Estamos moi orgullosas e orgullosos de anunciar que o noso proxecto de horto, “Sembrar educación, colleitar futuro”, foi o gañador do concurso para a celebración do Día Internacional da Educación nas Prisións organizado pola Asociación Portuguesa de Educación nas prisións (APEnP).
Este proxecto nace coa idea de que a educación tamén pode botar raíces na terra. A través do traballo no horto os nosos alumnos e alumnas adquiren coñecementos prácticos sobre agricultura sostible, respecto polo medio ambiente e hábitos de vida saudables, ao tempo que desenvolven valores fundamentais como a responsabilidade, a cooperación e o esforzo compartido.
“Sembrar educación, colleitar futuro” é moito máis ca un horto: é un espazo de aprendizaxe, reflexión e esperanza, onde cada semente plantada representa unha oportunidade de crecemento persoal e de construción dun futuro mellor. Celebrar este día con iniciativas como esta permítenos reivindicar a educación como unha ferramenta clave para a inclusión, a dignidade e a transformación social.
Seguiremos a traballar con ilusión para que este horto continúe dando froitos, dentro e fóra da terra.
Deixámosvos aquí a presentación do noso proxecto e o acceso ao noso mural colaborativo.
