirlle a menor cousa respecto de Maxina.

      Ermelio, que soubo por esta de golpe canto relativamente a ela se tratara, chorou, tirou dos pelos, e ignorante aínda do que acerca del proxectaba seu padriño, rematou por dicirlle:

      Vaite, Maxina, vaite. Ti es moi lista, guapa coma ningunha da aldea, e ao lado dese señor, amigo de meu padriño, quen sabe onde chegarás! Se ti feliz, Maxina, aínda que nunca sen ti o sexa eu.

      E isto dicindo, caíanlle a fío as bágoas, choraban ambos e abrazábanse moitas veces, como irmanciños que eran de leite.

      Un día antes do domingo aferido saía Ermelio [...] pensativo e triste cavilando tamén no propio, e así que se viu fóra do lugar, cando coidaba el que só Maxina acaso o oiría, cantou o cantar dela favorito, e oíu Maxina que dicía:

      Adeus, luz dos meus ollos,

      Prenda querida;

      adeus, adeus, Maxina,

      sol que para min raia

      de noite e de día.”

      E as bagullas caíanlle entón na costura, tanto, que apenas podía dar puntada, nin sabía case o que facía. Pola tarde, colleu a fouciña e o queipo e a pretexto da herba saíu correndo para fóra: mais non era a herba o seu obxecto e si dicir adeus aos sitios por onde andara. Segou á présa un arraso, que coa fouciña cravou, de xa metido no queipo, e beira do Gundín sentada logo no campiño, chea de melancolía, tendeu ao redor os ollos e díxolle adeus ao regueiro que de espello lle servía e onde as perniñas lavara, á fontiña en que bebera e ás rosiquiñas dos lados. Despediuse alí dos montes onde as vaquiñas levara, e mentres elas pacían brincara con máis pastoras e os chichíos escoitara do pimpín. Despediuse alí dos soutos, en que magostos comera con Ermelio e outros rapaces. Despediuse dos carballos que sombra no verán lle fixeran, ou que da chuvia a resgardaran, e dando volta para a casa co queipiño na cabeza, vendo a en que se criara e no eixido as froiteiriñas ás que mil veces subira, díxolles tamén adeus.

      Maxina ou a filla espuria (fragmento adaptado), Marcial Valladares

      CONTIDOS QUE SE TRABALLARÁN A TRAVÉS DO TEXTO


      • As relacións familiares.
      • Vocabulario e uso do dicionario.
      • A sufixación apreciativa: o diminutivo.
      • O adxectivo explicativo ou epíteto.
      • O adxectivo determinativo.
      • O pronome persoal.
      • O pronome posesivo, demostrativo, numeral, indefinido e exclamativo e interrogativo.
      • Os hipérbatos.
      • O contacto entre linguas: bilingüísmo e diglosia.
      • Lingua nai no s.XIX
      • Lingua nai e medios de comunicación.
      • Os prexuízos lingüísticos.
      • A prosa do Rexurdimento: Marcial Valladares e a primeira novela galega moderna.
      • Biografía de Marcial Valladares Núñez.
      • Xénese de Maxina.
      • A novela folletinesca.
      • Lectura comparada de Maxina e "Adeus ríos, adeus fontes", poema de Rosalía de Castro.

    • Comprensión textual
    • Análise lingüística
    • Análise literaria
    • Proxecto transversal

      Apartado destinado a traballar os textos de forma transversal co obxectivo de realizar un proxecto final, un mural interactivo ou en papel, cuxo fío condutor vai ser "O papel da muller na literatura: personaxes e narradoras".

    • Autoavaliación