Preguntas frecuentes sobre o procedemento de acreditación do alumnado en competencias dixitais

É obrigatoria a realización da proba por parte do alumnado?

Non, a participación na proba é totalmente voluntaria, aínda que é preciso que o equipo directivo inscriba no período habilitado a tal fin ao alumnado interesado en participar.

Está prevista unha proba específica de acreditación dos coñecementos, habilidades e actitudes propias do nivel intermedio para o alumnado de 4º de ESO?

Na Resolución do 4 de febreiro de 2025, determínase que a modalidade de acreditación para o alumnado de 4º de ESO, no presente ano académico, se realizará a través da obtención do título de graduada ou graduado en educación secundaria obrigatoria no curso 2024/25 e recibirá o certificado que acredita o nivel de iniciación.           
Non se establece, polo tanto, unha convocatoria específica para alumnado de 4º de ESO para presentarse a unha proba de acreditación dos coñecementos, habilidades e actitudes propias do nivel intermedio. Non obstante, este alumnado podería presentarse ás probas xerais para a cidadanía, a partir dos 16 anos, que convoque AMTEGA.

Debe realizar a proba  o alumnado que superou a proba específica no curso 2023/24 e se atopa repetindo 2º de bacharelato no curso actual?

O alumnado que repite 2º de bacharelato no curso actual e superou proba no curso 2023/24 a proba específica de acreditación da área de dominio 4 de nivel intermedio non ten que realizar a proba nesta convocatoria 2024/25. Xa dispón dun documento de certificación que acredita os coñecementos, habilidades e actitudes da Área 4. Seguridade e privacidade e que determina a súa validez durante 5 anos.

Este alumnado repetidor recibirá a certificación ComDix que acredita o nivel intermedio unha vez obtido o título de bacharel e segundo se especifica na Disposición adicional primeira. Posta a disposición das certificacións.

Onde se custodian as solicitudes de participación na proba e autorizacións dos pais, nais ou persoas titoras legais do alumnado?

Estas solicitudes e autorizacións para a participación na proba de acreditación en competencias dixitais do alumnado quedarán custodiadas no centro educativo.

Cales son as datas concretas de realización da proba?

As datas exactas da proba específica de acreditación do alumnado de 2º de bacharelato serán fixadas cando remate o proceso de inscrición e a Administración educativa estableza o repartimento de centros e quendas, ao longo do mes de marzo. En calquera caso, comunicarase con antelación suficiente aos centros as datas que se lles asigne. Unha vez notificadas as datas de administración destas probas, só se admitirá o cambio en casos de excepcional incompatibilidade debidamente xustificada.

Onde se realiza a inscrición das persoas coordinadoras da proba?

A inscrición das persoas coordinadoras da proba nos centros realizarase de distinto xeito segundo a tipoloxía de centro:

  • En centros sostidos con fondos públicos → será realizada polo equipo directivo do centro empregando o formulario ligado na aplicación https://www.edu.xunta.gal/programaseducativos/ (sección Programas de éxito educativo>> Proba de acreditación de competencias dixitais - Área 4 - 2º Bacharelato).  A persoa inicialmente autorizada para acceder é o/a director/a. Posteriormente, se o desexa, poderá asignar eses permisos á persoa coordinadora da proba ou a outro/a docente (Utilidades → Autoriza).

  • En centros privados e sostidos con fondos públicos pero sen xestión XADE→ cubrirán o campo correspondente no formulario da aplicación Enquisas Educación, que se lle envía por correo electrónico ao enderezo do centro.

Onde se pode ver un exemplo da tipoloxía de preguntas da proba?

AMTEGA proporciona unha demo da proba de acreditación de nivel intermedio, correspondente a tódalas áreas, que mostra a visualización da plataforma e a tipoloxía de preguntas ás que se enfrontará o alumnado na devandita proba. Por motivos técnicos, esta demo consta unicamente de 8 preguntas (2 por cada competencia: 1 pregunta de coñecementos e 1 de habilidades). Na proba específica, o alumnado debe responder un total de 12 preguntas de diferente complexidade e tipoloxía.

O alumnado pode usar os seus ordenadores particulares para a realización da proba?

O alumnado deberá empregar os equipos proporcionados polo centro educativo para garantir que se cumpran os requirimentos da proba, polo que non se debe permitir o uso de dispositivos persoais.

