Curso semipresencial de inglés. Nivel C1.1

Guía do curso para o alumnado

Índice

1. Definición do nivel

2. Obxectivos

3. Contidos e temporalización

4. Modalidade semipresencial

5. Requisitos técnicos

6. Estrutura do curso

7. Tipos de actividades e tarefas

8. Metodoloxía

9. Avaliación

10. Normas de netiqueta

11. Bibliografía e material complementario

--------------------oOo--------------------

1. Definición do nivel

As ensinanzas de idiomas de réxime especial do nivel avanzado correspóndense co nivel C do Marco común europeo de referencia para as linguas, do Consello de Europa, que se subdivide nos niveis C1 e C2. Pola súa vez, o nivel C1 de inglés impártese ao longo de dous cursos académicos, co primeiro dos cales -o C1.1- se corresponde este curso.

As ensinanzas de nivel avanzado C1 teñen por obxecto capacitar o alumnado para actuar con flexibilidade e precisión, sen esforzo aparente e superando facilmente as carencias lingüísticas mediante estratexias de compensación, en todo tipo de situacións nos ámbitos persoal e público, para realizar estudos a nivel terciario ou participar con seguridade en seminarios ou en proxectos de investigación complexos no ámbito académico, ou comunicarse eficazmente en actividades específicas no eido profesional.

Para isto, o alumnado deberá adquirir as competencias que lle permitan utilizar o idioma con gran facilidade, flexibilidade, eficacia e precisión para comprender, producir, coproducir e procesar unha ampla gama de textos orais e escritos extensos e estruturalmente complexos, precisos e detallados, sobre aspectos tanto abstractos como concretos de temas de carácter xeral ou especializado, incluso fóra do propio campo de especialización, en diversas variedades da lingua, e con estruturas variadas e complexas e un amplo repertorio léxico que inclúa expresións especializadas, idiomáticas e coloquiais e que permita apreciar e expresar sutís matices de significado.

2. Obxectivos

Ao finalizar o nivel, o alumnado será quen de:

Comprender, independentemente da canle e mesmo en malas condicións acústicas, a intención e o sentido xeral, as ideas principais, a información importante, os aspectos e detalles relevantes e as opinións e actitudes, tanto implícitas como explícitas, dos e das falantes nunha ampla gama de textos orais extensos, precisos e detallados, e nunha variedade de acentos, rexistros e estilos, mesmo cando a velocidade de articulación sexa alta e as relacións conceptuais non estean sinaladas explicitamente, sempre que poida confirmar algúns detalles, especialmente se non está familiarizado/a co acento.

Producir e coproducir con fluidez, espontaneidade e case sen esforzo, independentemente da canle, unha ampla gama de textos orais extensos, claros e detallados, conceptual e estruturalmente complexos, en diversos rexistros, e cunha entoación e acento adecuados á expresión de matices de significado, mostrando dominio dunha ampla gama de recursos lingüísticos, das estratexias discursivas e interaccionais e de compensación que fai imperceptibles as dificultades ocasionais que poida ter para expresar o que quere dicir, e que lle permite adecuar con eficacia o seu discurso a cada situación comunicativa.

Comprender a intención e o sentido xeral, a información importante, as ideas principais, os aspectos e detalles relevantes e as opinións e actitudes dos/as autores/as, tanto implícitas como explícitas, nunha ampla gama de textos escritos extensos, precisos e detallados, conceptual e estruturalmente complexos, mesmo sobre temas fóra do seu campo de especialización, identificando as diferenzas de estilo e rexistro, sempre que poida reler as seccións difíciles.

Producir e coproducir, independentemente do soporte, textos escritos extensos e detallados, ben estruturados e axustados aos diferentes ámbitos de actuación, sobre temas complexos nos ditos ámbitos, resaltando as ideas principais, ampliando con certa extensión e defendendo os seus puntos de vista con ideas complementarias, motivos e exemplos adecuados e terminando cunha conclusión apropiada, utilizando para isto, de maneira correcta e consistente, estruturas gramaticais e convencións ortográficas, de puntuación e de presentación do texto complexas, mostrando control de mecanismos complexos de cohesión e dominio dun léxico amplo que lle permita expresar matices de significado que inclúan a ironía, o humor e a carga afectiva.

Mediar entre falantes da lingua meta ou de distintas linguas, oralmente ou por escrito, en situacións específicas e complexas, nos ámbitos persoal, público, académico e profesional, transmitindo con flexibilidade, corrección e eficacia unha ampla gama de textos orais ou escritos complexos.

3. Contidos e temporalización

O curso desenvolverase durante un ano lectivo. As diferentes actividades de aprendizaxe están organizadas en 10 módulos, para cuxa realización se require unha dedicación estimada de seis horas de aprendizaxe, complementadas por outras seis horas de ensinanza presencial, por módulo. O tempo dedicado ao estudo dependerá, en cada caso, das necesidades e destrezas previamente adquiridas.

