Plan Anual de Formación
O pasado 29 de agosto de 2025 presentouse o Plan anual de formación do profesorado 2025/26. O Plan Anual que pon en marcha a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional ten como obxectivo último a mellora da práctica docente de todos os niveis non universitarios e, polo tanto, inclúe unha oferta formativa adaptada ás necesidades do profesorado galego, permitíndolle coñecer e incorporar novas formas de ensinar e garantindo a mellora das competencias profesionais docentes. Para o desenvolvemento das sete competencias do modelo, a oferta formativa está organizada en cinco liñas prioritarias que traballan dúas ou tres competencias de xeito troncal. Con todo, as demais competencias profesionais docentes tamén se abordan de xeito complementario. A modo de exemplo, en todas as actividades que se levan a cabo na Rede, independentemente da súa temática, desenvólvese como mínimo un indicador da competencia dixital docente pola súa propia natureza, ao ter lugar nun espazo virtual como é a Plataforma de Teleformación Galega (Platega). Así mesmo, todas as actividades de formación do profesorado tratan de xeito transversal a competencia en desenvolvemento profesional, xa que teñen como fin último o progreso e a mellora dos/das docentes.