É posible o emprego de Chromebooks para a realización da proba? 

Os postos informáticos deberán contar cun ordenador de mesa ou portátil con acceso a Internet e co seguinte software:

  • Navegador web actualizado.
  • Solución ofimática (LibreOffice ou calquera outro software equivalente).
  • Lector /visor PDF (Adobe Reader ou similar).

Os dispositivos tipo Chromebook poderán empregarse para a realización da proba de acreditación en competencias dixitais sempre e cando cumpran cos requisitos anteriores.

É posible o emprego de dispositivos E-Dixgal para a realización da proba?

Nos centros E-Dixgal, o alumnado pode usar estes dispositivos.

Vai haber un número de convocatorias máximo ao que poida presentarse o alumnado?

No DECRETO 123/2021, do 2 de setembro, polo que se regula o Marco galego de competencias dixitais e a certificación galega en competencias dixitais, non se indica a imposibilidade de presentarse a unha nova convocatoria das probas de acreditación. O alumnado, no caso de non superar esta convocatoria, podería presentarse ás probas que se leven a cabo dentro do sistema educativo galego, noutros niveis educativos ou ben ás probas xerais para a cidadanía, a partir dos 16 anos, que convoque AMTEGA.

O alumnado de ciclos formativos, incluído o de FP Básica, poderá presentarse á proba de acreditación?

A acreditación deste alumnado correspóndelle á Dirección Xeral de Formación Profesional. A Resolución pola que se ditan instrucións para a acreditación das competencias dixitais do alumnado só regula a proba de acreditación ao alumnado matriculado no presente curso en ensinanzas de réxime ordinario de ESO ou 2º de bacharelato. 

O alumnado de ESA poderá presentarse á proba de acreditación?

Atópase no mesmo caso que o alumnado de FP: a súa acreditación correspóndelle á Dirección Xeral de Formación Profesional, dado que a Subdirección Xeral de aprendizaxe permanente, ensinanzas artísticas, idiomas e deportivas depende desa Dirección Xeral.

Pode presentarse alumnado de 2º de bacharelato titulado en cursos anteriores?

A Resolución pola que se ditan instrucións para a acreditación das competencias dixitais do alumnado só regula a proba de acreditación ao alumnado matriculado no presente curso académico 24-25 en 4º de ESO ou 2º de bacharelato. 

O alumnado xa titulado en 4º de ESO en cursos anteriores tamén obterá o certificado ComDix iniciación?

Só a alumnado que cumpra simultaneamente estes requisitos:

  • Ter titulado en 4º de ESO nos curso 21-22 ou 22-23.
  • Ter participado un mínimo de tres cursos escolares no proxecto E-Dixgal (non computando os cursos repetidos).
  • Non realizara a solicitude no curso 2023-24

Terá validez a certificación ComDix do alumnado fóra de Galicia?

A certificación ComDix é a certificación galega en competencias dixitais promovida pola Administración galega e que certifica o nivel que ten un cidadán galego para utilizar as tecnoloxías dixitais, tanto a nivel persoal como social e profesional. Correspóndelles ás respectivas administracións autonómicas con competencias na materia establecer as futuras equivalencias ou homologacións.

Cales son os contidos que se esixirán na proba ao alumnado?

A información sobre os contidos correspondentes ao nivel de certificación intermedio aparecen reflectidos na páxina de AMTEGA sobre ComDix, onde se pode acceder ao documento coa Estrutura do Marco Galego de Competencias Dixitais. Neste documento haberá que prestar atención ao apartado 3 e, concretamente, ás columnas que describen a Dimensión 5 - Cidadanía para o nivel intermedio de cada competencia de cada área.

Podo acceder a formación sobre os contidos da proba, ademais dos inherentes ao currículo?

O Recurso Educativo Aberto (REA) Competencias Dixitais.  Área 4 - Seguridade e privacidade desenvolve os contidos da área 4 do Marco Galego de Competencias Dixitais.

A AMTEGA ofrece formación dixital para a cidadanía, con cursos de autoformación, entre outras opcións.

En que idioma se pode realizar a proba?

Ao inicio da proba o alumnado pode elixir o idioma desta: galego ou castelán.