• "A velliña vella", Vicente Risco

    • Petando ás portas


      O escudeiro Pai Soares, que non fora na súa vida ao Santo André de Teixido, ergueuse na súa cova e tomou camiño para o Norte.

      Camiñando, camiñando, surtiulle unha velliña vella, branca coma o luar, de loito vestida. Pai Soares fincou os xeonllos no chan e beixoulle os pés.

      Pra onde vas, Pai Soares?

      Lonxe, cara ao Norte, ao Santo André de Teixido.

      Non entrarás no ceo se aló non vas...

      Ides soíña e tristeira...

      Coroa podía eu levar na miña testa!

      Se tiverades fillos que a recadasen!

      Logo é certo que o mundo principia unha nova vida?

      Andan a crebar as vellas madeiras.

      Tamén eu vou chamar os meus fillos...

      Santuario de Santo André de Teixido_Flickr_CC-BY

       

      E a velliña colleu pra a vila e chamou á porta dun seu fillo que era avogado.

      Veño a que defendas o meu dereito.

      Cal é, logo, o voso dereito?

      Houbo un tempo no que toda esta terra era miña, e os meus fillos tamén eran meus. Mais viñeron os meus veciños e fixéronse donos dos meus eidos, e máis asañáronse na miña honra. E trocaron de tal xeito os meus fillos, que case non os coñezo, nin eles me coñecen a min. Tanto se imitan aos estraños... E como ti es avogado, quero que defendas o meu dereito, pra que me fagan xustiza, e me volvan os meus fillos, e me volvan o meu casal.

      Respondeu o avogado:

      Señora, eu non podo defender o voso dereito [...]. Eu non defendo máis que os dereitos que estean amparados pola lei.

      E a velliña vella marchou coa ialma amargurada pola ruada da orballeira frienta, e foi onda un seu fillo que era escritor.

      Onda ti veño pra que me defendas. Ti escribes nos papeis e os homes escóitante. Fixéronme inxustiza e tiráronme o que era meu. O meu fillo avogado non me quere defender, porque o meu dereito non está nos códigos. Mais ti has falar por min, pra que a xente faga leis que me amparen.

      Respondeu o escritor:

      Señora, a xente dáme tino porque lle falo do que ela quere. Quen ten que ver co voso dereito? Eu non vos podo defender, senón perderei o creto.

      E a velliña vella marchou coa ialma amargurada pola rúa chuviñenta, petar a outra porta. E foi ver a un seu fillo que viñera das Américas con moito diñeiro.

      Aquí veño, onda ti, porque os que me podían defender, desbótanme; non queren pedir pra min xustiza, nin vingar as aldraxes que me fan. É que me ven probe. Mais ti darasme cartos e erguerei todos os meus fillos atrás de min.

      Respondeu o americano:

      Señora, eu teño que atender cos meus cartos as obras que traio entre mans [...]. Se eu vos dera tino, quen me ía chamar gran filántropo?

      E a velliña vella fuxiu da vila e principiou a andar por unha corredoira enlamada. Ao pé do camiño atopou un dos seus fillos, que era labrego, traballando nun eido.

      A velliña vella faloulle:

      Eu tiña terras, e xa non as teño; tiña fillos e os fillos déixanme. Andei a pedir xustiza, pecháronme todas as portas...

      O labrego escoitaba moi atento, botado pra diante, apoiado coas dúas mans no legón.

      [...] Agora veño onda ti, que me has defender contra todos. Se ti queres, recobrarei as miñas terras, os meus fillos volverán onda min, e tornarei ser o que fun.

      O labrego respondeu:

      Señora, o que a vostede lle pasa, levar, lévame pena... Afellas que ma leva!... Mais neste mundo, cada un goberna a súa vida e procura do seu... Velaí está: se viñera un goberno que quitara os foros, que quitara os caciques, que quitara os trabucos...

      E revolveuse e seguiu sachando no eido.

      A velliña vella, magoada e tristeira foi andando, andando...

      O escudeiro Pai Soares tornaba da súa romaxe, en procura da súa campa na igrexa da aldeia. No medio da gándara esquiva, atopou a velliña vella, a carón dunha pedra das que chaman pedra dos xentís.

      Estaba petando nela cun croio, para espertar os que dormen debaixo o sono eterno...

      A velliña vella (texto adaptado), Vicente Risco

      CONTIDOS QUE SE TRABALLARÁN A TRAVÉS DO TEXTO


      • O artigo determinado e indeterminado.
      • Uso de “santo” e “san”.
      • Os substantivos rematados en -axe.
      • As preposición.
      • Metaplasmos: prótese, epéntese, anáptixe, paragoxe, aférese, síncopa, apócope e metátese.
      • As oracións subordinadas adxectivas e substantivas.
      • Ortografía: uso de “b” e “v”.
      • Biografía de Vicente Risco.
      • A Xeración Nós.
      • A revista Nós.
      • Relatos curtos de Vicente Risco.
      • Interpretación e comentario do relato A velliña vella
    • Comprensión textual
    • Análise lingüística
    • Análise literaria
    • Proxecto transversal

      Apartado destinado a traballar os textos de forma transversal co obxectivo de realizar un proxecto final, un mural interactivo ou en papel, cuxo fío condutor vai ser "O papel da muller na literatura: personaxes e narradoras".

    • Autoavaliación