Os módulos que veremos serán os seguintes:

Module 1: Nature vs Nurture

Module 2: The university of life

Module 3: Into books and films

Module 4: Hitting the road

Module 5: The first wealth is health

Module 6: One brick at a time

Module 7: In the rat race

Module 8: Working for the planet

Module 9: Art is long, life is short

Module 10: Big Brother is watching

Os contidos detaiados e temporalización dos mesmos están contidos na programación de departamento.

4. Modalidade semipresencial

Nesta modalidade semipresencial combínanse a partes iguais a docencia virtual coa docencia presencial, dedicándose a esta última unha única sesión de dúas horas semanais. Dunha banda, na aula virtual traballaranse principalmente as seguintes actividades de lingua:

  • comprensión de textos orais
  • produción de textos orais
  • comprensión de textos escritos
  • produción e coprodución de textos escritos
  • mediación

Na aula presencial, doutra banda, afondarase especialmente nas actividades de lingua que resultan máis difíciles de practicar virtual e individualmente:

  • produción e coprodución de textos orais
  • mediación

É moi recomendable, por tanto, cumprir coa asistencia e realizar o traballo requirido en ambos os dous espazos para acadar os obxectivos do curso. A pesar da flexibilidade que proporciona a docencia virtual, recoméndase respectar os prazos establecidos para a realización e entrega das tarefas, co fin de levar os contidos ao día e ser quen de seguir o ritmo do grupo.

Cómpre ter presente que a modalidade semipresencial require por parte do alumnado un nivel de autonomía como aprendiz de linguas considerablemente maior que a modalidade presencial. 

5. Requisitos técnicos

Para o seguemento da parte virtual do curso requírense coñecementos básicos de informática a nivel de usuario, así coma os seguintes dispositivos:

  • ordenador con conexión a internet
  • micrófono
  • cámara web

Se non se dispón destes dous últimos, pódese empregar calquera teléfono móbil ou tableta que conte con eles.

6. Estrutura do curso

O curso comprende 10 unidades temáticas que se corresponden con 10 módulos. Ademais, inclúese un módulo 0, onde se atopan os seguintes elementos:

News forum: É un foro do novas onde o/a profesor/a irá publicando información sobre o curso e o seu desenvolvemento.

Introductions forum: É un foro no que deberás presentarte aos teus compañeiros/as ao inicio do curso.

Tutorials: Nesta sección atoparás documentos de axuda sobre aspectos técnicos da plataforma (como enviar e responder mensaxes, como establecer as túas preferencias, como gravar mensaxes de audio e vídeo, e como arranxar problemas co teu navegador).

Pola súa parte, cada módulo inclúe:

Road map: Nesta folla de ruta ofrécese unha visión panorámica do módulo (partes, tarefas, foros). Convén lelo antes de empezar co módulo.

Forum for discussion and queries: En cada módulo hai un foro específico para comentar dúbidas e resolvelas entre todos/as e/ou con axuda do profesor/a.

Ademais, as diferentes actividades e tarefas distribúense en catro seccións:

Learning about it: Nesta sección terás ao teu dispor unha serie de actividades de comprensión de textos orais e escritos, léxico, gramática e pronuncia, así como pautas e consellos para enriquecer a túa produción e coprodución oral e escrita. Tamén atoparás xogos e actividades para reflexionar sobre temas socioculturais.

Communicating and sharing: Nesta sección poderás escoller en que foro participar para facer postas en común, mediar e compartir ideas e opinións sobre diferentes subtemas do módulo. Fíxate ben que non sempre terás que facer todas as tarefas tipo foro, poden pedirche que participes nunha ou dúas. Os foros supoñen unha grande oportunidade para intercambiar impresións, coñecementos e traballar xuntos.

Making progress: Esta sección comprende tarefas de produción oral e escrita sobre as que recibirás feedback específico por parte do/a docente seguindo unha rúbrica de avaliación.

Follow-up: Nesta sección atoparás ligazóns e arquivos de interese para consolidar ou ampliar o aprendido ao longo do módulo. Tamén poderás completar un pequeno cuestionario Check your progress e reflexionar sobre a aprendizaxe e consecución dos obxectivos de cada módulo.

Todos os contidos da parte virtual deste curso se complementan coa actividade na aula presencial. Identificarás as tarefas que se inician online e teñen a súa continuación na aula presencial pola icona .

7. Tipos de actividades e tarefas

Todas as actividades e tarefas veñen acompañadas de instrucións e exemplos que convén que leas con calma para saber como facelas de maneira satisfactoria. A medida que vaias avanzando e realizando as actividades, marcarase un tick á marxe dereita

Ao longo dos diferentes módulos realizarás diferentes tipos de tarefas:

Forum : Son actividades nas que os/as usuarios/as interactúan intercambiando información ou opinións: abrindo fíos de conversa e publicando respostas. Neste curso cada módulo contén varios foros e deberás participar en alomenos un. Ao finalizar a actividade, o/a profesor/a partillará co grupo observacións xerais das intervencións no foro. Neste mesmo documento poderás ler con calma sobre netiqueta e normas aplicables aos foros.

