• Conto gallego, Rosalía de Castro

    • Camiñando ou en mula?


      Un día de inverno ao caer da tarde, dous amigos que eran amigos desde a escola, e que contaban dos anos o maldito número de tres veces dez, camiñaban a bon paso un sobre unha mula branca, gorda e de redondas ancas, e outro encima dos seus pés que non parecían asañarse das pasadas lixeiras que lles facía dar seu dono.

      O de a pé corría tanto coma o de a cabalo, que vendo a suor que lle corría ao seu compañeiro pola fronte e as puntas dos cabelos díxolle:

      −E ti, Lourenzo, por que non mercas un come-toxos que te leve e te traia por estes camiños de Deus?, que isto de andar leguas a pé por montes e areais é bo para os cans.

      −Come-toxos! Anda e que os monten aqueles para quen se fixeron, que non é Lourenzo. Cabalo grande, ande ou non ande, e xa que grande non o podo ter, sen el me quedo e sírvome dos meus pés que nin comen, nin beben, nin lles fan mester arreos.

      −Verdade é que o teu modo de camiñar é máis barato que ningún, negro de min!, que teño que pagar portádego só porque vou en besta, e non coma ti, nestes pés que Deus me deu. Pero... así como así, gusto de andar as xornadas en pernas alleas para que as dun non cansen, e xa o dixen: debías mercar un farroupeiro para o teu descanso.

      Mais ti fas coma o outro: hoxe o gaño, hoxe o como, que mañá Deus dirá. Nin tes arreo nin cousa que o valla; gústanche os berberechos e mais as berberecheiras, o viño do Ribeiro e as ostras do Carril. Lourenzo!, debías casar, que ao fin o tempo vai andando, os anos corren e un pobre dun home faise vello e cóbrese de pelos brancos antes de que poida ter manta na cama e aforrar para unha ocasión. E isto, Lourenzo, non se fai sen muller que teña man da casa e garde o diñeiro que un gana.

      −Boi solto ben se lambe. [...]

       
      Mula
      Mula_3209122_Michi-Nordlicht. Dominio público

      Así falando Xan a Lourenzo, ían chegando a preto dun lugar, e como xa de lonxe empezasen a sentir berros e choros, despois a un alto, por saber o que aló pasaba, viron que era un enterro e a un rapaz que viña polo camiño preguntáronlle polo morto, e respondeulles que era un home dunha muller que aínda moza quedaba viúva e sen fillos que nunca tivera, e que o morto non era nativo daquela aldea, pero que tiña noutra herdeiros.

      Foise o rapaz e Lourenzo chegándose a Xan díxolle entón:

      −E ti queres, Xan, que che faga ver o que son as mulleres, que agora a ocasión é boa?

      −E pois como?

      −Facendo que esta viúva que non sei quen é, nin vin na miña vida, me dea nesta mesma noite palabra de casamento para de aquí a un mes.

      −E ti estás cordo, Lourenzo?

      −Máis ca ti, Xan. Queres ou non queres?

      −E pois ben tolo. Vamos apostar e se gañas, perdo a miña mula branca que herdei de meu pai logo fará un ano, e que estimo por isto, e por ser boa, coma as meniñas dos meus ollos. Curareime entón do mal de casorio, pero se ti perdes, tes que mercar un farroupeiro e non volver falar mal das mulleres, miñas xoias, que aínda as quero máis que a miña muliña branca.

      −Apostado. Baixa, pois, da mula e fai desde agora todo o que che eu diga sen chistar, e até mañá pola fresca, nin ti es Xan, nin eu Lourenzo, senón que ti es o meu criado e eu son o teu amo. Agora ven tras min tendo conta da mula, que eu irei diante, e di a todo amén.

      Meu dito meu feito. [...]

      "Conto gallego" (fragmento adaptado), Rosalía de Castro

      CONTIDOS QUE SE TRABALLARÁN A TRAVÉS DO TEXTO


      • Fraseoloxía: expresións e frases feitas.
      • A descrición de persoas.
      • O tema nun texto narrativo.
      • Vocabulario e uso do dicionario.
      • Creación literaria: os finais.
      • Relacións semánticas: sinonimia, antonimia e hiperonimia-hiponimia.
      • As repeticións léxicas.
      • Identificación e localización de perífrases verbais.
      • Identificación e localización de tempos verbais.
      • As formas non persoais.
      • Sintaxe: a coordinación.
      • Sintaxe: os complementos oracionais.
      • A prosa do Rexurdimento: Rosalía de Castro.
      • A voz narradora.
      • O estilo directo e o estilo indirecto.
      • Figuras retóricas.
    • Comprensión textual
    • Análise lingüística
    • Análise literaria
    • Proxecto transversal

      Apartado destinado a traballar os textos de forma transversal co obxectivo de realizar un proxecto final, un mural interactivo ou en papel, cuxo fío condutor vai ser "O papel da muller na literatura: personaxes e narradoras".

    • Autoavaliación