Glossary : Esta actividade consiste na creación dun glosario de xeito colaborativo. En moitos módulos terás que publicar alomenos un ou dous termos no glosario seguindo as pautas indicadas nas instrucións. Ao rematares o módulo disporás do glosario completo que poderás imprimir e gardar. 

Podcast : Algúns módulos teñen un espazo de podcast na que os usuarios poden publicar, escoitar e mesmo comentar audio creado polos compañeiros. Terás que gravar un audio relacionado co tema e publicalo seguindo as instrucións. 

Task : En cada módulo deberás entregar alomenos un traballo escrito e/ou oral que será avaliado polo/a docente. Na descrición das tarefas estará explicada a forma de entrega e a rúbrica.

Mind map : O mapa de ideas permite organizar colaborativamente o novo vocabulario do módulo de maneira moi gráfica. É unha forma moi enriquecedora de avanzares na aprendizaxe xunto cos/as compañeiros/as.

Questionnaire : Nalgún módulo atoparás series de preguntas ou pequenos cuestionarios aos que responder de xeito breve. 

Wiki : Unha wiki é unha páxina que pode ser editada polos usuarios co fin de recoller información e colaborar na creación dun proxecto de forma colaborativa. Para traballar na wiki só tes que acceder a través da actividade e engadir contido premendo [edit].

Padlet: Padlet é unha ferramenta dixital que permite publicar contidos multimedia dentro dun taboleiro virtual e, á súa vez, interactuar comentando as publicacións dos demais. Neste curso hai varias tarefas nas que deberás crear contido en Padlet seguindo as pautas descritas. O acceso aos taboleiros será a través dun foro creado para tal efecto. Non necesitas estar dado de alta na plataforma para poder publicar contido. Simplemente segue a ligazón que aparece no foro.

Workshop : O obradoiro é unha tarefa na que se elabora unha produción escrita ou oral e esta é auto-avaliada polo/a propio/a alumno/a e co-avaliada entre compañeiros/as seguindo unha rúbrica. Por último, todo o proceso é avaliado polo/a profesor/a (hetero-avaliación).

Groups : A través desta actividade poderás formar mini-grupos para realizardes algunhas tarefas colaborativas.

Survey : Esta actividade permite facer pequenas enquisas ou sondaxes acerca dun determinado tema.

8. Metodoloxía

A modalidade semipresencial permite combinar as vantaxes da formación en liña e da formación presencial, adaptando a aprendizaxe aos recursos tanto técnicos como humanos que están á nosa disposición. 

Dende un enfoque competencial, en cada módulo preséntanse unha serie de tarefas para cuxa realización contarás cun paquete de actividades que te guiarán no proceso. Algunhas destas tarefas están deseñadas para traballar de maneira individual, e outras requiren un traballo colaborativo. Ambos tipos de tarefas están orientados a favorecer a reflexión e a aprendizaxe autónoma do alumnado a través da tecnoloxía.

Deste xeito, na contorna virtual terás acceso a materiais de consulta e actividades de comprensión e de exposición que poderás realizar con flexibilidade. Pero tamén terás múltiples oportunidades de colaboración para aprender colaborativamente: os foros, os glosarios, as postas en común en espazos de podcast, as actividades de co-avaliación etc. Aproveita estas actividades porque están deseñadas para potenciar a creatividade, a comunicación e o intercambio de ideas.

A metodoloxía é, por tanto, eminentemente práctica, promovendo a idea de aprender facendo, así coma a reflexión sobre a propia aprendizaxe.

9. Avaliación

Ao longo do curso empregaranse diferentes ferramentas de avaliación formativa mediante as que obterás retroalimentación continuada por parte do/a profesor/a sobre o teu proceso de aprendizaxe, tanto na aula virtual coma presencial. Así, o profesor corrixirá as túas tarefas e remitirá comentarios para axudarte a enfocar mellor a túa aprendizaxe e para que saques o máximo partido do curso. Noutras ocasións, as suxestións e propostas de mellora virán dos teus propios compañeiros/as, que che aportarán unha visión de igual a igual.

Para máis información sobre avaliación e cualificación, consulta a programación didáctica do departamento de inglés da túa escola oficial de idiomas para coñecer os criterios e os tipos de avaliación que se realizarán durante o curso.

10. Normas de netiqueta

Igual que sucede no mundo real, no mundo virtual existen unha serie de normas de convivencia, baseadas no respecto, que facilitan a comunicación e evitan situacións indesexables e conflitos:

11. Bibliografía e material complementario

Recomendacións de dicionarios en liña:

O teu profesor/a facilitarache máis información sobre bibliografía ao comezo do curso. Tamén podes consultar información bibliográfica na propia páxina web do centro no que estás matriculado/a.

Last modified: Wednesday, 21 October 2020, 7:02 PM